Casado Nieto, Manuel
Avogado e escritor. Estudiou ciencias exactas e dereito en Santiago de Compostela e Madrid. En 1935 ingresou por oposición na Maxistratura, na categoría de fiscal. Tras pasar polas audiencias de Oviedo e Pontevedra, trasladouse a Barcelona, cidade onde desempeñou o cargo de avogado fiscal e na que residiu ata a súa morte. Foi presidente da Federación de Sociedades Rexionais e Provinciais e do Centro Galego de Barcelona dende a década dos cincuenta ata os setenta, cargo que lle permitiría levar a cabo un gran labor difusor da cultura galega en Catalunya. Foi director da revista Alborada e colaborou con asiduidade en diversas publicacións. Ademais da edición de varios libros de temática xurídica, iniciou a súa actividade literaria co sainete en verso Amor e eleuciós (1930), ao que seguiron os seus poemarios Orballo ispido (1954), O ronsel do meu silenzo (1955), Canta de lonxe o corazón do tempo (1969) e a antoloxía poética Vendima (1982). Como narrador son da súa autoría as obras: Contos que non son contos (1969), Trancos de Braisiño (1970), A boda do Reimundo e outras verídicas historias (1980) e Refendas de vida e morte (1983). No eido da tradución destaca o seu labor de adaptación dalgúns dos libros da Biblia ao galego, como o Libro de Xob, o Eclesiastés e a Cántiga das cántigas. En colaboración co seu fillo, Xoán Manuel Casado, realizou a escolma e versión galega de Mostra antolóxica de poetas contemporáneos (1981), que contén versos de poetas ingleses, franceses, italianos e cataláns. Tamén publicou unha versión en galego de Oito poemas catalás de Salvador Espriu e diversas traducións ao castelán de obras de Camilo Castelo Branco, de Giovanni Mosca e de Paul Géraldy, entre outras. En castelán publicou os poemarios Orto (1941) e Sonetos vespertinos (1957), e as novelas Un lugar en el tiempo (1969) e La turbia corriente (1970). No eido do dereito pódese citar a publicación do Libro branco encol do xulgado de 1ª instancia e instrución do Castro Caldelas (1983).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Castro Caldelas -
Deceso
Lugar : Barcelona