Casandra
Casandra
[ONOM]
Prenome da mitoloxía grega, correspondente feminino de Kássandros. Etimoloxicamente, o máis probable é que estea formado por un elemento *kad ‘destacar’ e a voz andros ( ἀ νδρός) ‘home’, polo tanto ‘home excepcional’. Levou este nome a filla de Príamo e de Hécuba, da que se namorou Apolo. O deus, coa intención de conquistala, regaloulle o don da profecía. Casandra, finalmente, acabou por rexeitalo e Apolo castigouna quitándolle a capacidade da persuasión; como consecuencia, a xente deixou de lle dar creto aos seus agoiros. Logo de conquistar Troia, Agamemnon, o caudillo do exército grego, namorouse dela e tiveron dous fillos xemelgos; ambos os dous morreron traxicamente ao seren asasinados pola muller do rei de Argos.