Castro, María Rosalía Rita de

Castro, María Rosalía Rita de

Escritora. Filla de María Tareixa da Cruz de Castro e Abadía, unha fidalga solteira vinculada á casa de Arretén, e do sacerdote Xosé Martínez Viojo, fíxose cargo dela a súa madriña María Francisca Martínez. Pasou a súa nenez na aldea do Castro de Ortoño ao coidado da familia do pai e está documentado que viviu coa nai en Padrón en 1842 e, desde 1850, en Santiago de Compostela, lugar no que pasou a súa mocidade e ao que volveu con posterioridade, como ocorreu con Padrón e coas Torres de Hermida en Lestrove, outro dos seus lugares de residencia temporal. No medio rural adquiriu desde nena as bases do coñecemento da cultura tradicional galega que impregnou toda a súa creación; situou nas beiras do Sar, abertas ao mar da ría de Arousa, a toponimia esencial do seu mundo creativo, o seu locus amoenus da felicidade tida e perdida e o seu amado territorio da dor que se reconcentrou nos núcleos urbanos de Padrón e Compostela ou se estendeu ao mar de Muxía e Fisterra. A Galicia rural, caracterizada pola temporal ou definitiva ausencia paterna motivada pola emigración ou polo traballo ambulante ou no mar, plasmouse na obra rosaliana en toda a súa complexa profundidade. A propia vivencia persoal da ilexitimidade no marco conservador da época relaciónase coa súa profunda sensibilidade ante o problema da orfandade e coa marxinación social; foi esta, sen dúbida, unha resposta persoal progresista en consonancia con esa liña ideolóxica revolucionaria, absolutamente minoritaria e contracorrente, coa que se podería vincular o precoz cultivo da súa vocación artística musical e literaria, xunto coa súa elección da liberdade e da independencia radicais como principios intelectuais básicos. En Compostela continuou a súa formación autodidacta adaptada ás condicións sociais das rapazas da súa época ao tempo que entrou en contacto coa xuventude intelectual e progresista que frecuentaba o Liceo de la Juventud; alí coñeceu a Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, figuras representativas do Rexurdimento galego, que lle dedicaron emblemáticas semblanzas en verso. Nesta época sentáronse as bases da súa elección dunha profesión artística, que nun primeiro momento combinou a dedicación teatral (interpretou Rosmunda de Gil y Zárate en Santiago de Compostela) coa da escritura, pola que se decidiu finalmente. En 1856 marchou a Madrid, onde viviu cuns familiares maternos e casou en 1858 co polígrafo e político galeguista Manuel Martínez Murguía. Ao ano seguinte naceu en Santiago de Compostela a súa primeira filla e, a partir de entón, debido fundamentalmente aos imperativos políticos e profesionais do seu marido, viaxou por Galicia, Extremadura e Alacant, e viviu en Compostela, Madrid, Simancas, A Coruña, Lestrove e Padrón e talvez en Lugo. En 1862 morreu en Santiago de Compostela a súa nai, morte que orixinou a elexía A mi madre (1863) e, en 1871, o seu pai en Padrón, sendo presbítero da colexiata de Santa María de Iria. A partir de 1868 tivo tres fillas e dous fillos máis -un foi o pintor Ovidio Murguía-, outra filla naceulle morta e, en 1876, morreulle o seu fillo Adriano. As mortes dos seus fillos, especialmente a do pequeno, ensombreceron a súa vida e deixaron unha profunda pegada na súa obra xunto con outras amarguras que tamén a encherán de pesimismo, como as derivadas da inestabilidade económica, a consolidación definitiva do conservadurismo coa Restauración e as enfermidades (a tise coa que conviviu ou o cancro que lle causou a morte). O conxunto da súa obra, onde confluíron as lecturas de Espronceda, Byron e Goethe, enmárcase dentro do movemento europeo de recuperación da tradición oral e da literatura popular, tendencia romántica derivada dos nacionalismos incipientes. Practicamente toda a súa obra coñecida corresponde á época de casada e combina o cultivo da poesía, a narrativa, a prosa costumista e ensaística, en castelán, coa poesía e o conto, en galego. O castelán e a lírica combinounos en tres poemarios e foron a lingua e o xénero literario do seu primeiro e derradeiro libro: La flor (1857), A mi madre (1863) e En las orillas del Sar (1884). En castelán tamén escribiu as novelas La hija del mar (1859); Flavio [Ensayo de novela] (1861); Ruinas [Desdichas de tres vidas ejemplares], a