Castrojeriz

Castrojeriz

Municipio da provincia de Burgos, Castela e León, no Camiño Francés de peregrinación a Santiago (1.105 h [1996]). Situado na aba dun outeiro, orixe do asentamento do que toma o nome, o seu plano resólvese ao longo dunha rúa principal que coincide co Camiño de Santiago. Do seu patrimonio monumental destacan a colexiata de Santa María del Manzano, templo gótico do s XIII, situado á entrada da vila; a igrexa parroquial de Santo Domingo; e a igrexa de San Juan, gótica do s XIV. Nos tempos de maior esplendor da peregrinación a Compostela chegou a contar con sete hospitais. No mes de xullo celébrase a festa do allo. A súa condición xacobea levouno a irmandarse co concello de Melide.