castor
(< lat castor)
-
[ANIMAL]
-
s
m
Mamífero acuático do xénero Castor, de ata 100 cm de lonxitude do corpo, 35 cm de cola e un peso de 30 kg. É o roedor máis grande do hemisferio norte. Ten o corpo groso, cuberto dun pelame ríxido baixo o que se agocha unha peluxe fina e mesta que o illa da auga e do frío. A cabeza é ancha e posúe ollos e orellas de tamaño pequeno; os grandes dentes incisivos son de cor laranxa e quedan á vista cando pecha os beizos para protexer a boca das estelas de madeira cando traballa. Os xenitais están protexidos por unha cloaca que mantén pechada cando está baixo a auga. Aos lados deste orificio externo do aparato xenital hai dúas glándulas que segregan unha substancia parda de cheiro aromático denominada castóreo. As extremidades son fortes e curtas; as anteriores permiten que o animal teña unha gran capacidade de manipulación mentres que as posteriores son máis fortes, cunhas membranas interdixitais e unha dobre uña no segundo dedo que lle serve como peite. A cola é aplanada, sen pelos e de pel escamosa, e sérvelle de temón cando nada e se mergulla, de contrapeso cando leva un carga ou como punto de apoio cando se ergue sobre as patas posteriores. Vive de forma gregaria en chairas con lagos e ríos de pouca profundidade rodeados de grandes bosques de ribeira e ocupan, dependendo das condicións dos bosques, dende 500 a 2.500 m de beira. Se as condicións do substrato non son boas crean unha construción de lama e pólas de ata 30 m 2 e de 2 m de altura que pode estar situada no medio da auga. En todos os casos, as entradas dos niños son subacuáticas para protexelos dos depredadores e do frío. Para asegurar que o nivel da auga se manteña constante, constrúen encoros con pólas e lama que dan lugar a pantanos. Estas construcións cóidaas celosamente o grupo familiar e hérdanse entre xeracións. Aliméntanse, fundamentalmente, de cortizas e de pólas novas de árbores caducifolias como salgueiros, amieiros e bidueiros, e rizomas e tubérculos de plantas acuáticas. No inverno dependen das reservas de pólas e cortizas que almacenan en cámaras especiais ou das pequenas árbores que cortan e afunden no pantano e ás que poden acceder aínda que a superficie da auga estea xeada. Copulan normalmente de fronte, baixo a auga ou nas beiras; en cada parto teñen ata tres crías, cubertas de pelo e cos ollos abertos. Coidan os máis novos xunto coa camada do ano anterior e dende os poucos días de vida a nai dálles follas para a súa alimentación. En caso de alarma golpean a auga coa cola para advertir ao resto da colonia. En zonas con actividade humana compórtanse como animais nocturnos. Ata o s XVII, tanto o castor europeo (Castor fiber) como o castor americano (Castor canadensis) estiveron ben representados nas zonas húmidas de ambos os continentes, logo foron tenazmente perseguidos polo home, principalmente na procura da súa pel, feito que provocou a extinción na maior parte da súa área de distribución orixinal. En Europa está limitado a Finlandia, Escandinavia, Polonia, Rusia e Siberia occidental e no Elbe e no Ródano. Tamén se levaron a cabo reintroducións deste animal en Francia, sur de Alemaña e Austria. Na segunda metade do s XX, o castor americano foi asilvestrado en Finlandia a partir de animais fuxidos de granxas peleteiras. A súa extinción na Península Ibérica tivo lugar nos primeiros séculos da era cristiá.
-
castor de montaña [Aplodontia rufa, Fam dos aplodóntidos]
Roedor duns 30 cm de lonxitude, repoludo e de ollos pequenos, con patas pentadáctilas de uñas longas e cunha cola pequena cuberta de pelos longos. De hábitos nocturnos, constrúe o tobo preto da auga onde amorea alimento para o inverno. Non é acuático aínda que pode nadar ben. Aliméntase, principalmente, de follas que consegue ao gabear polas árbores. Distribúese en zonas húmidas das áreas de montaña do occidente norteamericano.
-
s
m
-
s
m
Pel deste animal.