parecida en El Museo Universal en 12 entregas do 4.2.1866 ao 22.4.1866; El caballero de las botas azules [Cuento extraño] (1867) e El primer loco [Cuento extraño] (1881); as prosas ensaísticas, “Lieders”(1858) e “Las literatas. Carta a Eduarda”, aparecida en el Almanaque de Galicia (1865); e os cadros de costumes “El cadiceño”, aparecido en el Almanaque de Galicia (1865); “Padrón y las inundaciones, aparecido en La Ilustración Gallega y Asturiana en catro entregas os días 6, 7, 8 e 9 de 1881; “Costumbres gallegas”, aparecido en Los lunes del Imparcial en dúas entregas do 28.3.1881 e 4.4.1881 e “El domingo de ramos [Costumbres gallegas]”, incluído en El primer loco (1881). En galego publicou os poemarios Cantares gallegos (1863; 2ª edición ampliada 1872) e Follas novas (1880), así como a narración curta de inspiración folclórica coñecida como “Conto gallego” que se lle atribúe (publicada en vida coa autoría das iniciais R.C. e baixo o epígrafe “Contos da miña terra”, folletín de El Avisador, 1864; e postumamente co nome completo da autora e o título “Conto gallego”, Almanaque gallego, 1923). Coñécese ademais un pequeno conxunto de poemas que incrementaron as distintas edicións das Obras completas, xunto coas poucas cartas e fragmentos de cartas que se deron á luz. Hai tamén noticia da existencia doutras obras, como Historia de mi abuelo, o proverbio Romana, Mauro, La mora e El codio, que quizais estivesen entre os escritos que mandou queimar antes de morrer e se perderon para sempre, ao igual que as cartas destruídas por Murguía. As súas publicacións distribúense en dúas etapas marcadas polo silencio que vai de 1872 a 1880, a partir das que a crítica establece dúas etapas creativas: a da mocidade relativamente máis optimista, na que parece haber unha prolongada continuidade na escritura; e a radicalmente pesimista e melancólica da madurez. Polo xeral, levou unha vida retirada do mundo literario e parece que recluída na intimidade familiar despois de casada, coa única excepción coñecida da actuación en 1860 no drama histórico Antonio de Leiva, de Juan de Ariza, representado en Santiago de Compostela a beneficio dos feridos en África. O poemario La flor (1857), do que Manuel Murguía fixo unha reseña o 12 de maio de 1857 en La Iberia alentando o talento poético de Rosalía, está influenciado polo romanticismo de Espronceda e de Aurelio Aguirre, e nel anúncianse moitos dos temas e recursos estilísticos empregados na súa obra posterior. Contén os poemas: “Dos palomas”, “El otoño de la vida”, “Fragmentos”, “Un desengaño”, “La rosa del camposanto” e “Un recuerdo”. Nos seus versos desenvolve o tema da morte, da fugacidade do tempo, do efémero da felicidade, da loita do individuo contra a corrupción do mundo que o leva irremediablemente á soidade, ao desespero, ao desengano e á perda da fe. A flor simboliza a esperanza perdida e os ideais frustrados. A breve colección de poemas en castelán A mi madre (1863) constitúe unha escolma de versos nos que reflicte a dor pola morte da súa nai. Das cinco novelas que escribiu, catro (La hija del mar, Flavio, Ruinas, El primer loco) están ambientadas directa ou indirectamente en Galicia (Muxía, Fisterra, ría de Arousa, Padrón, Santiago de Compostela e Conxo) e unha (El caballero de las botas azules) en Madrid, con pequenas pero significativas referencias galegas (unha viaxe a estas terras ou a presenza da súa gastronomía no banquete final). A novela La hija del mar (1859), autobiográfica en gran parte do contido, desenvolve a súa trama en terras de Muxía e reflicte unha sociedade corrupta que oprime a pobres e mulleres, critica a superstición produto da ignorancia e defende os dereitos da muller. Está chea de escenas costumistas sustentadas no realismo social e con pinceladas románticas a través das que se desenvolve a multiplicidade temática da obra (suicidio, amor, dor, loucura, morte e incesto) e o seu argumento: o conflito amoroso entre dúas mulleres, nai e filla, e a preferencia do home pola máis nova. Na seguinte novela publicada, Flavio (1861), analiza os caracteres románticos dos seus protagonistas, Mara e Flavio, e relata a súa historia de paixón amorosa dominada por un destino adverso. Ruinas (1866) é un cadro de costumes de tendencia realista onde Rosalía reflicte a situación da fidalguía que