cárstico -ca
(< topónimo Kras ou Karst)
-
adx
[XEOG]
Relativo ou pertencente ao carst.
-
relevo cárstico
[XEOG]
Relevo propio das rexións de macizos calcarios, nas que se desenvolveu un carst. As formas superficiais son a garganta, a dolina, o lapiaz, o poljé, a uvala e as formas subterráneas: sima, caverna, cova, resurxencia, esurxencia, fonte vauclusiana, etc. Por extensión, cualifícase como cárstico todo relevo caracterizado por procesos de disolución das rochas calcarias e tamén xesosas ou salinas. Varía en función das condicións climáticas, da evolución xeomorfolóxica xeral e da estrutura xeolóxica (disposición e tipo de rochas). O trazo característico das áreas de relevo cárstico é a circulación subterránea da auga. Entre os seus puntos de absorción (diáclases, simas, etc) e os de saída (resurxencia), a circulación establécese aproveitando os puntos febles da masa das rochas (planos de estratificación, diáclases, fallas, etc) e dá orixe a un sistema de cavidades, pozos e galerías nos que a auga, que flúe libremente ou a presión, xera procesos de erosión mecánica e de disolución. Pódese formar así unha rede de circulación cárstica progresivamente complexa que canto máis actúa máis tende a implantarse a maior profundidade.