Castro Represas, Francisco

Castro Represas, Francisco

Arquitecto. Estudiou arquitectura en Madrid. Unha vez instalado en Vigo, asociouse en 1940 con Pedro Alonso Pérez, con quen traballou ata 1988. A súa obra marcou o paso dunha estética próxima ao eclecticismo, dominante na súa época, cara ás novidades técnicas e volumétricas do racionalismo. No seu repertorio destaca o emprego do granito, o uso das balconadas e das cornixas corridas, ademais do gusto pola volumetría das súas fachadas. A súa primeira obra foi o edificio da rúa Marqués de Valladares número 22, na que desapareceu toda ornamentación, grazas á acusada horizontalidade e á separación de ocos do plano de liña de fachada cos beirís. A continuidade coa tradición eclecticista e modernista da época amósase no emprego de bloques de pedra tallados que, para ter continuidade coa arquitectura precedente, acadaron unha grande espesura para producir unha sensación de irrealidade. Esta mesma sensación ofrécea o edificio con chafrán da praza de Compostela número 4-6, no que a fachada, malia os distintos elementos, xeometrías e planos, se amosa como un todo unitario. O edificio Natalio Sanchón, de 1935, lembra no seu corpo central, no remate amodo de palco de terraza, na cornixa e no portal de entrada, o expresionismo da art decó, do mesmo xeito que o edificio Jesús Crespo Filgueira, de 1938. O edificio Francisco Albo, realizado entre 1942 e 1949, destaca pola súa esquina con chafrán. Aínda que na planta baixa amosa elementos clásicos, no seu conxunto é unha construción racionalista na que domina a horizontalidade das súas frontes e a verticalidade das esquinas. Destaca tamén o remate do corpo central piramidal coa estatua da Victoria de Samotracia, obra de Jesús Picón. O edificio do Club Náutico, de 1944 e 1945, consolidou a arquitectura racionalista, aínda que está moi transformado. Destacan tamén, entre outras construcións, a fábrica de conservas de Ribas, realizada entre 1935 e 1938, a reforma do Cinema Radio, de 1943, o edificio Miguel Seijo Serodio, de 1945, e o edificio comercial para José González, de 1949. En 1935 accedeu á presidencia da subdelegación de Vigo do Colegio de Arquitectos de León, Asturias y Galicia e foi nomeado Vigués Distinguido (1993).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vigo

  • Deceso