caeu na desgraza da ruína económica e que está desprazada e marxinada pola sociedade a través das figuras de dona Isabel, don Braulio e Montenegro. A única novela ambientada en Madrid, El caballero de las botas azules (1867), é unha aguda crítica á burguesía e á decadente aristocracia madrileña que mestura realismo, fantasía e elementos costumistas a través dun estraño e máxico cabaleiro. En El primer loco (1881) trata a paixón amorosa e expón as súas ideas sobre o amor verdadeiro e as dificultades para acadalo; o amor é esencial na vida e implica a busca do amado e un desacougo constante. As súas influencias foron diversas, segundo a propia escritora explicitou e a crítica resaltou, mais a súa obra resulta imposible de clasificar nos prefixados canons histórico-literarios románticos, costumistas, realistas ou simbolistas dos que participou. Rompe os moldes dos xéneros e os límites do verso e a prosa; insírese na escrita da tradición da ruptura ao facer lírica con fragmentos de vidas narradas e de voces dramatizadas postas en escena; fai poesía cando narra contos estraños e novela historias exemplares de mulleres e homes; e rompe as restritivas barreiras temáticas, formais e ideolóxicas establecidas. A súa poética profunda responde á liberdade radical da arte e da vida coa que se definiu no manifesto romántico progresista e feminista “Lieders” e na que se mantivo sempre. Atívose só á única musa que quixo escoller, a do corazón -negro pola dor da paixón e da compaixón-, e non fixo caso da sociedade que a rodeaba e pretendía enxuizala. Musa de raíz romántica revolucionaria e fondamente humana e solidaria, combinou obxectividade e subxectividade, ao facerse eco dunha ampla diversidade de voces dende múltiples perspectivas e construcións simbólicas, e creou unha obra de inmensos valores humanísticos á que nada humano lle é alleo, agás a radical alegría. Desde a consciente aceptación das diferencias humanas, a súa creación denuncia a inxustiza das desigualdades e avoga polo entendemento derivado da comprensión intelixente das verdades máis profundas. Así, constatou a carencia de paz en e entre as persoas e falou obsesivamente das guerras, os combates, os desencontros e os malentendidos humanos, movida pola sede de amor e a fame de xustiza nacidas da realidade que a rodeaba. Neste sentido, achegouse a unha poética, ao mesmo tempo realista e visionaria, que diseccionou o mundo dado e plasmou con loucura soñadora o mundo desexado, conxugando pranto e canto; é unha poética do imposible, resistente e subversiva que defende a acollida das persoas perdidas no mundo, plasmadas en emblemáticas imaxes de “viaxeiros”, “fuxitivos”, “reos”, “fillas do amor” ou “estranxeiras”. En consecuencia é unha poética que profundiza na individualidade, se estende pola colectividade e atende sobre todo as xentes humildes e populares de Galicia e as mulleres en xeral. Na súa creación adaptou modelos literarios do seu contorno romántico e realista peninsular máis inmediato, recibiu a influencia de obras e autores clásicos occidentais (a Biblia, Shakespeare, Cervantes) e das figuras máis emblemáticas do romanticismo (Rousseau, Chateaubriand, Goethe, Byron, Staël, Sand, Bécquer, Heine, Lermontov, Hoffmam, Tieck) e recolleu manifestacións populares e de masas (cantigas, contos e teatro populares galaicos; teatro lírico-musical europeo). A historia da crítica rosaliana fixo medrar a súa figura desde o ámbito galego e peninsular ata o universal e instituíuna como unha escritora clásica. Este estatuto canónico alcanzouno no terreo poético primeiramente no contexto galego desde uns presupostos histórico-ideolóxicos e estéticos que fixeron dela a iniciadora simbólica do Rexurdimento con Cantares gallegos, a normalizadora definitiva da poesía en canto á creación en si con Follas novas e, en consecuencia, a representante máxima da literatura en lingua galega no panorama universal. Con posterioridade foi considerada, pola obra En las orillas del Sar, un elo innovador básico na ruptura poética que enlazou romanticismo, simbolismo e vangarda no ámbito lírico castelán e peninsular en xeral. Revalorizouse a súa contribución creativa de conxunto dentro do panorama universal e destacouse o carácter pioneiro da súa prosa narrativa e ensaística -ademais do da poesía- no marco da