Cartagena

Cartagena
Nome científico: [ou Cartagena de Indias]

Capital do departamento de Bolívar, Colombia (812.595 h [1997]). Sitúase nunha rexión de lamazais, xunto ao golfo de Darién, na baía que leva o nome da cidade. As funcións agropecuarias están en retroceso e comeza a despuntar a industria téxtil, química e petroleira, grazas ás refinerías de petróleo que posúe. É un importante centro comercial, por mor da súa situación favorable á beira dun porto natural, que dá saída aos seus produtos, en especial ao petróleo. Como centro de ensino superior localízase a Universidad de Cartagena, creada en 1827. Fundada por Pedro de Heredia en 1533 co nome de San Sebastián de Calamar, que máis tarde cambiou polo de Cartagena de Indias, foi, xunto con Santa Marta, o punto de partida das expedicións cara á zona do Pacífico. Durante o s XVII o tráfico de escravos tivo nesta cidade un dos mercados máis importantes do mar das Antillas. Ao iniciarse o proceso de independencia converteuse nun centro fundamental de difusión das ideas revolucionarias e contou desde un principio coa incorporación da burguesía ao movemento independentista. A súa importancia minguou polo crecemento do porto de Barranquilla.