Carme

Carme
[ONOM]

Prenome feminino de orixe toponímica. Provén do nome dun monte situado entre a fronteira de Galilea e Samaría (denominado Carmelus, en latín, Kármelos, en grego, e Karmel, en hebreo), correspondente á voz común karmel ‘xardín’, pola abundancia de flores que medraban nas súas abas. A forma feminina presenta a variante Carmela e os hipocorísticos Carmiña, Carmucha, Mucha, Muchiña, Lucha, Carmuca, Menchu, Arocha, Curucha, Mima e Mela. A orde dos carmelitas popularizou a Virxe do Carme ou do Carmelo xa desde a época medieval. A tradición carmelitana interpreta a visión do profeta Elías (unha nube branca que emerxe do mar ao pé do monte Carmelo) como unha promesa da Purísima Concepción de María, visión na que cómpre ver a orixe do seu padroado. A devoción pola Virxe do Carme foi introducida en Compostela no s XVIII. Tradicionalmente, tense invocado para a salvación das almas do purgatorio; logo converteuse en patroa dos mariñeiros. Na arte iconográfica, María aparece vestida co hábito carmelitano e cunha capa branca. A súa figura adoita representarse de tres formas diferentes: ergueita sobre un trono de nubes con cabezas de anxiños, cun escapulario nunha man e co Neno na outra; prestando acubillo a membros da orde baixo o seu manto; e rescatando a uns mariñeiros náufragos en plena tempestade. A Nosa Señora do Carme é titular de 3 parroquias e patroa dos concellos da Guarda, A Porqueira, Boiro, Bueu, Cariño, Cervo, Foz, Friol, Marín, Moaña, Muros, Noia, O Grove e Oleiros, onde se celebra o día 16 de xullo; en Cee, Laxe, Sada e Valdoviño celébrase o 16 de agosto e en Dumbría o 26 de agosto. Esta festa aprobouna Sisto V en 1587 e Benedicto XIII estendeuna a toda a Igrexa en 1726. A tradición popular recolle moitas coplas e ditos que levan este nome: “Dáme Carmela, / un bico pequeno. / Non cho dou, queridiño: / téñoche medo”, “A Carmiña vai na fonte, / muito tarda, que non vén; / no saltadoiro da horta / algún galán a detén”, “Ven bailar, Carmiña, / Carmiña, Carmela, / co zapato baixo / i a media de seda, / de seda calada. / Ven bailar, Carmiña, / miña namorada”, “Nosa señora do Carmen / aquela máis pequeniña / o día da miña voda / has de ser miña madriña”, “Anque me vexas ir sola / non veñas acompañarme / que levo de compañía / á miña virxe do Carme”, “Entre o Carme e a Madalena non déixe-lo millo na eira”, “Ó barco con perigo a Virxe do Carme lévao a bo arribo”, “Virxe do Carmo a que eu adoro, que atira as almas do Purgatorio”.

Palabras veciñas

Carman, Bliss | carmañola | cármata | Carme | Carme, o | carmeado -da | carmeador -ra