Carracci

Carracci

Familia de pintores boloñeses. A súa pintura caracterízase por un forte contido poético, que atopou a súa base na natureza e o seu instrumento no debuxo. Na súa obra son fundamentais a herdanza de Il Correggio, a contribución veneciana e a análise da arte de Raffaello Sanzio. Substituíron o simbolismo dos manieristas por unha alegoría de doada comprensión e fixaron e esquematizaron a iconografía da arte católica. Entre 1585 e 1588 fundaron a Accademia dei Desiderosi, chamada despois degli Incamminati. Ludovico Carracci (Boloña 1555 - 1619), pintor e gravador, foi discípulo de Próspero Fontana. Entre as súas obras destacan Martirio de santo Anxo (1598) e Predicación do Bautista (1592). O seu curmán, Agostino Carracci (Boloña 1557 - Parma 1602) foi gravador, pintor e poeta. Cultivou a pintura relixiosa plasmada en A derradeira comuñón de san Xerome (1592). O seu irmán, Annibale Carracci (Boloña 1560 - Roma 1609) foi pintor e gravador. Estudiou en Parma e en Venecia, onde recibiu a influencia de Veronese, Il Tintoretto e os Bassano. Creou un tipo de paisaxe clásica que se atopa representada posteriormente en Nicolas Poussin e Claude Lorrain. Realizou a decoración do palacio Farnesio de Roma coa axuda do seu irmán (1595) e os tres participaron na decoración dos palacios Fava (1584) e Magnani (1588-1591) de Boloña. Entre as súas obras destacan A carnicería (1585) e A Madonna de san Mateo (1588). Tiveron moitos seguidores, entre os que sobresaen Guido Reni (1575-1642), Il Domenichino (1581-1641), Francesco Albani (1578-1660), Giovanni Lanfranco (1582-1647) e Il Guercino (1591-1666).