Casitérides, illas
Conxunto de illas coñecidas no mundo antigo pola abundancia de estaño e chumbo. Xa se dubidaba da súa localización desde a Antigüidade. Para algúns autores modernos, as Casitérides serían as illas Oestrymides ou Estrimidas das que fala Avieno e localizaríanse nas illas da Bretaña francesa e do sur de Inglaterra, áreas sen dúbida ricas en estaño. Non obstante , para outros autores contemporáneos estas, seguindo un texto de Estrabón, serían as illas da costa galega: Arousa, O Grove, transformado logo en península do mesmo modo que A Coruña, Sálvora, Ons, Cortegada, Sisarga e mais as tres illas que compoñen o arquipélago das Cíes. Non obstante, as descubertas arqueolóxicas non confirman esta identificación, xa que en ningunha desta illas se teñen atopado restos de explotación de estaño ou chumbo, nin os posibles portos onde se embarcaría. Estrabón tamén dicía que os seus habitantes eran homes que vestían túnicas negras ata os pés e que vivían da cría do gando e da explotación das minas para despois intercambiar o mineral por vasos, sal e obxectos de bronce.