literatura das mulleres. Rosalía foi desde os seus comezos moito máis que unha escritora; foi un símbolo dende o seu compromiso ideolóxico, un mito plurisignificativo construído polo galeguismo como primeira pedra sobre a que erguer o país, facendo dela “a musa dos pobos” e “a negra sombra matriz”, encarnación á vez do principio revolucionario e popular da propia Galicia e do movemento de liberación, marcados a un tempo polo destino tráxico articulado polo moralismo tanático ensalzador do sacrificio e do martirio. Desde un heterodoxo pesimismo cristián e saudoso, mesmo sobrepasándoo ás veces, mergullouse nas realidades máis escuras do mundo e da vida para chegar a unha crítica social radical, na visión filosófica materialista e na expresión das vivencias íntimas fundamentais da existencia humana. Foi a transmisora das múltiples voces populares galaicas no seu polifónico canto de afirmación galeguista; a súa palabra de denuncia desde todas as marxinacións proclamouna portavoz dos “tristes”; foi a cantora do discorrer do tempo, da soidade, da dor, do desamor, da angustia, da loucura e da morte. Os seus tres poemarios casteláns están fortemente marcados pola melancolía que canta con dor, desde o coñecemento da soidade, da morte e da nada, ata a perda de todas as ilusións inocentes nas que o edén inicial se converte no inferno final e só conta co amparo momentáneo dos soños, do amor materno e da vivencia mística da beleza e do ben. A súa poesía avanza no tempo con progresiva radicalidade e con voz cada vez máis propia, e á vez tamén máis aberta, profunda, diversificada e universalizada, ata chegar á extrema sensibilidade e dureza derradeira dos últimos poemas. Os seus versos manifestan a voz complexa dunha consciencia lúcida de muller que constata a problemática persoal e comunal dun tempo e dunha terra con tormentoso desacougo, lonxe do prototipo feminino da paz. Os dous poemarios galegos comparten esta mesma poética de fondo pero, de acordo co explícito compromiso galeguista do que parten, acompasan a defensa lingüística co dominio da musa máis popular e das temáticas sociopolítica e étnico-antropolóxica nunha estética guiada pola exaltación da galeguidade menosprezada e pola denuncia específica das marxinacións padecidas no país (presentes tamén en En las orillas del Sar). Tiña unha visión moi crítica tanto do mundo das letras coma da sociedade en xeral, feito que se evidencia especialmente nos prólogos, explicítase con lucidez en “Las literatas” e asúmese con radical consciencia no mandato final da queima de escritos, feito que deriva nunha marcada angustia na práctica totalidade da súa obra. O principio de liberdade e independencia que inspirou a súa creación chocou fortemente co pechado marco circundante do poder androcéntrico que a cercaba; isto reflectiuse no episodio derivado do seu artigo de costumes “El codio” que suscitou en 1864 as ameazas e destrozos dos seminaristas de Lugo contra a imprenta de Soto Freire onde se ía publicar no Almanaque de Galicia, ou a polémica sobre a práctica de hospitalidade erótica na costa galaica que orixinou “Costumbres gallegas”. Este feito unido a outras circunstancias, entre elas a súa radicalidade ética e estética, fixo que se instalase nun crítico exilio interior fronte ás convencións sociais impostas. As súas prosas ensaísticas e cadros de costumes en castelán parten dun posicionamento ideolóxico implícito máis evidentemente progresista e teñen de maneira deliberada un enfoque, polo xeral, moi subxectivo e mesmo claramente confesional, diferenciándose tan só o ton contundente, irónico e optimista da mocidade, do matizado, nostálxico e pesimista dos últimos anos. A poética feminista de “Lieders” (1858) ten como motivo principal a liberdade e a rebelión dunha muller fronte a unha realidade dominada polos homes; El cacideño (1863) é unha peza costumista onde describe con ferinte sarcasmo a resistencia anticolonial e as consecuencias da emigración para Galicia a través do emigrante fachendoso que volve enriquecido á terra e que renega dela ao desprezar todo o propio e esquecer a súa lingua. En Las literatas (1866) pasa da temática da liberdade feminina en xeral á da muller escritora en particular e denuncia con finísima ironía os múltiples prexuízos sociais que rodean as escritoras e as condena a