Castro, Filipe de

Castro, Filipe de

Escultor, debuxante e crítico de arte. Discípulo do escultor noiés Diego de Sande, perfeccionou o seu oficio en Santiago de Compostela con Miguel de Romai. En 1724 viaxou a Lisboa e en 1726 instalouse en Sevilla onde traballou no taller de Pedro Duque Cornejo e, entre outras, entallou as imaxes de san Isidoro e san Leandro para a igrexa do Salvador. En 1733 trasladouse a Roma e exerceu no taller de Filippo della Valle e de Rusconi, e introduciuse na linguaxe do barroco italiano. En 1739 recibiu o primeiro premio de escultura da Accademia de San Lucca e en 1740 unha bolsa de Filipe V por valor de 500 ducados. Ao seu regreso a España, participou na decoración escultórica do novo Palacio Real de Madrid e Fernando VI nomeouno escultor de cámara. En 1752 designárono director da sección de escultura da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e, entre 1763 e 1765, director xeral da mesma. Entre as obras do Palacio Real de Madrid destacan as esculturas realizadas con Olivieri para a fachada principal, as estatuas de Filipe II, Teodosio, Luís I, Traxano e Arcadio, e os relevos da Batalla do Salado e David e Salomón con Saba en Irán, para a galería do cuarto principal. Realizou retratos entre os que destacan os bustos de Bárbara de Bragança e de Fernando VI e o do Padre Martín Sarmiento, terminado polo seu discípulo Manuel Álvarez. Dedicouse esporadicamente ao gravado e fixo unha augaforte en Sanlúcar de Barrameda coa figura dunha peregrina. Entre as obras que realizou en Galicia cómpre salientar a desaparecida imaxe de san Xosé do convento do Carme (Padrón), a Virxe da Asunción da igrexa de Santa María de Caldas de Reis, outra da mesma advocación para a igrexa de Santa María de Isorna (Padrón) e dous anxos para a fachada do mosteiro de San Martiño Pinario. Introduciu en España a consideración social do artista e dotou á Academia de San Fernando dunha base teórica académico-clasicista coa incorporación das disciplinas de xeometría, perspectiva e anatomía, enfatizando a diferenciación entre o artista e o artesán. Publicou a tradución da Lección en la Academia florentina sobre la primacía de las Artes (1753) de Benedetto Varchi. Escribiu Relación de pinturas y esculturas de Madrid, onde manifestou a súa preferencia polas obras de inspiración grecorromana. Foi membro da Accademia de San Lucca de Roma e da Academia de Deseño de Florencia. Legou a súa biblioteca á Universidade de Santiago de Compostela e instituíu unha escola de primeiras letras e gramática na súa casa de Noia.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Noia

  • Deceso

    Lugar : Madrid