Carrefour
Grupo empresarial francés que ten como actividade principal a distribución comercial. Resultado da fusión dos grupos Carrefour (hipermercados Pryca) e Promodés (Continente, Dia, Champion -antigo Simago- e Punto Cash), en 1999, converteuse no primeiro grupo de distribución europeo e o segundo no ámbito mundial, cunha cifra de negocio estimada en 54.000 millóns de euros ao ano e cunha rede comercial integrada por máis de 9.000 establecementos en 25 países de Europa, América e Asia. As empresas fusionadas destacan por ter introducido innovacións nas súas estratexias e produtos. En 1959 creouse Carrefour, que abriu a súa primeira tenda en 1960 na Alta Savoia, e en 1961 o grupo Promodés. No ano 1963 Carrefour inaugurou a súa primeira tenda en París e Promodés o seu primeiro hipermercado. En 1969 as accións de Carrefour comezaron a negociarse en bolsa e, na mesma data, coa súa instalación en Bélxica, principiou a súa expansión internacional. De seguido, estableceuse en Suíza; en 1972, en Italia e no Reino Unido co nome de Continente; e, posteriormente, en España, Brasil e Alemaña. Pola súa parte, Promodés saíu a bolsa en 1979, ao mesmo tempo que os supermercados Dia se instalaban en España. No tocante ás súas innovacións, estableceron a comercialización de produtos sen marca cun prezo inferior ao habitual e cun horario de apertura ininterrompida. En 1984 Carrefour lanzou unha tarxeta de pago propia. A súa expansión internacional proseguiu coa súa chegada a Arxentina (1982), Taiwán (1989), Grecia e Portugal (1991), México e Malaisia (1994), e Turquía e China (1995). Ademais, na década dos noventa diversificou os seus servicios e penetrou en sectores como o da mecánica de automóbiles, axencias de viaxes, telefonía, automóbiles, parafarmacia e óptica. En Galicia, coas marcas Carrefour, Champion ou Dia, está presente nas principais cidades e vilas.