Carré Alvarellos, Leandro

Carré Alvarellos, Leandro

Narrador, dramaturgo e director teatral. Fillo do insigne Uxío Carré Aldao, entrou desde cativo en contacto co galeguismo rexionalista que se reunía na librería do seu pai. Espectador na presentación da Escola Rexional de Declamación, promovida na Coruña en 1903 polo actor Eduardo Sánchez Miño e o dramaturgo Galo Salinas, traballou desde moi novo en La Artística. Entre os anos 1911 e 1913 viviu no Porto, onde se familiarizou coa cultura portuguesa. Escribiu en El Eco Español, España y Portugal e incorporouse desde 1916 ao recente movemento das Irmandades da Fala. No período 1916-1936 foi notable o seu labor como ensaísta, gramático e animador da vida teatral. Colaborou en numerosas publicacións (nalgunhas asinou como Ramón Alvariño) como A Nosa Terra, Nós, El Pueblo Gallego, Suevia, El Nororeste, Rexurdimento, Céltiga, Boletín da Real Academia, ás que hai que engadir despois da guerra Lar, Aturuxo, La Voz de Galicia, ou as portuguesas Douro-Litoral e Quatro Ventos. Foi editor, autor de traballos gramaticais como o Dicionario galego-castelán (1928-1931) e de libros de narrativa como As lendas galegas tradizonaes (1969) ou Contos de fantasmas (1972), investigador e divulgador de aspectos variados como o Entroido, as feiras e romarías, a matanza do porco ou o casamento. Os seus traballos foron galardoados con diversos premios en Nova York, Bos Aires e Francia. Como creador literario foi, fundamentalmente, narrador e dramaturgo, sen dúbida un dos autores teatrais máis representados e representativos do seu tempo. Como prosista publicou: Contos e diálogos (1918), Amor malfadado (1918), Naiciña (1925), A propia vida (1925), O home que deu vida a un morto (1926), O xornal de Mavi (1927) -estes catro últimos textos na colección Lar- e a novela de ambientación rural Nos picoutos de Antoín (1955), premiada en Montevideo. No seo da Irmandade coruñesa, o seu encontro con Ánxel Casal fixo posible, en plena ditadura de Primo de Rivera, a aparición da Editorial Lar e a publicación, entre 1924 e 1928, de 40 números da colección de novelas homónima. Na súa revista quincenal -mensual máis tarde- figuraba Leandro Carré como director literario, Ánxel Casal como administrador e Camilo Díaz como deseñador da portada. Xuntos combateron a falta de orixinais e o desinterese de moitos libreiros; en 1925 dispoñían de imprenta propia e intentaron diversificar o seu labor editorial, crearon unha Biblioteca de publicacións do Seminario de Estudos Galegos e libros de xénero diverso, desde a poesía ata o Dicionario galego-castelán do propio Carré Alvarellos. En Lar creouse tamén, por iniciativa de Carré, unha Biblioteca Teatral onde se editaron, entre 1925 e 1927, as obras de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, Armando Cotarelo Valledor e Leandro Carré tituladas: O Mariscal, traxedia histórica en verso, Hostia, pantasía tráxico-histórica nun auto, Pra vivir ben de casados e O corazón d’un pedáneo. Galardoado con varios premios teatrais, conferenciante e investigador da dramaturxia, foi representado por numerosos grupos como Cántigas da Terra (para o que comezou a escribir teatro en 1917), Toxos e Froles, o grupo da Irmandade da Fala de Betanzos, o Conservatorio Nacional de Arte Galega, Xestas e Froles, a Escola Dramática Galega (da que foi director), o coro Ecos da Terra, a Agrupación Artística de Vigo, o coro Airiños do Arenteiro, Saudade (coro do que foi director e para o que fixo A espadela con música de Mauricio Farto), a Agrupación Dramática Galega, a Compañía Malvar-Vidal, etc. En 1919 participou no I Congreso de Estudios Galegos cun relatorio sobre o teatro galego, en 1921 premiaron en Betanzos a súa peza O engano. En 1922 ocupou o cargo de director e fundador da Escola Dramática Galega, grupo teatral continuador da vella dramaturxia rexionalista encarnada, entre outros, por Galo Salinas e Lugrís Freire. En 1926, o coro Queixume dos Pinos estreou en Vigo a súa obra Unha noite no muíño. Logo da guerra colaborou no Boletín da Academia, na BBC de Londres, e en Radio Nacional de España, medio no que contribuíu á recuperación da cultura teatral galega. Cultivou, ademais dos cadros de costumes e dos diálogos breves, o drama e a comedia. Escribiu pezas breves -adoito dun só acto- con unidade espacial e temporal. Os actos aparecen organizados en escenas tamén breves. O tema central do seu teatro é o amor en todas as súas vertentes: correspondido, imposible, reprimido, utópico ou prohibido. Tamén trata as penurias e traxedias da vida mariñeira, os problemas