catalán -na

catalán -na

(< topónimo Catalunya)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Catalunya, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Catalunya.

  3. adx

    Aplícase a unha variedade híbrida da vide, á súa uva e ao viño que produce. Introduciuse en Galicia desde principios do s XX debido á súa resistencia á filoxera. A uva presenta as variedades branca, vermella e negra, e produce uns caldos de gusto a froita pero excesivamente acedos. Malia estar prohibida a comercialización deste tipo de viños, aínda se atopa en abundancia en zonas como o val do Ulla e en áreas das Rías Baixas.

  4. s m [LING]
  5. Arte cinematográfica desenvolvida nos Països Catalans. En 1896 introducíronse en Barcelona diversos aparellos cinematográficos e Frutuós Gelabert realizou, en 1897, as primeiras filmacións cun aparello de realización propia. Nos documentais destacan El sucessos de Barcelona (Os sucesos de Barcelona, 1909), de Josep Gaspar, e Boda i atemptat contra Alfons XIII (Voda e atentado contra Afonso XIII, 1910), de Abadal; no cine de fantasía, Hotel Elèctric (Hotel Eléctrico, 1910), de Chomon; no cómic, Cervesa gratis (Cervexa gratis, 1906), de Gelabert; no xénero histórico-literario, Don Joan de Serralonga (1910), de Baños; no folclórico, El puñao de rosas (1910), de Chomon. Paralamente ao grupo barcelonés xurdiu o valenciano, coa produtora F. B. Cuesta, especializada en documentais de tauromaquia e en adaptacións de operetas. Entre os anos 1914 e 1918, a produción catalá acadou o seu apoxeo. No documental apareceu o filme científico coa serie Operacions del doctor Barraquer (Operacións do doutor Barraquer, 1915), de Francesc Puigbert. No cómic producíronse, por unha banda, series de curtametraxes con personaxes tipificados á maneira de Max Linders ou do cine americano e, pola outra, comedias longas. Nas adaptacións historico-literarias sobresaíron Adrià Gual, Josep de Togores, Albert Marro ou Blasco Ibañez; pero coa crise de 1919 produciuse a virtual desaparición da produción. En 1935 a Generalitat de Catalunya fundou un Servicio Cinematográfico que estableceu un plan pedagóxico interrompido pola Guerra Civil. Nos anos corenta só apareceron producións comerciais propagandísticas de escaso interese. Ao redor de 1950 traballaron en Barcelona diversos realizadores, entre eles, Ignasi F. Iquino, Miquel Iglésies, Francesc Rovira i Beleta, Gonzalo Delgrás, Luis Lucía, Julio Salvador, Ricardo Gascón, e producíronse algúns filmes históricos sobre temas cataláns. En 1952, Iquino realizou El Judes (O Xudas), primeiro filme falado en catalán desde 1939. Nos anos sesenta, nunha etapa de maior abertura na Dirección General de Cinematografía y Teatro, apareceron novos realizadores, como Josep Lluís Font, Arnau Olivar, Romà Gubern e Pere Balaña, entre outros. Entre os anos 1966 e 1967 apareceu a denominada Escola de Barcelona, preconizada por Ricardo Muñoz Suay, que englobou os realizadores de tendencias vangardistas Jacint Esteva, Joaquim Jordà, Ricard Bofill, Carles Duran e Vicente Aranda. Un dos realizadores máis notables desta época é Pere Portabella, que cultivou a vangarda ao lado do poeta Joan Brossa. Outros filmes de interese foron María Rosa, de Armando Moreno (1965), La larga agonía de los peces fuera del agua, de Rovira i Beleta (1969) e Laia, de Vicenç Lluch (1969). Desta etapa tamén destacaron La ciutat cremada (A cidade queimada, 1976), de Antonio Ribas; Companys, procés a Catalunya (Compañeiros, proceso en Catalunya, 1978), de Josep M. Forn; La plaça del diamant (A praza do diamante, 1982), de