cartulario

cartulario

(< lat tardíochartularĭu < lat chartŭla ‘escritura pública’)

  1. s m [ARQUIV]

    Libro que reúne cunha certa orde expositiva (sistemática, cronolóxica, xeográfica, etc) unha serie de documentos e copias de documentos relativos a un determinado dominio civil ou eclesiástico, e que ten como función máis importante a de conservar e facilitar a consulta dos privilexios, títulos e dereitos dominicais dunha entidade xurídica ou dunha familia. Apareceron por vez primeira en Inglaterra trala conquista normanda, destinados ás fundacións relixiosas, aínda que logo os empregaron particulares e institucións civís. A presentación dos cartularios, polo menos ata o s XIII, adóitase axustar a unhas características determinadas: gran formato (de cuarto maior a folio maior), en pergamiño, con algunhas ilustracións, e escrito a dúas columnas. Os cartularios constitúen unha importante fonte historiográfica. Teobaldo I de Navarra (1201-1253) estableceu as súas leis por escrito e elaborou un Cartulario Magno con todas elas. Destacan o Liber Feudorum Maior (ss XII-XIII), o Llibre Blanc de Santes Creus (ss XII-XIII), o Cartulario de Carlomagno ou o Libro de la cadena, localizado no municipio de Jaca.

  2. s m [HIST]
    1. Arquiveiro palatino que no Imperio Romano de Oriente tiña ao seu cargo a conservación dos documentos públicos.

    2. En Italia, funcionario civil ou eclesiático encargado da conservación dos documentos públicos e que actuaba tamén como notario.

  3. s m [MAR]

    Libro que levaba o escribán dunha nave para anotar nel os datos de carga e descarga, ademais doutros detalles da contabilidade.

Palabras veciñas

cartotecario -ria | cartucheira | cartucho | cartulario | cartuxa | cartuxo -xa | Cartwright, Edmund