carta

carta

(< lat charta < grχάρτης ‘carta’)

    1. s f

      Comunicación escrita, xeralmente pechada, enviada por unha persoa a outra. Antigamente consistía nun prego de papel escrito por unha banda e dobrado de maneira que aparecese na parte frontal o nome e o enderezo do destinatario xunto co franqueo e o cuño. Ata a aparición do selo de correos era coñecido como sobrescrito. Posteriormente, xeneralizouse o uso do sobre para gardar o escrito e indicar na parte frontal o destinatario.

      Ex: Recibín unha carta súa a semana pasada e respondinlle onte.

      Confrontacións: misiva.
    2. carta aberta

      Carta enviada a un particular e que se fai pública simultaneamente para o coñecemento de todo o mundo, xeralmente a través dun medio de comunicación.

    3. carta certificada

      Carta que se entrega nunha oficina de correos pagando o selo correspondente e cubrindo un xustificante que obriga á empresa receptora a probar que chegou ao seu destino, a devolvela se non se atopa o destinatario ou a pagar unha determinada indemnización en caso de extravío.

    4. carta circular

      Carta que consiste nun modelo no que unicamente cambia o destinatario e informa a un grupo de persoas sobre o mesmo asunto.

  1. s f

    Documento que acredita determinados dereitos ou servicios para a identificación persoal con validez oficial.

    Ex: A entrada ó teatro é máis barata se levas a carta de estudiante.

    Sinónimos: carné.
    1. s f

      Mapa no que se representan determinadas características xeográficas e atmosféricas cun fin orientativo.

    2. carta aeronáutica [AERON]

      Mapa deseñado especialmente para o uso da navegación aérea. Representa un sector de terra ou de terra e mar, no que se detallan tanto os elementos naturais como os humanos, preferentemente os das zonas de aterraxe.

    3. carta celeste [ASTRON]

      Representación nun plano, por proxección estereográfica, das estrelas e dos elementos máis importantes da esfera celeste. Diferénciase do planisferio polo feito de abarcar zonas máis limitadas; isto permite facer explícita a posición das estrelas de magnitude ata 21.

    4. carta do tempo [METEOR]

      Carta ou mapa nos que se representan os datos e as análises que describen o estado da atmosfera sobre unha grande área nun momento determinado. As máis importantes son as cartas de superficie ou isobáricas, que representan a distribución da presión atmosférica a nivel do mar e, polo tanto, as posicións das áreas de altas presións e de baixas presións e a posición e natureza das frontes e das masas de aire; e as cartas de presión constante ou cartas de nivel superior, que conteñen gráficos de distribución da altura, vento, temperatura e humidade. Dentro das cartas auxiliares existen as cartas de grosor, que representan a dimensión dun certo estado, fisicamente definido, da atmosfera; as cartas de cambio, que indican a ascendencia e a dirección de cambio dalgúns elementos meteorolóxicos durante un intervalo de tempo determinado; as cartas de continuidade, nas que se introducen as fisionomías significativas das cartas sinópticas en intervalos regulares pasados; e as cartas isotrópicas, onde se representan as distribucións de presión nunha superficie isotrópica determinada.

    5. carta magnética [XEOG]

      Mapa no que se representan as características magnéticas dunha zona determinada. O seu uso limitouse polo feito de que as cartas náuticas modernas inclúen o valor da declinación magnética.

    6. carta mariña/de marear/náutica/de navegación [MAR]

