Caselas

Caselas

Río afluente do Miño pola dereita. Nace na vertente oriental da serra do Galleiro, na parroquia da Picoña, concello de Salceda de Caselas. O seu curso, situado sobre unha falla, adopta unha dirección N-S, coa que atravesa as parroquias de San Xurxo de Salceda e Santa María de Salceda. Penetra na parroquia de Cabreira, concello de Salvaterra de Miño, e prosegue polo límite entre este concello, pola parroquia de Arantei, o concello de Salceda de Caselas, na parroquia de Entenza, e o concello de Tui, na parroquia de Caldelas de Tui, onde desemboca, despois dun percorrido duns 11 km.