Castela-A Mancha

Castela-A Mancha

Comunidade autónoma do estado español que se estende polo territorio meridional da Meseta central da Península Ibérica e da rexión histórica de Castela (79.226 km2; 1.712.529 h [1996]). Comprende as provincias de Albacete, Ciudad Real, Cuenca, Guadalajara e Toledo. A capital é Toledo.
Xeografía física
Dende un punto de vista morfolóxico, Castela-A Mancha abrangue dúas grandes rexións: a chaira da Meseta, que os Montes de Toledo dividen en dúas (ó N, a conca do Tajo e La Alcarria, e ao S, a conca do Guadiana) e a beira montañosa que bordea as chairas mencionadas. Ao L, ao S e ao O os límites físicos de La Mancha coinciden co bordo de terreos paleozoicos e mesozoicos. Ao N, en La Alcarria, os terreos miocénicos aparecen rotos polos vales. La Mancha é unha chaira ou plataforma estrutural, de entre 600 e 700 m de altitude media, formada por sedimentos miocénicos, principalmente calcarios, que recobren un zócolo paleozoico. A parte setentrional da Meseta correspóndese coa conca do Tajo, profundamente encaixada na masa de terreos do Terciario. A parte meridional, ou conca do Guadiana, é moi diferente da anterior. O Guadiana e os seus afluentes circulan pola mesma superficie dos altiplanos calcarios, onde non se puideron encaixar. As redes hidrográficas dos ríos Júcar, Cigüela e Záncara teñen escaso caudal. O clima é de tipo mediterráneo continental, con grandes contrastes térmicos entre un verán sufocante e un inverno rigoroso, cunhas precipitacións escasas e irregulares. A vexetación dominante nas depresións e páramos é a estepa e a matogueira. Na Cordillera Ibérica (Cuenca) dominan os piñeiros, mentres que en Toledo hai importantes sectores de aciñeiras.
Xeografía económica
Castela-A Mancha é unha rexión tradicionalmente agrícola, aínda que a poboación activa no sector foi baixando progresivamente. Da superficie total da rexión, o 53,6% está dedicado a cultivos, cun predominio do secaño (92%) e un feble regadío (8%). O latifundismo é importante, sobre todo no S do Tajo. Os cultivos tradicionais de secaño son os cereais, a viña e as oliveiras. Os cereais son maioritarios, pero cómpre subliñar a progresiva substitución do trigo pola cebada e, en menor medida, por cultivos industriais como o xirasol. É importante a produción trigueira de Ciudad Real e Cuenca, mentres que a cebada está moi presente en Albacete, Toledo e Cuenca. A viña e a oliveira ocupan grandes extensións en Ciudad Real e en Toledo, onde hai comarcas tradicionalmente viñateiras, como Valdepeñas. O regadío concéntrase nas beiras do Tajo e do Guadiana e en Albacete, onde se aproveitan as augas do trasvase Tajo-Segura. A gandería ten menos importancia ca a agricultura; destaca, en primeiro lugar, o gando ovino, seguido do bovino, concentrado principalmente en Toledo. No tocante á minería, sobresaen as minas de hulla de Puertollano e os importantes xacementos de mercurio de Almadén. A principal industria, que ocupa o 22% da poboación activa, deriva da elaboración dos produtos do campo (viños, fariñas, chacinería e queixos). Dentro do sector químico destaca Puertollano, cunha industria de lubricantes, parafinas e disolventes, unha refinería de petróleo, ademais dunha importante actividade industrial asociada á produción mineira, como a de Almadén. Cómpre subliñar o papel que acadou Toledo como zona de desconxestión industrial de Madrid. Por sectores de actividade, a agricultura ocupa o 16% da poboación activa, a industria e a construción o 37% e os servicios o 47%.
Xeografía humana
A densidade demográfica de Castela-A Mancha é de 20,9 h/km2, moi inferior á media do estado. Os fortes movementos migratorios cara a outras áreas industriais afectaron fortemente á rexión, que durante os anos sesenta diminuíu en case 300.000 persoas. Dende os anos setenta tendeuse a un estancamento, con lixeiras oscilacións. Toledo é a única provincia que, a partir de entón, mantivo unha tendencia real no crecemento. A poboación concéntrase nos núcleos rurais e predominan os que oscilan entre os 5.000 e os 20.000 h, separados por distancias de 10 a 20 km. Toledo é a cidade máis dinámica, pero Albacete é a máis poboada e a única que supera os 100.000 h.
Historia