      Mapa destinado principalmente aos navegantes, no que se describe a costa, a localización dos escollos ou elementos perigosos para a navegación e que ofrece referencias do fondo mariño e dos sinais (semáforos, faros, balizas, etc) que poden servir de guía ao bordear a costa ou penetrar nun porto. É imposible representar unha superficie curva como é a da Terra sobre o papel, respectando á vez os ángulos e as distancias. Esta situación motiva que os xeógrafos realicen as cartas mariñas sacrificando as distancias, que se rectifican seguindo o sistema de Mercator e que modifica a escala de acordo coa latitude. Por este motivo, todas as cartas mariñas levan dúas escalas, a escala de latitudes, que limita a carta ao L e ao O (graduada en graos e minutos, indispensable para medir unha distancia na carta, tomar a medida cun compás de puntas e levalo sobre a escala na latitude onde estea situada a distancia a medir) e a escala de lonxitudes, que limita os bordos N e S e só permite situar a lonxitude dun punto e nunca se debe empregar para medir unha distancia. As cartas mercatorianas confecciónanse partindo dunha modificación da proxección cilindrocentrográfica, úsanse para a navegación costeira e para a derrota loxodrómica. As cartas gnomónicas, baseadas na proxección do mesmo nome, úsanse só para navegar por derrota ortodrómica, que, como todo arco de círculo máximo, se representa por un segmento de recta. Non obstante , polo feito de que os rumbos sempre son loxodrómicos, o detalle concreto da ortodrómica ten que ser sempre transportado, convertido en loxodrómica, sobre unha carta mercatoriana. Igualmente, as cartas náuticas pódense clasificar nas chamadas cartas xerais (escala entre 1:3.000.000 e 1:30.000.000) que abarcan unha grande extensión de mar e de costas, e que están dedicadas ás travesías oceánicas; cartas de arrombamento (escala entre 1:200.000 e 1:3.000.000) que se empregan para o trazado de rumbos directos entre distancias medias; cartas de navegación costeira (escala entre 1:50.000 e 1:200.000), empregadas para navegar á vista da costa; cartas de proximidade (escala próxima a 1:25.000), destinadas a facilitar a aproximación a portos ou a lugares de recalada; e portolanos (escala tamén próxima a 1:25.000) que ofrecen o detalle completo dun anaco de costa con indicacións sobre un porto, unha rada, unha baía, un fondeadoiro ou outro lugar de ancoraxe. Nas cartas mariñas españolas, a zona de mar imprímese en cor branca, a excepción das zonas de profundidade inferior a 10 m, que aparecen representadas en diferentes tons de azul. A terra tínguese dunha gama de amarelos e ocres que incrementan a súa intensidade de xeito proporcional á topografía. Todas as medidas e pendentes veñen indicadas en metros. As cartas mariñas doutros países utilizan símbolos e abreviaturas distintos; un exemplo é a carta británica que reflicte a distancia en pés e non en metros. O tipo máis moderno e específico de cartas náuticas son as adaptadas aos diferentes sistemas de radionavegación.

  2. s f [XOGO]

    Folla rectangular de cartolina con figuras pintadas nun dos lados, que forma parte dun conxunto de 48 a 52 elementos divididos en catros series ou paos. Serven para xogar (xogo de cartas), para practicar exercicios de manipulación e ilusionismo ou para a adiviñación (cartomancia). Tamén tiveron importancia as cartas con finalidades pedagóxicas ou satíricas. Atribúeselle a orixe das cartas ao Extremo Oriente (India e China), e a súa introdución en Europa aos árabes e cruzados; os primeiros testemuños son do s XIV e recibiron o nome árabe na’īb, ‘fabricante de cartas’. Distínguense as cartas narrativas das de puntuación; as cartas narrativas foron substituídas, sobre todo como elemento de xogo, polas de puntuación. Os naipes árabes introducidos en Europa compoñíanse de 50 unidades distribuídas en 5 paos de 10 cartas, que se correspondían coa condición social, as musas, as ciencias, as virtudes e os planetas. As primeiras cartas europeas de puntuación (do 1 ao 10) comprenden os catro paos -copas, espadas, ouros e bastos-, en alusión ao clericato, á nobreza, aos comerciantes e aos labregos, que aínda subsisten na chamada baralla española, a máis frecuente en Galicia. Considérase o tarot, combinación de naipes e de cartas de puntuación, como a base dos actuais xogos de cartas, especialmente das cartas modernas da baralla francesa. Actualmente, as variantes máis divulgadas son os xogos denominados francés (52 cartas), inglés (56 cartas) e español (48 cartas).

    Sinónimos: naipe.
  3. [ARQUIV]
    1. s f

      Calquera documento, título ou contrato escrito.

    2. s f

      Diploma ou acta solemne.

    3. carta partida

      Carta partida por ABC.

  4. [HIST]
    1. s f

      Documento polo que o rei ou un nobre recoñecía certos privilexios ou facía constancia dunha doazón.

    2. carta de couto

      Documento emanado da Corte castelá-leonesa durante o s XII, polo que o rei concede a un señor, normalmente un mosteiro, unha serie de dereitos sobre un territorio e os seus habitantes, consistentes basicamente en prestacións persoais e económicas. O monarca non exercía un control directo sobre o territorio acoutado e os seus habitantes. Eran os señores os encargados do señorío xurisdicional e percibían por el unha serie de taxas e dereitos (portaxes, peaxes e loitosas). Ao mesmo tempo, recibían os dereitos de vasalaxe dos habitantes dos coutos, que debían estar a disposición do señor e acudir sempre que este o precisara, ou conmutar a obriga por un pagamento en diñeiro. Na preferencia dos monarcas polos mosteiros, fundamentalmente cistercienses, que colaboraban no proceso de colonización e control do territorio, valorábase a súa capacidade para articular a vida rural e servir de contrapeso á nobreza laica.

