Castiglione, Baldassarre
Escritor e político italiano. De ascendencia nobre, recibiu en Milán unha sólida formación humanista. Estivo ao servizo de Ludovico Il Moro, de Francesco Gonzaga, co que combateu contra os franceses no Garellano, de Guidubaldo da Montefeltro e de Francesco Maria della Rovere, en Urbino. Durante estes anos desempeñou múltiples cargos, como as súas embaixadas en Inglaterra, en Milán, ante o rei de Francia, e en Roma, onde tratou a Raffaello Sanzio. Foi nuncio do Papa Clemente VII na corte imperial de Madrid, onde gozou da estima de Carlos V. A súa obra mestra é Il Cortegiano (1528), un tratado en catro libros en forma de diálogo no que ofrece unha visión idealizada da sociedade aristocrática do Renacemento. Xunto con Machiavelli, contribuíu á creación do ideal humano renacentista que debía ter unha formación integral e conxugar o exercicio físico coa elegancia dos modais, a cultura literaria e a virtude. Compuxo, ademais, unha égloga titulada Tirsi, o prólogo á Calandria, de Dovizi da Bibbiena, diversos versos latinos e poemas en romance.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Casatico, Mantua -
Deceso
Lugar : Toledo