Con anterioridade á Constitución do ano 1978, o territorio de Castela-A Mancha correspondía, aproximadamente, á rexión de Castela a Nova, coa exclusión de Madrid, que non foi aceptada como membro da comunidade polo resto das provincias, e a incorporación de Albacete, que pertencía á Región de Murcia. En outubro do 1978 obtivo un réxime preautonómico baixo a presidencia de Antonio Fernández-Galiano, senador da UCD, que foi substituído por Gonzalo Payo, tamén da UCD. Castela-A Mancha converteuse en comunidade autónoma en agosto do 1982. Gonzalo Payo foi o primeiro presidente, substituído por Luis Fuentes trala vitoria socialista de outubro do 1982. Despois das primeiras eleccións autonómicas de 1983, ocupou o cargo o tamén socialista José Bono Martínez. As eleccións de 1987, 1991, 1995 e 1999 confirmaron o PSOE como primeira forza política da comunidade, con José Bono na presidencia.
Arte
Unha das primeiras mostras da presenza humana en Castela-A Mancha é a existencia na provincia de Albacete de covas de diferentes épocas, como as dos tempos dos iberos de El Salobral e o Pozo de la Cañada, onde está localizada a necrópole de La Cueva e o xacemento romano de Venta Nueva. Tamén de orixe romana son as murallas de Toledo, reedificadas polo Rei Wamba, aínda que o recinto actual é da época musulmana. Neste recinto destacan as portas de Alcántara, do Sol, de Bib-Al Mardon e as da Bisagra, a califal e a nova de 1550. Castela-A Mancha ten cinco catedrais, unha por cada provincia. No s XII iniciouse a construción da catedral de Sigüenza (Guadalajara) na que se combinou o estilo románico e gótico e as características dun edificio relixioso e outro militar, de aí o seu aspecto de fortaleza. A catedral de Cuenca construíuse entre os ss XII e XIII, aínda que se reformou nos ss XV e XVI. No s XIII comezou a construción da catedral gótica de Toledo que non finalizou ata 1493. As catedrais de Albacete e Ciudad Real son igrexas parroquiais elevadas ao rango de catedral e ambas as dúas combinan os estilos gótico e renacentista. O mudéxar deixou unha fonda pegada na provincia de Toledo coa construción das igrexas de Santiago de Arrabal, a colexiata de Santa María la Mayor, en Talavera de la Reina, e a igrexa de Santa María de Illescas. Ademais, Toledo conserva as sinagogas de Santa María la Blanca, de principios do s XIII, convertida en igrexa católica, e a do Tránsito do s XIV, que acolle o Museo Sefardí. Entre os mosteiros e conventos destaca o de San Juan de los Reyes, de Toledo, fundado polos Reis Católicos en agradecemento pola vitoria de Toro e construído por Juan Guas en estilo gótico hispanoflamengo. Entre os numerosos castelos que están espallados polo territorio manchego destacan o castelo episcopal de Sigüenza e o de Atienza, en Guadalajara; Montalbán, Orgaz e Mora, en Toledo; o convento-castelo de Calatrava la Nueva, Peñarroya e La Estrella, en Ciudad Real; Belmonte, en Cuenca; e Chinchilla e Almansa, en Albacete. Outras edificacións de carácter palaciano ou señorial son o Palacio Ducal de Pastrana e o Palacio del Infantado, ambos os dous en Guadalajara, a casa do Doncel, en Sigüenza, e o palacio renacentista de Álvaro Bazán, en Viso del Marqués (Ciudad Real), onde destacan as pinturas ao fresco das súas paredes. De orixe gótica popular son as casas colgadas de Cuenca sobre a fachada da foz do Huécar, das que se conservan só tres restauradas a principios do s XX. En Almagro (Ciudad Real) consérvase un corral de comedias do s XVI onde ten lugar un festival de teatro. Polo que respecta á artesanía cómpre destacar a tradición dos coitelos e navallas de Albacete, a cerámica de Talavera de la Reina (Toledo), os encaixes de Almagro e os bordados de Lagartera (Toledo). Entre as institucións museísticas de Castela-A Mancha sobresaen, entre outros, o Museo Arqueológico de Albacete, a Casa-Museo de El Greco, en Toledo, o Museo de la Cerámica de Chinchilla, en Albacete, e o Museo Diocesano de Arte Sacro de Sigüenza.