    3. carta de doazón/dotal

      Documento polo que se doaban unha serie de bens a un mosteiro ou a unha igrexa.

    4. carta de poboamento

      Documento no que se recolle a concesión outorgada polo monarca ou polo señor dunhas terras despoboadas aos novos habitantes dun lugar, e que regula e establece as normas e condicións polas que se rexerá a vida xurídica da comunidade no futuro. A concesión de cartas de poboamento foi un fenómeno xeneralizado entre os ss XI e XIII no contexto da Reconquista, pero tamén localizado en momentos posteriores, cando se intentaban colonizar territorios despoboados. Nas cartas recollíanse as concesións ofrecidas aos novos habitantes, melloras de tipo xurídico e material, case sempre franquicias ou exencións que servían de aliciente aos inmigrantes.

    5. carta foral

      Documento propio dos reinos hispánicos medievais, xurdido a partir do s XI, polo que o rei concedía aos concellos o dominio dun amplo territorio e acordaba con eles as condicións de participación no seu repoboamento. Os concellos fronteirizos, entidades case autónomas, estaban abertos a xentes de todas as procedencias e condicións sociais; recibían un estatuto local de privilexio que consagraba as liberdades de residencia, a inviolabilidade do domicilio, a libre disposición dos bens e posesións xunto co aproveitamento comunal de montes, prados e augas do termo. O foro estendeuse aos futuros poboadores da nova vila, que quedaban exentos das limitacións da súa liberdade. Ao longo do Camiño de Santiago concedéronse foros aos núcleos que xurdían, entre os primeiros destaca no Reino de León, o foro da propia cidade de León, outorgado no 1017. No Reino de Galicia, dependente do leonés, concedeuse o foro de Benavente, outorgado por Fernando II a esta vila no 1167, ás vilas de reguengo de Betanzos, Pontedeume, A Coruña e Baiona. O chamado foro de Sahagún, foi concedido por Fernando II ás vilas galegas de Allariz, no 1153, e Ribadavia, no 1164. As poboacións do camiño como Pamplona, Estella, Nájera, Castrojeriz ou Santiago de Compostela, recibiron foros propios, nos que se recollían os dereitos da poboación peregrina establecida neles.

    6. carta foreira

      Documento ou despacho outorgado por un tribunal superior, polo que se lle concede a unha persoa unha serie de foros, exencións ou inmunidades, segundo o dereito ou privilexio concedido.

    7. carta fundacional

      Documento polo que, xeralmente o rei, recoñecía a fundación dun mosteiro ou igrexa, acompañado dunha enumeración dos bens que pertencían á institución e dos membros que a compoñían nese momento.

  5. [RELIX]
    1. carta apostólica

      Carta emanada do papa como persoa pública. Existen distintos tipos, entre os que destaca a encíclica, dirixida ao conxunto da Igrexa.

    2. carta pastoral

      Escrito de exhortación, consello ou información que o bispo envía á clerecía ou ao pobo da súa diocese.

    3. carta testemuñal

      Certificado polo que consta que un candidato á vida relixiosa posúe as condicións canónicas.

  6. [DER]
    1. carta credencial

      Documento que recibe un embaixador ou ministro para que sexa oficialmente recoñecido.

    2. carta municipal/provincial

      Réxime xurídico especial de carácter organizativo (carta orgánica) e económico (carta económica), que pode conceder o Estado aos concellos ou ás deputacións.

    3. carta verde

      Certificado internacional de seguro do automóbil que acredita a existencia dun seguro de responsabilidade civil, válido para calquera dos estados adheridos a este réxime.

    4. carta orde

      Comunicación dun xuíz ou dun tribunal dirixida a outro xuíz ou tribunal subordinado na que lle encomenda a práctica dalgunha actuación xudicial vixente no trámite penal.

  7. [ECON]
    1. carta administrativa

      Documento expedido pola Comisión Europea que, nun procedemento de aplicación das normas da competencia, informa que non hai motivo para continuar ou iniciar accións por incumprimento da normativa, e no que o caso queda pechado. Non ten efectos vinculantes e prodúcese no caso en que voluntariamente as partes eliminen as obxeccións impostas.

    2. carta de despedimento

      Documento polo que o empresario notifica a un traballador que vai ser despedido do seu posto de traballo, e no que se inclúen as razóns do mesmo e a data da súa entrada en vigor.

    3. carta de exportador

      Documento que autoriza a unha empresa a realizar exportacións. Este procedemento ten lugar no caso de ser o estado o regulador do comercio exterior.

    4. carta de pagamento

      Documento no que o acredor confesa recibir do debedor a cantidade debida.

