Casa de Galicia
Publicación subtitulada “Revista mensual de la Asociación”, editada pola Casa de Galicia en Bos Aires e dirixida por J. E. Groba. Saíu mensualmente dende 1935 e, aínda que era bilingüe, predominaba o castelán. Polo que respecta ao contido, abunda a información e artigos diversos, principalmente de carácter cultural, acerca de Galicia, con evocacións históricas, efemérides, costumes, actualidade e literatura. Estas informacións compleméntanse con colaboracións literarias e páxinas de divertimento. No seu número 2 reproduce poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Lamas Carvajal, Cabanillas, Noriega Varela, Eladio Rodríguez, Xan Fouciño e outros autores. Tamén insire unha breve biografía de Emilia Pardo Bazán e colaboracións de escritores galegos como Idilio Pájaro ou Alberto García. Publicou unha serie de “Trechos Históricos”, asinados por Xaquín Costa, centrados no alzamento dos Irmandiños. As ilustracións intercalan fotografías evocadoras de Galicia, das instalacións da Casa e da sociedade.