Francesc Betriu e L’orgia (A orxía, 1978), de Francesc Bellmunt. Outros directores que cómpre salientar foron Jaume Camino, Jordi Feliu, Jordi Grau, Eugeni Anglada, Ventura Pons, Jordi Cadena ou Lluis Josep Cameron. Nos últimos anos oitenta, sen apenas subvencións públicas, a produción experimentou un progresivo declive. Con todo, algúns xéneros gañaron o soporte popular, como a comedia, con títulos como Boom, boom (1990), de Rosa Vergés; Què t’hi jugues, Mari Pili? (Que te xogas, Mari Pili?, 1990), de Ventura Pons ou Rateta, rateta (Ratiña, ratiña, 1990), de Francesc Bellmunt. Tamén se cultivou o cine policial: L’amor és estrany (O amor é estraño, 1988), de C. Balagué, Barcelona Connection (Conexión Barcelona, 1988), de Miquel I. Bonns, e Un negre amb un saxo (Un negro cun saxo, 1988), de F. Bellmunt. As adaptacións máis salientables de obras literarias foron: La punyalada (A puñalada, 1989), de Jordi Grau, La teranyina (A tea de araña, 1989), de Antoni Verdaguer, e La febre d’or (A febre do ouro, 1992), de Gonzalo Herralde. Dentro dos certames cinematográficos celebrados en Catalunya destaca o Festival Internacional do Cinema Fantàstic de Sitges.

  6. Na Idade Media, agás as palabras e as frases soltas que aparecen en documentos redactados en latín, non hai case mostras de catalán escrito na primeira metade do s XII. Non obstante , hai testemuños dunha tradición xograresca, como son as cancións de xesta e as narracións da materia de Bretaña. En 1166 Afonso I protexeu o movemento lírico e cultivou a poesía en provenzal. A pegada da lírica provenzal caracterizou a literatura catalá ata ben entrado o s XV. Dende a segunda metade do s XII hai mostras de prosa catalana, como un fragmento do Forum iudicum (Foro xudicial) e das Homilies d’Organyá (Homilías de Organyá) e, no s XIII, as traducións de De rebus Hispaniae (Cousas de Hispania) e Legenda aurea (Lenda dourada); a versión primitiva de Gesta comitum Barcinonensium (A xesta dos aliados de Barcelona) e as compilacións dos Usatges de Barcelona. Como auténtico creador da prosa catalá culta destacou a figura de Ramon Llull (1233-1316). Na historiografía cómpre destacar as memorias de Xaime o Conquistador e Pedro o Cerimonioso. Outras figuras salientables na prosa do s XIV foron Arnau de Vilanova e Francesc Eiximenis. No s XIV e principios do s XV, a lírica perdeu a provenzalidade e no paso do s XIV ao XV hai influencias da lírica italiana, principalmente de Dante e Petrarca. Ausiàs Marc representou a auténtica superación na lírica catalá co cultivo do stil nuovo e do petrarquismo. Tamén sobresaíron Bernat Hug de Rocabertí, Pere de Torroella e Romeu Llull. A influencia do renacemento italiano chegou pronto á prosa e Bernat Metge, coa obra Lo somni (O soño, 1399), introduciu definitivamente o novo estilo na prosa catalana. A súa mentalidade renacentista non prosperou xa que os humanistas cataláns, ou buscaron unha conciliación entre clasicismo e cristianismo (Antoni Canals), foron tradutores de obras latinas (Ferran Valentí), ou ben atenderon ás filigranas estilísticas (Joan Roís de Corella). Algúns representantes da prosa relixiosa do s XV foron frei Felip de Malla, frei Pere Martines, sor Isabel de Villena e Roís de Corella. Na narrativa de finais do s XIV hai algunhas mostras como Viatge al purgatori (Viaxe ao purgatorio), de Ramon de Perellós, e Jacob Xalabín, de autor anónimo. Dende a morte de Fernando II (1516) ata 1580, a cultura catalana, no campo estricto da literatura, intentou adaptar as actitudes e as formas do Renacemento. O renacemento catalán intentou sintetizar elementos medievais con outros novos, procedentes de Italia e Castela. Os poemas de Joan Pujol, na segunda metade do s XVI, e os autos sacramentais de J. Timoneda xa reflicten o cambio que culminou co Barroco. No s XVIII, a filosofía crítica e a erudición lingüística e histórica da Ilustración renovaron toda a concepción da cultura e, a mediados de século, diversos tradutores e escritores (Joan Ramis e Antoni Febrer i Cardona) desencadearon un movemento neoclásico que, a principios do s XIX e grazas ao conde d’Aiamans e ao anónimo autor de Lo Temple de la Glòria (O templo da gloria), incorpourou elementos románticos. Antoni Puigblanc, autor de Les Comunitats de Castella (As Comunidades de Castela), pechou o período denominado Decadència e abriu a Renaixença burguesa e romántica. Dende o s XVI ata o s XIX houbo unha poesía e unha narrativa populares, divulgada por vía oral e non publicada ata finais do s XIX (Pau Piferrer, Manuel Milà i Fontanals e Marià Aguiló). Destaca a anónima cançó del Comte Arnau e a narración, tamén anónima, titulada Viatge a L’infer d’en Pere Porter (Viaxe ao inferno de Pere Porter). Os cancioneiros musicais ou de poesía popular do s XVI, como o Cancionero de Uppsala, ou Flor d’enamorats (Flor de namorados), conteñen algunhas das mostras líricas da época. O fenómeno que caracterizou o s XIX foi a denominada Renaixença, un gran movemento restaurador da lingua e da cultura que coincidiu máis ou menos coa eclosión do romanticismo. Adóitase situar dentro do período comprendido entre a aparición de “La Pàtria” de Bonaventura Carles Aribau en 1833, no xornal El vapor, e a presentación nos Jocs Florals de 1877 de “L’Atlàntida”, de Jacint Verdaguer. As primeiras manifestacións románticas producíronse en castelán e persistiu o interese polos estudios históricos, eruditos e filolóxicos. En 1835 a Universidade reinstaurouse en Barcelona e as revistas e os xornais barceloneses comezaron a publicar composicións en catalán, proceso que adquiriu coherencia colectiva con Rubió i Ors na obra Lo Gaiter del Llobregat (O gaiteiro do Llobregat) e con Manuel Milà i Fontanals, que contribuíu a afirmar a Renaixença. Destacan tamén Antoni de Bofarull, Josep Lluís Pons i Gallarza, Víc22tor Balaguer e Jaume Colell, entre outros poetas; no eido teatral destacou Àngel Guimerà e na narrativa Antoni de Bofarull, Carles Bosch de la Trinxeria e Emili Vilanova. A aparición en 1881 do grupo e da revista L’Avenç, sinalou a transición do naturalismo ao modernismo. Joan Maragall foi quen pechou e superou o modernismo e abriu horizontes máis amplos na literatura. A principios do s XX coexistiron tres correntes: a continuadora da liña tradicional da Renaixença, a corrente modernista e o o novecentismo que contribuíu a relacionar a política do momento coas necesidades culturais; Eugeni d’Ors foi o seu principal definidor e, ademais, destacaron Josep Carner, Jaume Bofill i Mates (Guerau de Liost) e Josep Maria López-Picó. O teatro e a narrativa tenderon a confirmar os valores establecidos, os dos naturalistas e dos modernistas (Josep Pous i Pagès, Adrià Gual e Prudenci Bertrana). A obra literaria, o xornalismo e a política converxeron na obra de Lluís Nicolau d’Olwer, de Jaume Bofill i Mates e de Antoni Rovira i Virgili. Na poesía destacaron, entre outros, Carles Riba, J. V. Foix e J. Salvat-Papasseit. Despois de 1960, foi fundamental a obra de Pere Quart e Salvador Espriu, e a consagración de tres narradores anteriores á Guerra Civil española: Mercè Rodoreda, Llorenç Villalonga e Joan Puig i Ferreter. Dos novelistas xurdidos na posguerra destacan, entre outros, Manuel de Pedrolo, Baltasar Porcel, Joan Perucho e Blai Bonet; posteriormente, Jordi Rubió i Balaguer, Joan Coromines, Martí de Riquer, Jaume Vicens i Vives, Josep Ferrater i Móra e Joan Fuster. Nos anos setenta, a obra de J. V. Foix renovou o seu interese, adquiriu importancia a obra de Joan Brossa e Pere Gimferrer destacou como poeta, despois da morte de Gabriel Ferrater (1972). As tendencias vangardistas influíron sobre a novela, dende Pedrolo ata Baltasar Porcel e dende Terenci Moix a Miguel Àngel Riera. É de salientar a obra de Montserrat Roig e Mercè Rodoreda, quen con Semblava de seda (Parecía de seda, 1978) e Viatges i flors (Viaxes e flores, 1980) fixo unha achega fundamental á contística, onde tamén destacaron Josep Pla, Salvador Espriu, Joan Perucho e Pere Guimferrer. No teatro, á parte de Brossa e Calders, Josep M. Benet i Jornet foi moi representativo, xunto con Rodolf Sirera e Una altra Freda, si us plau (Outra Freda, por favor, 1978), de S. Espriu. Na década dos oitenta sobresaíu a obra de Isabel-Clara Simó, Valerià Pujol, Maria Jaen, Andreu Martín, Lluís Racionero, Joan Perucho e Pere Calders, entre outros. Posteriormente, cómpre mencionar a consolidación de Miquel Àngel Riera, Baltasar Porcel, Quim Monzó, Jesús Moncada e Terenci Moix.

  7. A primitiva música cristiá catalá a penas presenta datos ata finais do s VI; sen embargo, parece que as igrexas e os mosteiros da Tarraconense, xa establecida a partir do s IV, tiñan dende esta época ata finais do s VII un rito -liturxia e música- completo. A asistencia de bispos cataláns ao Concilio IV de Toledo (633) demostra a vinculación da Tarraconense coa liturxia visigótica e a introdución do canto e dos himnos. Da igrexa visigótica catalá non quedaron códices musicais, malia crear un repertorio de himnos, misas e oracións; a invasión sarracena tamén provocou a destrución dos códices litúrxicos musicais e o empobrecemento do culto. A difusión da música sagrada gregoriana realizouse grazas á pronta adaptación, por parte dos mosteiros, dos libros do oficio romano. Dende comezos do s X, a organización da execución e do ensino da música litúrxica xa se estruturara; Catalunya posúe un centenar de códices musicais gregorianos de finais do s IX ao XIII e documentos e representacións plásticas medievais que testemuñan unha práctica instrumental a partir do s IX. O uso do órgano introduciuse a finais do s X e a partir dos ss XII e XIII era xa xeral. Ripoll, o centro musical máis importante desta época, creou un repertorio litúrxico e paralitúrxico gracias aos seus contactos cos grandes centros litúrxicos occitanos. A partir do s X apareceron as formas posgregorianas: os diferentes tropos, os oficios rítmicos, os condutus e os dramas litúrxicos. Outro mosteiro importante polos seus códices foi Sant Cugat del Vallès. A principios do s XI apareceu a polifonía en terras catalanas. Neste campo, o contacto de Ripoll cos mosteiros franceses foi decisivo. Non se conservan documentos cataláns que conteñan mostras da polifonía catalá do s XII; no século seguinte os organa, os condutus e os motetes procedentes de Ripoll, de Tortosa e do mosteiro de Escaladei son dunha técnica derivada da música vogal francesa. Os reis de Catalunya-Aragón mostraron moito interese pola música. A capela real barcelonesa foi, no campo musical, filial da capela pontificia de Avinyó, de onde procedían moitos dos seus cantores. O repertorio litúrxico desta época conservouse, en parte, en diferentes códices da segunda metade do século e a capela de Xoán I chegou