Casa de Galicia
Institución dependente da Xunta de Galicia inaugurada en Madrid en 1992. Dedicada á difusión da cultura e economía galegas, así como aos labores da propia institución autonómica, realizou actividades de presenza institucional, difusión cultural, empresarial e turística. Celebráronse conferencias, mesas redondas, presentacións de libros, entre as que destaca a da Enciclopedia Galega Universal (EGU) o 18 de novembro de 1999, recitais de música, teatro, cine e literatura, ademais da promoción de festas e eventos tradicionais galegos. Un dos seus obxectivos principais é a difusión da arte galega mediante a celebración de exposicións de artistas novos e consagrados. No eido da promoción económica e comercial, tiveron lugar diversas mostras dos produtos de empresas galegas. Así mesmo, converteuse nun foro de comunicación e cooperación entre empresarios galegos e foráneos, e nun centro de consulta para os empresarios de Madrid.