Caixa Geral de Depósitos

Caixa Geral de Depósitos
Nome científico: [CGD]

Entidade financeira constituída en Lisboa en 1876. En 1879 logrou a autorización para a concesión de empréstitos á administración local. En 1885, trala integración da Caixa Económica Portuguesa, instituíu as cartillas de aforros; nese ano, ademais, as oficinas de correos comezaron a funcionar como axencias da CGD. Reestruturouse en 1909 para ampliar as operacións realizadas e para iniciar a súa expansión por todo o territorio portugués; así mesmo, estableceu o réxime de participación do persoal nos beneficios da CGD, unha verdadeira innovación para a época. Trala reforma de 1929 consolidouse como entidade crediticia; nese ano fundáronse a Caixa Nacional de Crédito e a Caixa Nacional de Previdência, que concedía as pensións aos familiares dos funcionarios públicos falecidos dende 1934. A Caixa Económica Postal integrouse na CGD en 1936. En 1988 constituíuse o grupo CGD, o maior grupo financeiro portugués que englobaba institucións de crédito e empresas de todas as áreas do sector financeiro, onde ostenta posicións maioritarias. En 1993, a CGD transformouse en sociedade anónima e aprobáronse uns novos estatutos que dende 1969 estaban regulados por lei orgánica. Dende o ano 1998 obtivo rating óptimos outorgados polas diferentes axencias de cualificación (Moody’s e Fitch Ibca). No 1999 comezou a ofrecer os seus servicios on-line a través da Caixadirecta. No ano 2000 estableceu unha alianza estratéxica co Unibanco do Brasil. Entre outras entidades, o grupo está formado por: Banco Nacional Ultramarino, Banco Financial Português, Banco Luso Español, Banco de Extremadura, Banco Simeón, Banque Franco Portugaise, Banco Comercial e de Investimentos, Banco Interatlântico e Banco de Bandeirantes, a Caixa de Investimentos-Sociedade de Investimento e a compañía de seguros Fidelidade.