Castrelo de Miño, Santa María de

Castrelo de Miño, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Castrelo de Miño. As primeiras referencias documentais do s X relacionan esta igrexa cun mosteiro feminino. No 929 foi soterrado nela o Rei Sancho Ordóñez. En 1167, Fernando II dooulla ao bispo de Ourense. Posteriormente pertenceu e foi encomenda da orde de san Xoán de Xerusalén e pasou a depender da encomenda de Ortoño, da mesma orde, que quedou sometida á de Quiroga. Conserva trazos románicos na torre e na ábsida semicircular decorada con canzorros labrados e está cuberta cunha bóveda de canón que conserva pinturas murais con escenas do Xuízo Final. O arco triunfal é de medio punto. A nave do edificio reconstruíuse no s XVIII. As dúas portas son obra do mestre Francisco de Acosta Caballero.