Casas Novoa, Fernando de
Arquitecto. Discípulo de Gabriel de Las Casas, rematou o claustro da catedral de Lugo (1709-1714) que comezara en 1705 o seu mestre. Nesas datas deseñou os púlpitos desta catedral, fundidos en Santiago de Compostela polo broncista francés Miguel Jardines en 1712. En 1711 foi nomeado mestre de obras da catedral compostelá e recibiu o encargo de terminar as obras que Domingo Antonio de Andrade deixara inacabadas: a Casa da Conga e a sancristía da catedral que, baixo a advocación da Virxe do Pilar, se converteu na capela funeraria do arcebispo Monroy (1713-1724). Así mesmo, co obxecto de embelecer o empalme entre a fachada do Tesouro e o lenzo meridional do claustro da catedral, erixiu entre 1717 e 1720 unha fachada coñecida como o Esconce de Praterías. Por iniciativa de Monroy ampliou o Colexio das Orfas de Santiago (1711), reemprendeu a obra da igrexa das Capuchinas da Coruña e probablemente trazou o campanario do convento de San Domingos de Betanzos (1714-1715). En 1727 proxectou a reconstrución do edificio do Tribunal da Inquisición de Santiago, obra que finalmente non se realizou. Entre 1725 e 1739 encargouse da nova igrexa das dominicanas de Belvís. Deseñou a capela da Virxe dos Ollos Grandes da catedral de Lugo e o seu baldaquino (1726 -1734). No 1734 traballou na igrexa beneditina de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e na dos xesuítas da Coruña, obra que deixou inacabada. En 1738 foi contratado para traballar en San Martiño Pinario, onde realizou o coroamento da fachada principal do mosteiro e continuou a edificación do claustro procesional iniciado en 1634, xunto coa Porta dos Carros (1740). En 1738 fíxose cargo da fachada occidental da catedral compostelá, a fachada do Obradoiro. Con esta obra cumpriu o obxectivo de garantir unha iluminación suficiente ao Pórtico da Gloria, coa disposición dunha serie de vans acristalados dun tamaño insólito ata ese momento e cos que resaltou a importancia da basílica, mediante o emprego dun esquema derivado dos arcos de triunfo romanos, no que se potencia o efecto monumental mediante o uso das columnas illadas, dos efectos de transparencia e o seu carácter escenográfico, grazas á proliferación da decoración escultórica. En 1739 construíu a capela do Socorro dentro da igrexa do mosteiro de San Martiño Pinario. En 1743 encargouse das obras da igrexa de Santo Andrés de Cedeira (Redondela) e en 1744 deseñou a Porta dos Carros do mosteiro das beneditinas de San Paio de Antealtares. No eido da arquitectura en madeira de-señou para a catedral compostelá o de-saparecido retablo de San Fernando (1727) e o da Virxe da Azucena (1731), executado por Francisco das Moas, os colaterais das Capuchinas da Coruña (1730-1740) e, para San Martiño Pinario, o baldaquino (1730-1733) e as caixas dos órganos (1734).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso