castelán -lá

castelán -lá

(< lat Castellānu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Castela ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Castela.

  3. s m [LING]

    Lingua románica, do subgrupo iberorrománico, que pertence á subfamilia itálica da familia indoeuropea, orixinaria ou propia de Castela. O castelán, denominación que alterna coa de español, é a lingua oficial de Arxentina, Colombia, Costa Rica, Cuba, Chile, Ecuador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguay, República Dominicana, El Salvador, Uruguay e Venezuela. Comparte a oficialidade en Paraguay (co guaraní), en Bolivia (co quechua e co aimará), en Perú (co quechua), en Puerto Rico (co inglés) e en Guinea Ecuatorial (con sete linguas bantús, un crioulo portugués e un pidgin inglés). Dentro do territorio español o castelán comparte o estatuto de lingua oficial nas comunidades autónomas de Galicia (co galego); Catalunya, València e Illes Balears (co catalán); e Nafarroa e Euskadi (co éuscaro). No sur dos EE UU (Arizona, California, Colorado, Nuevo México e Texas) non é oficial. Existen ademais importantes núcleos de hispano-falantes (portorriqueños e cubanos, principalmente) nos estados norteamericanos de Nova York, Illinois, Luisiana e Florida; nas Filipinas, onde decae o seu uso como lingua franca e de cultura ante o inglés; nas Antillas Neerlandesas (Bonaire, Curaçao e Aruba), nas Illas Virxes, Belize e na illa de Guam en Micronesia mantéñense pequenos grupos de falantes. Tamén falan o castelán as comunidades de refuxiados da República do Sáhara e as comunidades xudías, expulsadas dos reinos peninsulares a partir de 1492, que conservaron unha variedade do castelán arcaico (o xudeoespañol, ladino ou sefardí). O castelán conta con aproximadamente 332 millóns de falantes [estim 2000] polo que é a terceira lingua máis falada do mundo despois do chinés (mandarín) e do inglés.
    Evolución histórica
    A conquista romana asimilou as linguas peninsulares, coa excepción do éuscaro, lingua con acusada influencia no desenvolvemento posterior do castelán, especialmente no léxico (barro, manteca, pizarra, perro). Algúns trazos fonéticos do castelán téñense atribuído ao influxo vasco: a aspiración do F- latino e a súa posterior desaparición (lat FACĔRE > hacer); a ausencia do /v/ labiodental; o sistema vocálico de cinco elementos; ou a palatalización dos grupos iniciais PL-, KL-, FL- (lat CLAMARE > llamar). Mentres que a sonorización das oclusivas xordas intervocálicas atribuíuse ao substrato celta: -P-, -T-, -K- > -b-, -d-, -g- (lat VĪTA > vida) ou as evolucións posteriores dos grupos latinos /kt/ > /it/ > /t?ʃ/ (lat LACTE >leite > leche). A cerna fundamental do castelán é o latín falado ou latín vulgar que se espallou por Hispania dende finais do s III a C como resultado do proceso de romanización. A latinización no norte da provincia de Burgos, berce do castelán, foi tardía. Isto provocou, xunto con outros factores como a distancia da Hispania respecto de Roma, a procedencia sociocultural dos invasores, a influencia das linguas de substrato, etc, o seu afastamento da norma de prestixio. A crise do s III a C e a ameaza dos pobos bárbaros provocaron a decadencia política e cultural do pobo romano; este factor, xunto co illamento de cada territorio e a falta de manifestacións escritas do castelán, ocasionou que cada un deles acadase unha evolución lingüística de seu. Entre o s V e principios do VIII, os visigodos, de orixe xermánica, ocuparon a Meseta e o Levante peninsular. Estes pobos latinizáronse pouco a pouco e, aínda que deixaron a súa pegada nos costumes e no dereito, foron perdendo a súa lingua (gótico), logo de manter unha etapa de convivencia co protorromance. O latín continuou a ser a lingua da cultura e da administración, polo que o influxo xermánico repercutiu escasamente no latín hispánico, agás no terreo do léxico, aínda que moitos dos vocábulos xermánicos xa os adoptara o latín en épocas anteriores (guerra, burgo, guardar, robar), na toponimia (Revillagodos, Villatoro) e na antroponimia (Fernando, Rodrigo). Na morfoloxía atribúese a esta orixe o sufixo -engo/-enco (abadengo, abolengo, podenco). No ano 711 os árabes, sirios e bérberes invadiron a Península e iniciaron un longo e intenso asentamento. Ao longo dese período impuxeron o árabe escrito e oral como lingua oficial de Al-Andalus, tal e como amosan as interferencias romances nas kharchas mozárabes que acompañan as moaxakhas. Nos territorios baixo dominio musulmán perviviu unha modalidade romance, coñecida como mozárabe, sen testemuños escritos e con algunha pegada no léxico do castelán (gazpacho, guisante). A influencia do árabe manifestouse, sobre todo, no léxico, especialmente na época medieval, referente a todos os eidos da vida (álgebra, alcohol, azafrán, azúcar, acequia, aldea, albañil, albarda, alcalde, albóndiga, azabache, azul, tambor, hasta). No plano morfosintáctico, anteponse o artigo árabe al- a numerosos substantivos, sen impedir o uso doutros artigos (la almeja < ár al + lat MITULU). Na derivación incorpouse o sufixo -í (ceutí, jabalí, maravedí). Tamén son abondosos os préstamos na toponimia (Guadalquivir, Algeciras, Gibraltar, Mezquita) e na antroponimia creáronse patronímicos cristiáns co árabe ibn ‘fillo’ e o seu plural bani ‘fillos’ (Benavides, Venegas). Nos territorios cristiáns do N da Península non islamizados comezaron a formarse, por influencias substratísticas ou doutros contactos lingüísticos, “normas” lingüísticas que evolucionaron cara aos posteriores romances (galego-portugués, astur-leonés, castelán, aragonés e catalán). As primeiras manifestacións escritas do castelán son de mediados do s X: as Glosas Emilianenses, do mosteiro de San Millán de la Cogolla, e as Glosas Silenses, do mosteiro de Santo Domingo de Silos. Este período da lingua, que conclúe co reinado de Afonso X, caracterizouse pola dispersión dialectal provocada pola expansión de Castela, primeiro cara ao Duero, e, a partir da conquista de Toledo (1085), ata o Tajo. O castelán configurouse como un complexo dialectal con elementos das linguas veciñas, que espallou os seus trazos lingüísticos nos reinos veciños de León e Aragón, mentres que as áreas galegofalante e catalanfalante permaneceron fóra desa influencia. O castelán primitivo coñécese fragmentariamente a través de documentos notariais latinos que intercalan formas e voces propias do castelán antigo. Malia todo, o castelán era unha lingua sen fixar, con alternancias gráficas que reflectían a vacilación oral e anunciaban procesos fonéticos apegados á tradición latina e sometidos á presión da fala popular ou á coincidencia con outras variedades lingüísticas peninsulares. Manifestacións representativas desta etapa de dispersión son o Poema de Fernán González, con trazos do centro da provincia de Burgos, o Cantar de Mio Cid, das terras máis meridionais de Soria, a lírica de clerecía de Gonzalo de Berceo, do castelán oriental (ou navarro) de La Rioja, o Libro de Alexandre ou o Libro de Apolonio. O castelán desta época, representado pola norma burgalesa como variante máis prestixiada, presenta algúns trazos lingüísticos que desapareceron posteriormente: presenza do subsistema de sibilantes medievais baseado na oposición xordo-sonoro /s/, /z/, /t?s/, /d?z/, /ʃ/ e /Z/; formas de tratamento vos e tú, etc. Durante o reinado de Afonso X (1252-1284), iniciouse unha nova etapa dominada por catro feitos importantes: o castelán converteuse en lingua oficial dos reinos de Castela e León; promocionouse desde a Coroa o desenvolvemento da prosa en castelán (a lírica reservouse para o galego), achegándoo ao latín como lingua de cultura, alén da súa condición de código de comunicación oral; a norma toledana, con influencias mozárabes, converteuse no código de prestixio; e por último, e como consecuencia do labor escrito baixo a dirección real, produciuse a primeira fixación ortográfica, de corte fonemático, relativamente libre do peso da etimoloxía latina. A expansión do castelán comezou nese momento a presionar sobre o leonés, cara ao occidente, e o aragonés, cara a oriente, e rematou por reducir os seus dominios; esta expansión coincidiu coa perda da capitalidade de Léon e a influencia da lingua catalá en Aragón. A mellora expresiva do castelán conseguiuse a través da incorporación de elementos dos romances peninsulares, pero, sobre todo, das linguas entón consideradas de cultura (latín, árabe, hebreo, italiano). A tarefa lexicográfica desenvolvida pola Escuela de Tradutores, formada a mediados do s XII e que acadou o seu momento de esplendor co reinado de Afonso X, foi fundamental para a fixación da lingua (creou novos termos, definicións para acomodar a incipiente lingua escrita, etc). Afonso X fixo que se comezase a utilizar a variante castelá nas traducións en detrimento do latín. Os documentos públicos xa se redactaban en castelán e proclamouse a lingua de Toledo como norma no caso de dubidosa interpretación de palabras. Tamén foron importantes para a fixación do castelán na lingua e na literatura as obras de don Juan Manuel, o Arcipreste de Hita, Juan de Mena e o Marqués de Santillana. Xa a finais do s XV cómpre salientar no plano literario a publicación de La Celestina, de Fernando de Rojas, e, no plano lingüístico, a publicación da Gramática de la lengua castellana (1492), do latinista Antonio de Nebrija, a primeira en lingua romance. Nela expón a idea de nacionalidade lingüística e a consideración da lingua como instrumento político a prol do Imperio. Cómpre sinalar que, fronte á norma toledana, configurada como estándar escrito desde a época de Afonso X, existía outra norma, a sevillana, caracterizada no período anterior ao s XVI polo seseo, o yeísmo, a conservación do fonema /h/ descendente do F- latino (eliminado do castelán central durante o s XVI), e o debilitamento e confusión do /r/ e /l/ en final de sílaba. Na morfosintaxe, o castelán sevillano distingue os pronomes lo-le, fronte ao carácter leísta do castelán central. Nestes séculos produciuse a constitución do castelán moderno, consumáronse os cambios iniciados en épocas anteriores e estabilizouse o sistema no plano fonolóxico e gramatical: estabilización das vocais átonas; desaparición da aspiración do /h/ inicial; conversión do /ʃ/ palatal nun fonema velar, fricativo e xordo /x/ (mejor); conversión do /t?s/ nunha articulación fricativa e, a partir de aí, nun son “ciceante” e interdental /ɵ/; comeza a aparecer o yeísmo ou confluencia de /¥/ en /j/ (papagayo/papagallo); aparecen os tempos compostos co verbo haber como único auxiliar (he cantado); creación de usted como fórmula de tratamento; igualación no copretérito de subxuntivo das formas en -ra e -se; asentamento das construcións impersoais con se e complemento directo de persoa, etc. A lingua converteuse nun instrumento político e social no proceso de espallamento cara ao Atlántico, coa conquista de Canarias (1402) e América (1492). No continente americano, durante o proceso de castelanización, desapareceron moitas linguas indíxenas e conserváronse as dos pobos con escaso contacto cos colonizadores españois. A contribución das linguas americanas ao castelán reside fundamentalmente no léxico. Á normalización contribuíu o desenvolvemento da lingua literaria e a actividade dos gramáticos (que durante o ss XVI e XVII seguiron o modelo de Nebrija). Certos cambios fónicos configuraron a división dialectal máis importante do castelán moderno, entre a norma peninsular (do centro e norte da península), convertida no estándar, e a norma atlántica (andaluz, canario e americano). Durante o reinado de Carlos I o castelán comezou a difundirse por todo o mundo: América, Italia, Francia, Flandres, Filipinas e mesmo Asia Menor coa diáspora dos xudeus. A lingua enriqueceuse no aspecto léxico, ben por mecanismos internos (derivación e composición), ben pola incorporación de préstamos (neoloxismos do latín e do grego, italianismos, galicismos, americanismos, lusismos), así como pola súa utilización literaria (Garcilaso, san Xoán da Cruz, santa Teresa de Xesús, Cervantes, Lope de Vega, Góngora, Quevedo, Calderón e outros). A consideración como lingua de administración en todo o Imperio dende 1536 e como lingua franca da Península fixo remitir o cultivo escrito doutras linguas peninsulares (galego e catalán) ata o s XIX; este feito provocou a aparición dun bilingüismo diglósico nestas áreas. No s XVIII acadouse a definitiva estabilización do proceso histórico do castelán, tanto na súa extensión xeográfica, ao asentarse no territorio americano, coma na estrutura lingüística, pois xa non se van producir cambios fundamentais nin na fonética nin na morfosintaxe e o seu vocabulario básico mantense na súa maioría. Neste momento o castelán conviviu con diversas linguas (románicas na Península e prehispánicas en América) e incorporou préstamos doutras linguas no ámbito cultural, científico e político. Ademais, o sistema non resultou homoxéneo, dadas as diferencias provocadas pola absorción de dialectos (leonés ou aragonés) ou as diferentes modalidades do castelán de América, situación freada pola existencia dunha norma suprarrexional, de carácter académico, concibida pola Real Academia Española fundada no 1713. A Academia realizou diferentes traballos lingüísticos: Dicionario de Autoridades (1726-1739), Ortografía (1741), Gramática (1771), declarada oficial en 1780, ou unha nova redacción do Dicionario (1780), sen citar “autoridades”. Estas obras, revisadas ao longo dos ss XIX e XX, conformaron o comportamento lingüístico dos falantes cultos desde o criterio da corrección, apoiado na lingua literaria. Na ortografía a Academia combinou o criterio etimoloxista e a adecuación aos usos fónicos habituais, mentres que no léxico foi lixeiramente purista (sobre todo no s XVIII), aínda que non rexeitou os vocábulos rexionais nin os préstamos. A atención ao castelán de América e as boas relacións coas Academias americanas (creadas desde fins do s XIX) mantiveron a unidade na lingua culta. No s XIX publicáronse dúas gramáticas do castelán, centradas no uso culto e nos escritores clásicos, que participaron na fixación da norma idiomática: a de Vicente Salvá (Gramática de la lengua castellana según ahora se habla, 1830), baseada no uso dos falantes, e a do venezolano Andrés Bello (Gramática de la lengua castellana destinada al uso de los americanos, 1847), que se converteu nunha referencia fundamental da escola lingüística española de fins do s XIX e de todo o s XX. A rapidez nos cambios de escolas e movementos literarios durante estes séculos impiden falar dunha norma literaria unitaria. As alteracións básicas do idioma centráronse na ortografía, fixada pola Academia, que seguiu, sobre todo, criterios etimoloxistas: repartiu o uso da grafía b e v (u reservouse para a vocal), que representan o fonema /b/, segundo o seu étimo latino (lat BŎNU > bueno, lat VŌCE > voz, lat LŬPU > lobo); tamén foi etimoloxista na restauración do H- latino sen valor fonético (lat HŎDĬE > hoy) e o F- (lat FĪLĬU > hijo), pero afastouse do criterio etimoloxista na herdanza de -f- intervocálico, procedente de -F- latino (lat PRŌFĒCTU > provecho) e a do φ grego (rábano, Esteban); desterrou o ç e repartiu c e z, que representa o fonema /ɵ/, agás /s/ nas zonas de seseo, segundo a vogal que seguise (ciudad, hacer, zapato, esfuerzo); ata 1763 non desterrou o ss, e só en 1815 eliminou x para o fonema /x/ en favor do j, aínda que conservou g + e,i por etimoloxía; nos cultismos recuperou en xeral os grupos pt, ct, gm, mn e x co seu valor latino de [ks], sen embargo, eliminou ph, th, ch (philosophia > filosofía, theatro> teatro, christiano > cristiano), así como y (myrto > mirto); tamén eliminou as consoantes xeminadas (accento > acento, annual > anual) e simplificou as secuencias de tres consoantes en grupos cultos (prompto > pronto, sumptuoso > suntuoso); e, fronte a criterios etimolóxicos, regularizou a grafía de /k/ (c + a,o,u/qu + e,i) e eliminou a secuencia /k w / con grafía qu (quando, frequente).
    Características lingüísticas

    Fonética e fonoloxía
    - Acentuación fundamentalmente grave, aínda que tamén ten numerosas palabras agudas e esdrúxulas (maioritariamente de préstamos gregos). É importante a posición do acento para distinguir palabras homógrafas (líquido, liquido, liquidó).
    -Distingue un sistema vocálico formado por cinco vocais fonolóxicas /a/, /e/, /i/, /o/ e /u/ e dúas semivocais: /j/, /w/.
    -Ditongación das vocais Ŏ e Ĕ breves tónicas do latín (lat RŎTA > rueda, lat TĔRRA > tierra), agás en contacto cun iode (lat ŎCŬLŬ > ojo). Existen trece ditongos, formados pola unión dunha vogal aberta e outra pechada (/ai/, /au/, /ei/, /eu/, /oi/) e pola unión dunha semivocal cun son vocálico (/ja/, /je/, /jo/, /ju/, /wa/, /we/, /wi/, /wo/). Tamén se poden formar tritongos pola unión dunha semivocal (cambiáis, Uruguay).
    -O sistema consonántico está formado polos seguintes fonemas: oclusivos (/p/, /b/, /t/, /d/, /k/, /g/; africados: /t?ʃ/, /j/; fricativos: /f/, /ɵ/, /s/, /x/; nasais: /m/, /n/, /?/; líquidos: /l/; /¥/, /r/, /ɾ/.
    -Perda do F- inicial latino (lat FŬRNU > horno). A letra h é muda.
    -Perda do G- e I- consonántico latino, iniciais, ante e, i, átonas (lat GĒRMĀNU > hermano, lat IANŬĀRĬU > enero).
    -Resultado j /x/ dos grupos L + iode, C’L (lat MŬLĬĔRE > mujer, lat ACŪCŬLA > aguja).
    -Resultado ch /t?ʃ/ do grupo latino -KT- (lat LACTE > leche).
    -Resultado z /ɵ/ dos grupos -SC (palatalizado) ou -SC + iode (lat PĬSCE > pez).
    -Conservación do N- e L- iniciais e intervocálicas latinas (lat LŪNA > luna).
    -As consoantes xeminadas latinas -NN- e -LL- palatalizan en ñ /?/e ll /¥/ (lat ĂNNU > año, lat CABALLU > caballo).
    -Resultado ll /¥/ dos grupos consonánticos KL-, PL- e FL- (lat CLAVE > llave, lat PLĬCĀRE > llegar, lat FLĂMMA > llama).

    Morfoloxía
    -Triple gradación dos demostrativos (este, ese e aquel).
    -Perda do neutro nos substantivos e adxectivos e conservación nos pronomes (eso, aquello) e no artigo determinado lo (lo que quieras).
    -Uso de le (leísmo) para complemento directo persoal masculino (a Juan le vi); é máis restrinxido, aínda que incorrecto gramaticalmente, o laísmo, uso do pronome la, las como complemento indirecto feminino (la dijeron que fuese) e o loísmo, uso do pronome lo como complemento indirecto masculino (lo di un regalo).
    -Fórmula de respecto usted, proveniente da fórmula de tratamento medieval vuestra merced.
    -Distinción de xénero nos pronomes persoais de primeira e segunda persoa de plural (nosotros/nosotras, vosotros/vosotras).
    -Tres conxugacións con formas fortes (acentuada no lexema c[‘a]nt-o) e formas débiles (con acento na desinencia cant-[‘a]mos).
    -Existencia de dous verbos atributivos (ser e estar).
    -Os tempos compostos activos dos verbos só levan como verbo auxiliar o verbo haber (he cantado). As desinencias da 2ª persoa plural son ditongadas (cantáis, tenéis). Na voz pasiva, todos os tempos se forman co auxiliar ser.

    Sintaxe
    -A orde sintáctica da oración declarativa é sux-verbo-complemento (Tu madre come mucha fruta). A partir desta disposición sintáctica son varias as posibles ordenacións dos constituíntes (come tu madre mucha fruta?, mucha fruta es lo que come tu madre, come mucha fruta!).
    -Uso da preposición a diante de complemento directo persoais ou afectivos (Vieron a un hombre).
    -Construción dos verbos transitivos con preposición (contemplar en algo) ou alternancia de preposicións cun mesmo verbo (dudar en/dudar de).
    -Construcións impersoais con se e complementos directos de persoa (Se robaba tanto a amigos como a enemigos).
    -Preferencia da construción reflexa en detrimento da construción pasiva que se perdeu practicamente na fala (se cumplieron las órdenes).
    -Anteposición do pronome persoal átono coas formas verbais (se lo dio), excepto co imperativo, xerundio e participio (dáselo, comiéndolo, hacerlo).
    -As formas posesivas átonas (mi, tu, su, etc) non se constrúen con artigo determinante (cast medieval la mi casa > mi casa) e as pronominais tónicas poden construírse con ou sen artigo determinante (es mío, es el mío).

    Léxico
    -Léxico de orixe latina (hablar, trigo, quejar, corazón) e importante contribución árabe.
    -Incorporacións léxicas, fundamentalmente do inglés e do francés, nos diversos tipos de linguaxe técnica, científica ou ensaística (sistema, civilización, sensibilidad).

    Variedades dialectais
    O castelán presenta unha norma culta bastante uniforme en todos os países onde se fala (agás a pronuncia e o léxico); isto nivela e unifica o sistema lingüístico fronte ás diferencias das variedades diastráticas e diatópicas. A influencia da norma peninsular sentiuse sobre todo entre os ss XV e XIX, influxo mantido polo labor das Academias e dos escritores americanos e españois. A evolución histórica do castelán creou dous modelos lingüísticos: unha norma do norte, máis conservadora e próxima ao patrón xeral; e outra meridional, de pronuncia máis desenvolta, con trazos fonéticos singulares. Esta variedade meridional naceu no s XVI e deu lugar ao andaluz, estremeño, murciano, canario e as variedades do castelán faladas en América.

    O castelán de América
    Co proceso de castelanización, iniciado en 1492 trala conquista de América, a propagación do castelán constituíu un labor de séculos, e acadou a súa máxima extensión no s XVIII como lingua da administración, da Igrexa e da cultura. As linguas autóctonas (náhuatl, maia, araucano, aimará, quechua, guaraní, etc.) influíron na configuración lingüística do continente e numerosas palabras destas linguas incorporáronse ao castelán (patata, cacao, chocolate, canoa, tiburón). O castelán de América caracterízase polos seguintes trazos: na fonética comparte trazos coa modalidade peninsular andaluza (procedencia dos primeiros poboadores), especialmente o seseo, o yeísmo, a aspiración ou perda do -s final de sílaba ou palabra (mohca por mosca), a confusión mutua do r e do l (pielna por pierna), a aspiración do h- inicial procedente do F- inicial latino, etc. A influencia decisiva do andaluz é fundamental nos primeiros anos da conquista, denominado período antillano, xa que nas Antillas se instalaron os primeiros órganos de goberno, administración, evanxelización e cultura. Nestas terras fundouse a primeira sociedade crioula na que a lingua adquiriu unha marcada pegada andaluza. En canto á morfoloxía presenta tendencias e variantes irregularmente repartidas: adverbialización do adxectivo (ella viste lindo), diferenciación de xéneros nominais inéditos (bromisto, tenienta), uso peculiar das preposicións (llegar en la mañana), verbos inusuais en forma reflexiva (me saludé con Juan), concordancia falsa de haber e hacer impersoais co seu complemento directo (habían varias personas, hacen días que no lo veo), dequeísmo (le dijo de que viniera a la hora), etc. Pero un dos trazos máis característicos do castelán de América é o voseo (vos tenés, en vez de tú tienes; a vos, no canto de a ti; con vos, en vez de contigo). Este fenómeno, consistente en usar vos en lugar de tú (ou dos pronomes de 2ª persoa tónicos) entre iguais e para tratar con persoas xerarquicamente inferiores, é xeral en Arxentina, Uruguay, Paraguay, América Central e Chiapas; no resto de México, na maior parte de Perú e Bolivia, e nas Antillas domina o tuteo; mentres que alternan os dous fenómenos no resto das zonas de América. O pronome vos é compatible con te (vos te debés callar por tú te debes callar). As formas verbais tenés, debés alternan con debís, tenís, que se usaron tamén en España e foron desterradas polas triunfantes tenéis, debéis. Para a segunda persoa do plural emprégase, en case toda América, ustedes en vez de vosotros, ben concertado co verbo (ustedes están). Existen tres tipos de voseo: cando se dá no pronome e no verbo (vos cantás, tenés, partís), só pronominal (vos cantas) e só verbal (tú cantás). Ao non existir o pronome vosotros, substituído sen excepción por ustedes, no castelán de América desapareceron as desinencias verbais con valor de segunda persoa plural (-áis, --éis, -ís). Estas terminacións, orixinalmente relativas ao plural vosotros, pasaron a ser, en zonas voseantes, de-sinencias de segunda persoa de singular, como en vos estáis, vos sois. No léxico existen tres compoñentes básicos: o patrimonial, adaptado ás novas realidades do continente (estancias, pumas), o autóctono, procedente das linguas indíxenas (canoa, caoba), e o africano, incorporado ao castelán a partir dos primeiros séculos coloniais (changa, chiringa). En xeral, coincide basicamente co castelán estándar, aínda que conserva arcaísmos (catar, liviano, prieto) e estranxeirismos non triunfantes na península (rentar, sesionar, visionar). Dentro do castelán de América poden delimitarse tres situacións: áreas onde o castelán conviviu durante certo tempo con linguas de civilizacións desenvoltas (nahuatl, no Imperio Azteca; quechua e aimará, no Imperio Inca; e araucano-mapuche, no Chile); áreas de fraca hispanización, onde se fala castelán en diglosia (marxes da Cordilleira Andina, Paraguay, rexións interiores de América Central, sur de México); e, por último, Arxentina e Uruguay, que posúen unha forte consciencia lingüística nacional con trazos comúns pero máis marcados como son o voseo, o rehilamiento do /j/ > /Z/ > [Z, ʃ], un patrón prosódico moi marcado e un léxico rico en influencias doutras linguas amerindias, africanas e europeas (fundamentalmente o italiano).

