Carré Aldao, Uxío

Carré Aldao, Uxío

Escritor e editor. Nacido nunha familia pertencente á burguesía mercantil, ingresou na Escola de Comercio da Coruña, estudios que abandonou para dedicarse ao comercio de comestibles, seguindo a tradición paterna. Viaxou por España, Portugal e Francia, foi síndico do gremio e membro da Cámara de Comercio, Industria e Navegación da Coruña. En 1888 entrou a formar parte da loxa masónica Fraternidad VIII nº 232, composta na súa maioría por comerciantes, onde estableceu relación con persoeiros da cultura e da política e tivo un primeiro achegamento ao compromiso social e político. En 1891 distanciouse da actividade exclusivamente mercantil ao adquirir o traspaso da librería que Andrés Martínez Salazar tiña en Rego de Auga e, posteriormente, a imprenta, os estable- cementos litográficos e a papelería da coruñesa rúa Real de Domingo Puga. A partir de 1983 comprometeuse progresivamente coa cultura galega e contribuíu decisivamente á súa difusión e coñecemento. Así, publicou gran cantidade de artigos de diversa índole en xornais como El diario de avisos, La mañana, Las noticias, El mercantil, La Voz de Galicia, El noticiero, El independiente ou La idea moderna, actividade que mantivo o resto da súa vida. Como impresor, editou numerosas obras de autores galegos do momento en lingua galega e castelá, ademais das súas propias. Tamén editou o semanario bilingüe Revista Gallega (1895-1907), dirixido por Galo Salinas, que serviu como voceiro ao movemento rexionalista, e un Boletín Bibliográfico (1895-1896), que recollía con periodicidade mensual as obras aparecidas en Galicia ou fóra dela, ademais de avisos sobre novidades editoriais españolas ou estranxeiras, noticias literarias, xornalísticas e, en xeral, sobre actividades vinculadas ao Rexurdimento galego. A raíz desta publicación, en 1898 deu ao prelo o Catálogo de obras escritas en gallego, considerado como a primeira bibliografía galega. Paralelamente, o seu establecemento, a Librería Regional, converteuse no centro de reunión dun numeroso grupo de intelectuais e artistas, primeiro no local da rúa Real e logo, de novo, no de Rego de Auga; Carré é o principal animador da chamada Cova Céltica, prestixioso e histórico faladoiro galeguista no que se discutía diariamente sobre literatura, arte, historia ou calquera aspecto relacionado con Galicia. Destas reunións xurdiu o núcleo intelectual do Rexionalismo, de onde partiron múltiples iniciativas, non só culturais e literarias, como a Escola Rexionalista de Decramación, senón políticas, como a creación da Liga Gallega, que se estendeu por Galicia e Hispanoamérica espallando o ideario rexionalista. Carré foi activo fundador desta organización en 1897, formou parte da comisión encargada de redactar os seus estatutos; tamén integrou a comisión que, por iniciativa deste movemento, ergueu en Carral un monumento aos Mártires de 1846, o 23 de abril de 1899, feito que supuxo un xesto de afirmación e recuperación da memoria histórica do galeguismo. En 1905 interveu na creación da Real Academia Gallega; ao ano seguinte foi nomeado secretario e, en 1907, contribuíu á constitución de Solidaridad Gallega, colaborando nos seus órganos de expresión. Fundou, así mesmo, a sección ateneísta da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos da Coruña en 1907, que exerceu unha notable influencia na vida cultural e social da cidade. O seu vínculo co nacionalismo galego continuou anos despois coa adhesión ás Irmandades da Fala, desde a súa fundación en 1916. Foi membro da redacción do seu voceiro, A Nosa Terra, na primeira etapa (1916-1921), onde publicou artigos e expuxo as súas posicións políticas. O seu ideario quedou fixado principalmente nunha conferencia pronunciada o 7 de marzo de 1921, centrada no “Problema galego”, e nun artigo aparecido en A Nosa Terra, o 7 de marzo de 1923, no que empregaba o concepto de nacionalismo no canto de rexionalismo e manifestaba abertamente a súa evolución ideolóxica: “Al provincialismo sucedió, en el andar de los tiempos, el regionalismo, vocablo apropiado y llegado oportunamente para, a su vez, ser sustituido por otro no menos oportuno y más adecuado a la marcha de las ideas, o sea el nacionalismo”. Desde o peche da Librería Regional en 1908, intensificou o seu traballo na Real Academia, así como a súa actividade xornalística e investigadora. Nese mesmo ano, nomeárono oficial bibliotecario