    5. carta de recepción

      Documento que expide o acredor a nome do debedor, no que figura o pagamento do intercambio realizado e a liquidación da débeda.

    6. carta orde de crédito

      Carta coa que un comerciante libra a favor doutro co fin de que este poida obter do destinatario unha suma de diñeiro, ata o importe máximo sinalado no documento, para atender unha ou máis operacións de comercio.

  8. [POLÍT]
    1. s f

      Declaración programática e fundamental de principios xerais.

    2. carta magna

      constitución.

    3. carta outorgada

      Documento constitucional concedido por un monarca sen intervención das cámaras representativas.

  9. s f [ALIM]

    Lista impresa dos pratos e bebidas que se poden consumir nun establecemento de hostalería.

    Ex: A carta do restaurante no que ceamos estaba en francés.

  10. s f [LIT]

    Forma literaria adscrita ao xénero epistolar que na época clásica acadou gran popularidade. En Atenas editábanse coleccións de cartas de personaxes relevantes, como as atribuídas a Isócrates, Demóstenes, Platón ou Aristóteles, que expuñan o seu pensamento. Posteriormente, a moda estendeuse a Roma, onde se divulgaron compilacións de cartas de Cicerón, Plinio ou Séneca. Desta época datan as primeiras reflexións teóricas sobre a forma, como en De elocutione (Sobre a elocución), de Demetrio. No tocante ao estritamente literario hai que salientar as Epistulae (Epístolas) de Horacio, escritas en hexámetros, e as Heroidas de Ovidio, colección de quince cartas fiticias escritas en verso elexíaco, que o autor atribúe a unha galería de heroínas míticas, nas que se laian dos seus amores, da nostalxia ou dos celos polos amantes ausentes (Dido a Eneas, Penélope a Ulises, etc). Na Idade Media a carta converteuse nun elemento clave para a estrutura da chamada novela sentimental, como Siervo libre de amor (1439?), do galego Xoán Rodríguez do Padrón. No Renacemento foi un vehículo esencial para o intercambio de ideas. Neste sentido, considérase precedente do ensaio. Á vez, contribuíu a renovar as formas literarias consagradas, como ocorreu coa Epístola a Boscán, de Garcilaso de la Vega. No s XVIII, impulsouse o xénero epistolar con Lettres persanes (Cartas persas, 1721), de Montesquieu, Cartas marruecas (1783), de José Cadalso, e cultivouse a novela epistolar, construída como unha carta ou unha sucesión delas, tal e como aparece plasmado en Les liaisons dangereuses (As amizades perigosas, 1782), de Choderlos de Laclos. Entre os exemplos de manifestacións literarias do xénero epistolar durante os ss XIX e XX están as obras Pepita Jiménez (1874), de Juan Valera ou New Year Letter (Carta de aninovo, 1940), de W. H. Auden. Na literatura galega cómpre citar diversos epistolarios, como o de Rafael Dieste e, entre as novelas que recrean a fórmula, Cartas a Lelo (1971), de Xosé Neira Vilas ou Bretaña, Esmeraldina (1987), de X. L. Méndez Ferrín.

    Sinónimos: epístola.
  11. s f [TÉXT]

    Debuxo dun tecido feito en papel cuadriculado no que se marcan as ligaduras necesarias para obter o tecido mencionado.

  12. carta de axuste [COMUN]

    Debuxo que aparece nos canais de televisión para comprobar a calidade da imaxe, formado por figuras xeométricas, bandas e liñas de diferentes cores.

Frases feitas

  • A carta cabal. Por completo, pondera sempre unha calidade moral.

  • Á carta. Escollendo libremente entre as posibilidades que ofrece a carta dun establecemento hostaleiro.

  • Perder con boas cartas. Non lograr algunha pretensión tendo méritos para conseguila.

  • Tomar cartas no asunto. Intervir nun tema ou negocio.

  • Xogar a derradeira carta. Facer un último e supremo esforzo para resolver unha situación comprometida.

  • A cartas cartas e a palabras palabras. Tratar a unha persoa con respecto.

  • A cartas vistas. Con total sinceridade.

  • Botar as cartas. Facer certas combinacións cos naipes para adiviñar o destino.

  • Cartas cantan. Emprégase cando hai documentos escritos con que probar o que se afirma.

  • Dar carta branca. Deixarlle a alguén enteira liberdade para obrar.

  • Escribir unha carta. Defecar.

  • Non ver cartas. Non ter boas cartas no xogo.

  • Por carta de máis ou carta de menos. Actuar sen chegar aos estremos, sen facer ou dicir de máis nin de menos.