Calisto I, san

Calisto I, san

Papa (217-222) e fundador da igrexa romana de Santa Maria in Trastévere. Escravo dun cristián chamado Carpóforo, logrou escapar pero, como todos os escravos fuxitivos, logo de ser apresado tivo que ir ás minas. Conseguiu saír de alí co indulto dunha lei humanitaria e, logo de se emancipar, o Papa Ceferino ordenouno diácono. Destacou como organizador da comunidade cristiá romana e ao seu cargo estivo o cemiterio cristián da vía Apia durante o pontificado de Ceferino, que leva o seu mesmo nome e que contén o sepulcro de santa Cecilia. Condenou o modalismo de Sabelio, heresiarca que negaba o dogma da Santísima Trindade e ao que excomungou. Despois de exercer o seu labor como papa encarcerárono. Finalmente, martirizárono: guindárono a un pozo cunha pedra (ou unha moa de muíño) ao pescozo na vía Aurelia. Represéntase na iconografía con indumentaria papal e levando como atributos a maqueta dun edificio (por ser construtor) e un pozo ou unha moa dun muíño, símbolo do seu martirio. Conmemorado como mártir, celébrase o 14 outubro. A tradición oral recolle fraseoloxía alusiva a este santo: “Por san Calistro nin unha abella fóra do cortizo”.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Roma