Casares Pérez, María Victoria
Actriz, filla de Santiago Casares Quiroga. En 1939 exiliouse a Francia onde comezou a súa carreira de actriz. Foi considerada como un dos modelos máis destacados do mundo intelectual francés dos anos cincuenta e sesenta, sobre todo pola súa vinculación cos autores máis representativos do momento, en especial a súa relación con Albert Camus. Protagonizou, entre outros, os espectáculos teatrais Seis personaxes en busca de autor, de Pirandello; Yerma, de Federico G. Lorca, baixo a dirección de Margarita Xirgu; Os biombos, de Jean Genet; e Le diable et le bon Dieu (O diaño e o bo Deus, 1951), de J. P. Sartre. Colaborou con Albert Camus na tradución ao francés de pezas do teatro clásico español e estreou varias das súas obras. Traballou na Comédie Française (1952-1954) e posteriormente no Théâtre National Populaire. Despois de 1975 interpretou ocasionalmente algúns papeis en España. Participou tamén en diversos filmes, como Les enfants du paradis (Os nenos do paraíso, 1944), Les dames du bois de Boulogne (As damas do bosque de Boulogne, 1945), La chartreuse de Parma (A cartuxa de Parma, 1947) e Orphée (Orfeo, 1949). En 1980 publicou en Francia as súas memorias tituladas Résidente privilégiée (Residente privilexiada). Cedeu o seu nome para os premios que convoca anualmente a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia dende o ano 1997.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : La Verge, Charente