Castelfranco, Giorgio del

Castelfranco, Giorgio del

Pintor italiano. Coñecido como Giorgione, pertence á escola veneciana. Foi un dos primeiros artistas que non dependeu dos encargos relixiosos ou cortesáns e conseguiu especializarse en obras de pequeno formato destinadas, especialmente, á burguesía. A influencia dos Bellini manifestouse no seu tratamento da paisaxe e na composición triangular, como se manifesta en Pala da sagrada conversación de Castelfranco (1505?) e Adoración dos Reis. Utilizou unha técnica directa e prescindiu do traballo de deseño e bosquexo previos á obra. Aplicaba directamente a cor sobre a táboa ou o lenzo, co que conseguía unha maior sensación de espontaneidade e protagonismo das cores, característica da escola veneciana que despois empregou o seu discípulo Tiziano. Creou a chamada paisaxe anímica, onde a temática da obra se subordinou á evocación dun estado anímico que convertía a paisaxe nun tema protagonista, tal e como se reflicte en A tempestade (1508?) ou Os tres filósofos. Algunhas obras consideradas da súa autoría rematáronas os seus discípulos; así, por exemplo, Tiziano acabou Concerto campestre e Os músicos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Castelfranco, Veneto

  • Deceso

    Lugar : Venecia