da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos e, posteriormente, cronista da Coruña. En 1926 ocupou o cargo de bibliotecario municipal, como substituto de Martínez Salazar, desde o que promoveu a creación dunha sección específica na biblioteca de obras referentes a Galicia, a organización dunha hemeroteca municipal, con xornais locais desde o ano 1925 e vontade de completala con publicacións da Galicia emigrante, e a fundación doutras dúas bibliotecas públicas. O seu labor como estudoso da cultura galega centrouse fundamentalmente na literatura, no xornalismo e na imprenta, e tamén na publicación de traballos filolóxicos, etnográficos e históricos. No eido da historiografía e da crítica literaria destacan a súa obra La literatura gallega en el siglo XIX (1903); a súa reedición de Literatura gallega (1911), acompañada dunha serie de apéndices e dunha selecta antoloxía, referencia fundamental para os estudiosos; Influencias de la literatura gallega en la castellana: estudios críticos y bibliográficos (1915), un dos primeiros achegamentos ao tema tralo estudo de Menéndez Pelayo sobre a pegada da lírica galega na métrica castelá; e os artigos aparecidos no Boletín de la Real Academia Galega en 1927 (tomos XVI-XVII) sobre o Estudio bio-bibliográfico-crítico acerca de Rosalía de Castro, elaborada a partir de información facilitada Manuel Murguía e que comprende, ademais, a que durante moito tempo foi a bibliografía máis completa da poetisa. No tocante á imprenta e á prensa galegas, deu ao prelo Apuntes para la historia de la imprenta y del periodismo en la Coruña (1901), Memorias sobre la aparición y desenvolvimiento de la imprenta en la provincia de Orense (1903) e múltiples artigos. A partir da creación do Boletín da Academia galega (1906), publicou unha serie de traballos sobre o mesmo tema que denominaría “monografías” e incluso varias bibliografías de obras de autores galegos ou impresas en Galicia, continuando o labor iniciado por Murguía no seu Dicionario de escritores gallegos (1862). Concibe a prensa como un fenómeno vivo que actúa como catalizador das inquietudes sociais do pobo galego, interpretación estreitamente unida ao seu compromiso político co Rexionalismo. A súa achega de estudios histórico-etnográficos comprende títulos como Influencia de los catalanes en el proceso de la industrialización pesquera en Galicia (1904), Alzamientos de La Coruña. Un siglo de historia local 1808-1908 (1908), Guerra de la independencia en Galicia. El alzamiento contra los franceses (1908) e os dous tomos dedicados á provincia da Coruña da Geografía general del reino de Galicia, dirixida por F. Carreras y Candi e editada por A. Martín, publicados arredor de 1930, así como o estudo Prácticas y costumbres, incluído no tomo Generalidades da mencionada Geografía. As súas obras de creación literaria abarcan os terreos da poesía, da narración curta e do teatro. Publicou Brétemas (1896), obra en prosa e verso que inclúe dous relatos orixinais e dúas traducións; Rayolas (1898), formada por textos en prosa e verso; Contos da forxa (1919), que recolle algunhas narracións do libro anterior e engade un novo con A terra chama (1925), novela curta que entronca co realismo costumista, ademais da produción aparecida na prensa periódica. Os seus relatos responden a unha dobre tipoloxía, os que ensaian unha orientación psicoloxista e os que perpetúan as fórmulas tradicionais e folclóricas. Ademais, elaborou Catecismo solidario (1907), en colaboración con Juan Beltrán, por encargo da Xunta de Solidaridad Gallega, que pretendía emular o Catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal, introducindo as claves ideolóxicas do movemento agrario. Finalmente, cómpre citar a súa única incursión no teatro coa a peza Sacrificio (1904), drama en verso dividido en dous actos, estreado en Lugo en 1917. O seu traballo de investigación e difusión da cultura galega viuse galardoado con múltiples premios en certames literarios e históricos. Tamén foi membro correspondente da Academia de la Historia, de Madrid, da sección galega da Real Academia Española, do Instituto Histórico do Minho, de Viana do Castelo, da Academia de Buenas Letras de Barcelona, do Real Instituto de Lisboa, vicepresidente da Comisión de monumentos da Coruña e varias veces directivo da Asociación da prensa coruñesa, entre outros cargos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso