Caixa Rural de Lugo
Entidade financeira constituída en Lugo en 1966 a partir da Caja Central de Ahorros y Préstamos, creada polos Sindicatos Católicos Agrarios, organización que tivo certa implantación na comarca de Mondoñedo. Dirixida dende a súa creación por Arcadio López Lens. No 2000 posuía 32 oficinas espalladas pola provincia de Lugo e unha máis en Melide, tiña 1.530 millóns de pesetas de recursos propios, manexaba 22.665 millóns de pesetas de recursos alleos e un investimento crediticio de 11.789 millóns de pesetas; o seu beneficio neto fora de 272 millóns de pesetas. A entidade, superado un período de consolidación, desenvolveu unha estratexia de apertura de novas oficinas e diversificou o investimento crediticio, abríndose a novos sectores económicos, sen esquecer o seu sector de orixe: o agrario. Durante a crise dos oitenta, asociouse xunto con outras entidades ao Banco de Crédito Agrícola-Cajas Rurales, grupo que abandonou para participar na creación da Sociedad Civil de Estudios y Proyectos, coa misión de crear una central bancaria, o Banco Cooperativo Español, e a Asociación Española de Cajas Rurales.