Castro
Río da vertente occidental que desemboca na ría de Lires. Nace a 344 m de altitude na aba do monte Escaleira, na parroquia de Castrelo, concello de Vimianzo. O seu curso adopta unha dirección L-O coa que drena as parroquias de Castrelo e Berdoias (concello de Vimianzo). A continuación penetra no concello de Muxía pola parroquia da Nosa Señora da O e segue polas de Ozón, Vilastose, Coucieiro, Caberta, Vuiturón e Frixe, onde desemboca despois dun percorrido duns 30 km, no límite coa parroquia de Lires (concello de Cee). A súa conca abrangue unha superficie de 140 km2; os seus principais tributarios son os ríos de Berdeogas, do Fragoso e do Monte, así como os regos de Santiso e de Vilachán. O caudal que proporciona na desembocadura é de 5,2 m3/s.