Carrero Fernández, Xenaro
Pintor. Formouse na Real Sociedad de Amigos del País de Santiago de Compostela, onde foi discípulo de Xosé Fenollera. Formou parte da chamada Xeración Doente. Trasladouse a Madrid cunha bolsa concedida pola Deputación da Coruña e alí coñeceu a Sorolla, do que foi discípulo, ao tempo que traballaba no obradoiro de Manuel Domínguez. Protexido por Montero Ríos, foi nomeado restaurador do Museo del Prado. Durante os seus anos de formación realizou álbums de debuxos e obras nas que representaba personaxes populares retratados con realismo como La Cabeza de anciano. En Madrid amosou a súa preocupación polo realismo social en obras como Víctima del trabajo (1899). Desde 1900 abandonou a temática social para achegarse aos modelos franceses dominantes neses anos e realizou obras nas que predominou unha fonda preocupación polo luminismo propio de Sorolla, que incidiu nunha evolución da paleta desde as gamas azuis (Anciano sentado a la luz de la luna) ata os ocres, terras e laranxas en lenzos que captaban os ambientes de interior (Retrato de la hija del pintor jugando e Estudio de pintor). Realizou tamén retratos, entre eles o de Afonso XIII, o de Emilia Pardo Bazán e o de Montero Ríos. En 1894 recibiu a medalla de ouro da Real Sociedade de Amigos del País de Santiago de Compostela. Foi galardoado cunha mención honorífica na Exposición Nacional de 1895 pola obra Los Cantores de la Catedral e, en 1897, recibiu outra mención pola obra Caridad. En 1899 acadou a segunda medalla co lenzo Víctima del trabajo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Noia -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela