Castelar Ripoll, Emilio
Político, orador e escritor. Licenciado en Dereito e Filosofía, foi catedrático de Historia de España (1858) e militante do partido demócrata. Desde 1863 dirixiu o xornal La Democracia, onde defendía as posicións económicas liberais do republicanismo individualista. Separado da cátedra en 1865 por mor dun artigo de cariz antimonárquico titulado “El rasgo”, publicado en La Democracia, participou nos movementos que levaron á Revolución de setembro de 1868. Nas cortes constituíntes de 1869 dirixiu, con Pi i Margall e Figueras, a campaña para a implantación da República. Presentou na asemblea constituínte o problema da rabassa morta en Catalunya e a cuestión foral galega. Coa Primeira República (1873), Castelar ocupou a carteira de Estado e a presidencia do poder executivo. Dende o seu posto, clausurou as cortes, interrompeu a discusión do proxecto de constitución federal, suspendeu as garantías constitucionais e exerceu poderes absolutos. Estas xestións foron censuradas polos parlamentarios republicanos, feito que facilitou o golpe de estado do xeneral Pavía (1874). Coa Restauración borbónica, foi o único deputado republicano das cortes de 1876. No ano 1880 fundou o partido denominado posibilista, de corte conservador, encamiñado á aceptación da monarquía. Foi o orador do parlamentarismo español do s XlX, pero desde 1888 foi retirándose progresivamente da política e dedicouse aos estudios literarios e históricos, que o levaron á Real Academia de la Lengua, de la Historia y de Bellas Artes.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Cádiz -
Deceso
Lugar : San Pedro del Pinatar, Murcia