dos obreiros, a crítica aos abusos cometidos desde o poder, a creación artística en Galicia, a trivialidade da vida e a defensa da ideoloxía das Irmandades da Fala. Predominan os escenarios rurais e labregos sobre os mariñeiros e os urbanos -humildes e obreiros ou elegantes e burgueses-, adecuados á súa época, e reflicten os seus conflitos, en particular os da pequena burguesía, con humor e ironía. En canto aos personaxes, ten un especial relevo a parella de amantes e as figuras que se moven no seu contorno; aparecen tamén o líder obreiro, o señor do pazo, o militante nacionalista, a muller desfeita pola vida, o criminal, o amante profesional, o desenganado, os amantes inmaturos, os mariñeiros e as beatas. A súa obra literaria componse dunhas cincuenta pezas de teatro, dezasete editadas. Das inéditas representáronse, entre 1917 e 1949, unhas quince, normalmente cadros de costumes escritos para Cántigas da Terra como A primeira conquista, estreada en 1919. Das impresas destacan: Tolerías (estreada na Coruña en 1917 polo coro Cántigas da Terra), pasatempo nun acto, costumista e realista, protagonizado por un cego e un tolo que serven para acoller unha historia de amor e facer unha certa crítica social; Noite de ruada (estreada en 1919 en Vigo pola Agrupación Artística), comedia nun acto de ambiente labrego na que Antonio pretende interporse sen éxito nas relacións que unen a Chinto e María; Pra vivir ben de casados (estreada en 1917 por Cántigas da Terra), pasatempo nun acto no que se fai unha loa do amor como condición para a vida feliz das parellas; Rexurdimento (estreada en 1930), drama nun acto que trata o tema da insatisfacción sexual e vital de Antona, obrigada a casar cun home vello; Enredos (estreada en Betanzos en 1919 e premiada nun certame convocado pola Irmandade da Fala coruñesa), comedia en dous actos na que os amores de Andrés e Pílara acadan unha xusta reciprocidade; O corazón dun pedáneo (estreada en 1922), comedia que combina historias amorosas e enredos cómicos, e que presenta como novidade a figura de Mingos, militante e representante do nacionalismo galego; A venganza (estreada en 1922 pola Escola Dramática Galega), cadro tráxico de ambiente rural nun acto e con final aberto; O que é a vida (1923), diálogo entre dous homes que fan reconto da súa existencia; O pecado alleo (estreada en 1923 pola Escola Dramática Galega), drama longo en tres actos de alento cabanillesco e oteriano na que se critica o poder; Pra o día de mañán (1924), breves diálogos aparecidos en A Nosa Terra nos que un par de mozos inexpertos reciben o consello dun home sobre a relación parital e a necesidade de traballar por Galicia; Cousas para os nenos (1925), breve peza infantil que denuncia a opresión de Polichinela sobre un pobre e un xigantón; Noite de trunfo (1926), diálogo considerado de carácter autobiográfico que se centra na difícil tarefa de sobrevivir traballando no teatro galego; Os homildes (1927), traxedia realista de temática mariñeira; Co’a máscara do amor (1955), peza de ambiente requintado na que se ataca a figura do pseudoamante, finalmente desenmascarado; Meiguerías (1956), pasatempo nun acto de ambiente labrego e temática amorosa; Almas en pena (estreada en 1925), drama amoroso; e Tiros na rua (1957), comedia dramática en tres actos na que conflúen dous tipos de opresión, a dos patróns sobre os obreiros e a que Gastón exerce sobre Nati. Continuando no eido dramático, cómpre salientar o seu labor como actor na Escola Dramática Galega, director da propia Escola e de Cántigas, e colaborador cos coros Saudade e Queixume dos Pinos. Defendeu a introdución de personaxes señoriais de ambiente elegante que utilizaban un idioma depurado na liña do de Ramón Cabanillas ou López Abente. Entendeu a caracterización non só como a pintura do rostro senón tamén como a arte de vestir, peitearse, modular a voz, andar e constituír un carácter e unha psicoloxía, e tamén tratou outros asuntos relevantes na arte teatral como a maquillaxe, a mímica e a expresión xestual. Escribiu, ademais, ensaios sobre o teatro de Ramón Cabanillas (1961) e Rodríguez Castelao (1975), e numerosos artigos sobre os problemas do teatro galego e sobre autores como Galo Salinas ou Lugrís Freire. En 1975 publicou no Boletín da Real Academia Galega unha tradución parcial do Quixote. Ingresou na Real Academia Galega en 1945 e foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Histórico do Minho, do Instituto Português de Arqueologia e da Sociedade da Língua Portuguesa de Lisboa.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso