Castromao
Castro localizado nun outeiro de preto de 725 m de altitude, que domina boa parte do val do Arnoia, na parroquia de Santa María de Castromao (Celanova). Este castro, coñecido desde a época medieval, identificouse a finais do s XIX cunha das poboacións romanas que se rexistran no Anónimo de Ravenna. As primeiras escavacións deste conxunto datan de 1920-1930, época na que Xulio Rodríguez e Florentino López Cuevillas abriron dúas gabias na zona da muralla. Non obstante , non foi ata os anos sesenta e setenta cando Mariano García Rollán realizou a maior parte das escavacións do castro. O conxunto arqueolóxico de Castromao presenta uns sinais de habitación que van desde o Bronce final ata ben avanzado o dominio romano. As construcións que configuran o castro están dispostas ao redor dunha penedía central, nunha plataforma de ancho variable, entre os 12 e os 15 m, rodeada por unha muralla de pedra e por un terraplén revestido con cachotería de case 500 m de perímetro. A entrada a este recinto estaba situada na cara sur da muralla, preto do lugar por onde pasaba a Via Nova, a estrada romana que unía Braga e Astorga, e realizábase por medio dunhas escaleiras de pedras encastadas na propia muralla. No interior desta terraza hai numerosas construcións de cachotería, na súa maioría cunha planta circular, aínda que tamén son abondosas as edificacións de planta elíptica e rectangular. As dimensións destas estruturas, igual que a súa funcionalidade, varían moito e caracterízanse por presentar unhas formas máis coidadas nas pedras do exterior ca nas do interior, cos solos de terra pisada. Entre os materiais arqueolóxicos que se atoparon no castro hai que destacar numerosos obxectos cerámicos (castrexos e romanos), cerámica manual decorada con círculos, eses ou esvásticas, cerámicas de mesa, ánforas, dollia e terra sigillata, doas de pasta vítrea, muíños manuais, machados e restos de landras e doutros cereais carbonizados. Non obstante , o achado máis importante é a tabula ou tessera de hospitalidade, que apareceu xunto cun tesouro de denarios e un áureo da época de Tiberio (14 d C - 37 d C). A tessera de Castromao é unha lámina de bronce de 31 x 23 cms, de 4 mm de grosor, na que está gravado un texto que contén un pacto de hospitalidade entre os coelernos e o prefecto da cohorte primeira dos celtiberos, G. Antonius Aquilus Novaugustanus. Este pacto está datado no ano 132 d C, cando a cohorte primeira dos celtiberos estaba destinada no noroeste peninsular, de aí que o seu prefecto establecese unha relación de clientela cos coelernos, pobo ao que pertencían os habitantes de Castromao e os da comarca de Celanova.