    Outras variedades

    Outras variedades do castelán son o xudeoespañol, falado nas comunidades sefardís do Mediterráneo e no estado de Nova York; o illeiro da Lousiana; os crioulos afro-ibéricos de Curaçao e Palenque de San Basilio (Colombia); o chabacano ou crioulo hispano-asiático das Filipinas; e as interlinguas de falantes para os que o castelán é lingua de prestixio ou maioritaria (falantes de linguas indíxenas americanas ou do hasania do Sáhara Occidental) ou de hispanofalantes dentro doutras comunidades lingüísticas (chicanos, mexicanos, cubanos, portorriqueños, hispanofalantes dos EE UU e falantes de Filipinas). En todos estes casos, o castelán sofre modificacións que o afastan da variante estándar e crea estadios de evolución intermedia. Outra variedade do castelán é o spanglish, composta por elementos do castelán e do inglés, que emprega parte da poboación hispana de EE UU.

  4. [HIST]
    1. s

      Persoa que na época medieval tiña o goberno, a defensa e a xurisdición dun castelo en dominio útil e posesión inmediata, ben en nome do seu señor, no territorio dunha baronía, ou ben do soberano nos dominios reais. Tiña que facer xuramento de fidelidade e homenaxe ao señor.

    2. s f

      Muller dun castelán.

  5. s m [NUMIS]

    Moeda de ouro cuñada en Castela durante a Idade Media.

  6. dereito castelán [DER]

    Dereito propio dos territorios da antiga coroa de Castela. O legado visigótico, representado pola vixencia do antigo Liber iudiciorum, acadou a súa máxima importancia nos primeiros séculos do proceso de reconquista, na zona máis occidental: Galicia, Portugal, Asturias e, sobre todo, na rexión leonesa, onde residía a corte, que se consideraba como a continuación lexítima do reino visigótico. O seu influxo estendeuse co reino cara ao sur e reflíctese na tradución do Liber iudicorum ao romance (Fuero juzgo) e tamén no feito de constituír a fonte básica do Fuero real, o código de Afonso X o Sabio. Tamén cómpre destacar o papel do elemento consuetudinario e arcaizante, xurdido das novas circunstancias sociais derivadas da repoboación de grandes sectores casteláns ao sur dos montes cantábricos e cara aos sistemas Ibérico e Central. Ademais dos vestixios xermánicos, evidentes no dereito castelán da Alta Idade Media, poden detectarse outros vestixios de ascendencia primitiva. Tanto estes como os xermánicos teríanse confundido cos usos e costumes aparecidos nos mesmos séculos da Alta Idade Media. Un terceiro elemento está representado polo dereito levado por un número considerable de inmigrantes francos. Moito máis minoritarias foron as influencias musulmá e xudía. A partir do s XIII todos estes elementos desbordáronse polas novas correntes canónicas romanas grazas á acollida que os soberanos, dende Afonso X o Sabio, lle deron ao dereito común, malia a obstinada resistencia popular á súa admisión. O dereito así formado tivo diversas expresións: unhas de tipo consuetudinario, como as decisións dos xuízos populares ou fazañas; outras, os fueros, de vixencia local ou comarcal que, co tempo, tiveron unha redacción escrita; e, finalmente, outras de promulgación soberana, como xa o menciona o Fuero real e, sobre todo, o famoso código das Partidas, tamén de Afonso X o Sabio, versión rematada do dereito romano-canónico. O carácter renovador e aglutinador das Partidas fíxoas sumamente impopulares, e quedaron, en principio, reducidas a un código propio da corte do rei, ata alcanzar, no século seguinte, unha consagración oficial da lexislación de cortes e dos dereitos locais no Ordenamiento de Alcalá (1341). Na Idade Moderna, a unificación dos órganos político-administrativos reverteu nunha progresiva tendencia cara á unificación xurídica, xa manifestada no período dos Austrias e consumada plenamente ao iniciarse a dinastía borbónica cos Decretos de Nueva Planta (1707-1716), que supuxeron unha uniformización do dereito peninsular en beneficio do dereito castelán. Os territorios de Indias organizáronse segundo o dereito castelán, aínda que matizado polas particulares condicións xeográficas e sociais.

Palabras veciñas

Castela-A Mancha | castelado -da | Castelán | castelán -lá | castelanada | castelanfalante | castelanía