Castro Gil, Manuel
Gravador. Recibiu clases de debuxo e de pintura con Manuel Fole. Cunha bolsa concedida pola Deputación de Lugo en 1907, marchou a Madrid onde foi discípulo de Alejandro Ferrant. Estudiou tamén nos talleres da Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando con Muñoz Degrain e Carlos Verger. Obtivo os títulos de profesor de debuxo, pintura e gravado. En 1925 recibiu unha bolsa da Junta para la Ampliación de Estudios e viaxou a París e posteriormente aos Países Baixos e Inglaterra. Foi mestre na Escuela Nacional de Artes Gráficas e gravador do Banco de España e da Casa de La Moneda. En 1920 colaborou nas revistas La Esfera e Blanco y Negro. Dominou todas as técnicas do gravado, aínda que destacou nas augafortes e na punta seca. As súas obras son dun marcado realismo pero non exentas dun certo romanticismo. Entre os seus gravados destacan Estampas de Guerra, Catedral de Santiago, Castelo de Andrade, Praza Maior de Lugo e Dolmen Galego. Participou en diversas exposicións tanto colectivas como individuais en París, Londres, Madrid, Barcelona e Vigo, e concorreu a exposicións internacionais en Hamburgo, Berlín, Oslo e Bruxelas. Foi membro da Asociación de Pintores e Escultores de Madrid, da Agrupación Española de Artistas Grabadores, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes da Coruña e da Academia de Bellas Artes de San Fernando, e correspondente da Académia de Belles Arts de San Carles de València. Foi galardoado coa terceira medalla do Concurso Nacional de Gravado de 1922 por Mosteiro de Carboeiro, coa primeira medalla de ouro do mesmo certame na edición de 1930, co premio único do concurso de gravado do Círculo de Bellas Artes de Madrid e cunha medalla na Exposición Rincones y costumbres madrileñas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Lugo -
Deceso
Lugar : Madrid