vivir un “inferno”. Nos cadros de costumes “El domingo de ramos”, “Padrón y las inundaciones” e “Costumbres gallegas” dá a coñecer o ritual cristián dos ramos con extraordinaria sensibilidade ante a marxinación e o mal causado na vida humana -e na animal e vexetal-; os estragos causados polas inundacións; e a hospitalidade específica das xentes galegas da montaña e do mar, incluíndo, no caso destas últimas, a acollida erótica. A figura real da viúva é o eixo temático do seu “Conto gallego” (1864), peza narrativa de inspiración folclórica que disecciona con técnica obxectiva as interrelacións de sexo e poder así como a construción patriarcal dos estereotipos xenéricos tradicionais. No conxunto da obra de Rosalía hai unha gran diversidade de temas que se entrecruzan e reflicten os diferentes trazos da alma popular galega propios da súa vivencia persoal. A temática rosaliana bebe de fontes de tipo costumista, amoroso, intimista e social; a emigración, a dor, o amor, a morte, o desacougo existencial e relixioso, a superstición e o folclore mestúranse para constituír un universo poético onde priman os sentimentos. No tratamento da relixión evoluciona dende os primeiros poemas nos que sente que a fe proporcionaba a felicidade, ata os últimos onde canta que a fe impide ver a triste realidade da vida. A desgraza que envolve a existencia humana provoca no home o descremento e a destrución da fe; Rosalía pídelle a Deus que non a consinta e que evite os seus continuos golpes. Cando aparece a dor, a relixión convértese en consolo; cando a dor é reiterativa e nada nin ninguén xustifica esa permanencia na desgraza e na deseperación, a fe desaparece. A necesidade humana de crer deu paso ao escepticismo e a relixión xa non ofrece o consolo prometido: a dor inxustificada e constante e a reiteración dos males fan que a fe, identificada coa infancia e coa inocencia, desapareza. Para Rosalía a desgraza é inxusta e cre que hai seres predestinados a unha dor irremediable (“os tristes”), que nacen condenados a ela; como consecuencia, as dúbidas e a angustia ante o silencio de Deus serán constantes na súa obra e o tratamento da relixión oscila entre as crenzas sinxelas tradicionais de tipo popular, a dúbida e a esperanza. Os sufrimentos constantes da humanidade fan que se desexe o descanso; en Rosalía a fin desta dor preséntase como desexo de morte que ás veces se pretende adiantar co suicidio, tema frecuente na súa obra. Máis alá do mundo dos vivos móvense seres que participan da vida terreal e cos que se establece unha comunicación. Rosalía identifica eses seres co apelativo “sombras”. A dor é outro dos temas máis representativos e de innumerables matices: dor pola ausencia da terra, dor polo amor que se foi, dor pola inxustiza social e dor de soidade. É unha dor continua que vén de dentro, en definitiva é a dor de existir que o home non pode controlar e que deriva no desasosego e na inquietude. Toda a súa novelística ten como núcleo central o tema amoroso e como obxectivo plasmar a imposibilidade do entendemento entre os sexos. Cada unha das obras contén o estudo profundo de varias paixóns amorosas, mais tamén artísticas ou incluso políticas. Ao longo da obra rosaliana, o amor raramente aparece como un estado feliz; o paso do tempo e a ausencia do amado impiden a súa realización, que sempre vai unida á dor, e provocan o esquecemento que desemboca no desengano. Canta á fugacidade da vida e critica, entre outros vicios, a vaidade, a avaricia, a soberbia e o desexo de fama. Son numerosas as descricións da paisaxe e as referencias á natureza galega que, paralelamente, serven para reflectir os seus estados de ánimo. Ao mesmo tempo, hai continuas alusións ao folclore galego, aos seus costumes e tradicións. A través da súa condición de poetisa social expresa as dores e inxustizas de Galicia, reflectidas nos emigrantes e nas mulleres esquecidas que traballan, choran e morren de soidades. A emigración é un constante lamento en Rosalía, dóelle a marcha dos galegos da terra produto da pobreza de Galicia e reflicte o drama dos que se quedan agardando a súa volta. A súa obra constitúe unha achega fundamental para a restauración da conciencia galeguista e a afirmación dos valores de Galicia; a través dela denuncia indignada as inxustizas de que eran víctimas as xentes