Castillejo Duarte, José
Profesor. Doutor en Dereito (1905) e en Filosofía e Letras (1915) pola Universidad de Madrid e catedrático de Dereito Romano en Sevilla, Valladolid e Madrid ata o seu exilio en 1936. Alumno de Francisco Giner de los Ríos, estivo vinculado á ILE dende 1898, institución na que sistematizou a súa estrutura pedagóxica. Dende o ministerio de Instrución Pública interveu na creación da Junta para Ampliación de Estudios y Investigaciones Científicas (JAE), na que ocupou o cargo de secretario xeral (1907-1934), e o Centro de Estudios Históricos (1910). Foi un dos impulsores do Instituto-Escuela de Segunda Enseñanza de Madrid (1918) onde se experimentaron novos métodos de traballo e innovacións didácticas e organizativas no ensino secundario. Colaborou no Boletín de la Institución Libre de Enseñanza con diversos artigos, relacionados sobre todo coa temática educativa no estranxeiro (1904-1926). Consideraba que o ensino debía abranguer todas as materias de forma cíclica e gradual, polo que defendía unha educación total, sen fronteiras entre o ensino primario e o secundario. Publicou as obras La educación en Inglaterra. Sus edades, su historia y su organización nacional (1919), Historia del Derecho Romano (1935) e Wars of Ideas in Spain (1937), traducida ao castelán como Guerra de ideas en España. Filosofía, política y educación (1976).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ciudad Real -
Deceso
Lugar : Londres