e a opresión, e agocha o rexeitamento rosaliano das inxustas convencións mundanas, o seu desprezo dos que “achan lugar en todas partes e queren para si todo o aire” e o seu solidario aprecio por aqueles aos que “lles falta a terra baixo os pés”, persoas soñadoras, poetas, desherdadas, xenerosas e excéntricas sen espazo social, entre as que destaca o magnífico caleidoscopio de mulleres que a súa intelixencia non androcéntrica soubo trazar. Rosalía foi unha innovadora e precursora de novos ritmos e combinacións métricas, desenvolvidas posteriormente no modernismo. A súa poesía, de ritmos pouco frecuentes, caracterízase por un rexeitamento das estrofas de estrutura ríxidas, combina versos de distintas medidas que anuncian o verso libre e, xeralmente, emprega a rima asonante. Estilisticamente caracterízase polo emprego de comparacións, grande adxectivación, reiteracións e contrastes, que implica unha gran riqueza de matices e símbolos como o da negra sombra. No que se refire á dimensión teatral, aínda que a autora non se aproximou a este xénero (tense noticia dunha peza perdida) cómpre dicir que foron numerosas as escenificacións que tiveron como base textos da súa autoría, como A probiña que está xorda, polo Cadro Dramático Saudade (1926), ou Follas novas, polo Centro Dramático Galego (1985). En 1984 o Centro Dramático Galego presentou Agasallo de sombras, texto de Roberto Vidal Bolaño que dramatiza dun xeito crítico a vida da escritora. Na música, ao longo da historia, compuxéronse numerosas pezas baseadas nos versos de Rosalía que promoveron unha enorme difusión da súa obra. Sobre todo, os poemas de Follas Novas van ser os preferidos para compoñer baladas para voz e piano e arranxos sobre esas baladas para orfeón, como é o caso de Negra sombra. Entre os compositores influenciados pola poesía rosaliana destacan os galegos Xoán Montes (Negra sombra, Doce sono), Xosé Baldomir (Mayo longo, Ti onte, mañán eu, A un batido, No ceo azul crarísimo, Cava lixeiro, Por qué, Dios piadoso?, Tal com’as nubes, Eu levo unha pena), Exidio Paz Hermo (Adiós ríos, adiós fontes), Luís Taibo (Como chove miudiño), Eduardo Rodríguez Losada (Tres cantares de Rosalía: Miña Santa Margarida; Vint’unha noite; Franca, pura, sin engorros), Xesús González de Velasco (Tan soio; Sin niño; Maio longo), Ánxo Rodulfo (Sin niño), Rodrigo A. de Santiago (Chirriar dos carros na ponte), Andrés Gaos (Rosa de abril), Enrique Macías (De fora), Rogelio Groba (Las campanas; In Memoriam Rosalía Castro: Calade!, Padrón, Padrón!, Vamos bebendo!, Por qué, miña almiña?, Que prácidamente brilan!, Soia!); e os non galegos García Abril (Cuatro canciones gallegas, tres delas con textos de Rosalía: Cando vos oio tocar; Todo é silencio; Has de cantar, meniña gaiteira), Joaquín Rodrigo (Un home, San Antonio!), Carmelo Bernaola (Non che digo nada... Pero vaia!) e Halffter. Entre os cantautores que versionaron poemas rosalianos destacan, entre outros, Amancio Prada, Miro Casabella, Luís Emilio Batallán, Adriano Correia da Oliveira e Os Tamara. A figura de Rosalía de Castro é de grande importancia literaria e histórica, feito derivado da profunda riqueza estética e humanística acochada na súa rupturista escritura, e dos fortes conflitos ideolóxicos que traspasaron a súa vida e condicionaron as distintas reconstrucións da súa personalidade. A súa obra tivo xa en vida unha gran transcendencia histórica nos ámbitos galaico, da emigración galega en América e do catalanismo, entre outros. En 1872 foi nomeada socia honoraria da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia e do Centro Gallego, Sociedad de Instrución y Recreo, ambas as dúas institucións de La Habana, homenaxes de afirmación galeguista que se prolongaron permanentemente. Morreu en 1885 na casa da Matanza en Padrón, hoxe Casa Museo e sede da Fundación que leva o seu nome, e foi enterrada no cemiterio de Adina, en Iria, pero o 25 de maio de 1891 a Asociación Regionalista Gallega promoveu o traslado solemne dos seus restos ao mausoleo do Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. En 1963 dedicóuselle o primeiro Día das Letras galegas, que quedou instituído o 17 de maio, para conmemorar o centenario da publicación do seu poemario Cantares Gallegos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso

    Lugar : Padrón