a ter vinte instrumentistas. Durante os reinados de Pedro III, Xoán I e Martiño o Humano a maioría dos menestreis procedían de Alemaña, Flandres, Francia, Inglaterra e Italia, e os músicos cataláns dirixíanse a Alemaña, Flandres e Francia para perfeccionar os seus coñecementos musicais. Na corte catalano-aragonesa do s XIV destacaron Jacomí (Jacob de Senleches) e Gracià Reynaud. A actividade polifónica desenvolveuse nas catedrais de Tarragona, València e Barcelona, e nos mosteiros de Poblet, Santes Creus e Montserrat. A música relixiosa de carácter popular recóllese nun códice copiado a fins do s XIV, O Llibre Vermell de Montserrat, ponte entre a ars antiqua e a ars nova, que contén os únicos exemplos de danzas sagradas conservadas en Europa así como diferentes formas musicais da ars nova francesa e italiana. Diversos músicos cataláns cultivaron en Nápoles a polifonía relixiosa de influencia franco-flamenga e a canción amorosa, e axiña se iniciou o intercambio entre as cortes napolitana e catalano-aragonesa. Músicos destacados foron, entre outros, Joan Brusca e Joan d’Oriola; a música da corte de Nápoles consérvase en parte no Cancioneiro de Montecassino. Xoán II continuou a política de protección musical; a documentación musical do s XVI contén os nomes dos organistas e dos mestres de capela máis importantes, pero a maioría das súas obras perdéronse. A música profana non encontrou apoio para o seu desenvolvemento e coa morte de Fernando o Católico (1516) disolveuse a capela real. No País Valencià a situación foi máis favorable gracias á corte cosmopolita dos duques de Calabria que, dende 1526 e ata 1554, congregou a músicos como Pedro de Pastrana, Mateu Fletxa o Vello ou Francisco de Peñalosa; a produción musical recompilouse no Cancionero de Uppsala. Vinculado a esta corte, Lluís Milà foi o autor da primeira colección impresa da Península Ibérica con música para viola de man (vihuela) e para canto e viola de man. O primeiro método de guitarra española foi publicado en 1586 por Joan Carles Amat. A escola catalá cultivou o madrigal e a ensalada. Entre os compositores destacan Mateu Flexta o Vello, Mateu Flexta o Novo, Pere A. Vila, Joan Brudieu e Pere Cubells. No s XVII a música tivo un carácter case exclusivamente relixioso a causa da ausencia de cortes. Entre os seus representantes están Joan Pau Pujol e os seus discípulos. Na primeira metade do século seguiuse a escola romana, en especial a de Palestrina, e a escola castelá; posteriormente, introduciuse o novo estilo italiano e a abadía de Montserrat foi un centro de formación aberto a todas as correntes europeas, especialmente francesas e italianas. A figura relevante da escola de Montserrat foi Joan Cereols. O único instrumento que tivo repertorio foi o órgano, campo no que destacou Joan Baptista Cabanilles. No s XVIII a vangarda estivo representada por Francesc Valls, autor do tratado Mapa Harmónico; Antoni Eiximeno, con Del origen y reglas de la Música (1774); e Antoni Soler, autor de Llave de la modulación (1762). A influencia italiana na música relixiosa, especialmente no oratorio, foi patente a comezos de século e intensificouse na segunda metade; producíronse principalmente misas, motetes e salmos, e destacaron Josep Gas, Caselles, Valls e Jaume Balius, entre outros compositores. Nos primeiros anos do s XIX salientaron Ramon Carnicer, Melcior Gomis, Baltasar Saldoni, Vincenç Cuyàs, Joan Aulí, Josep Barba, Ferran Sors, Francesc Tàrrega e Enric Morera. A partir do segundo terzo do s XIX estruturouse o ensino musical, fundáronse sociedades corais e orquestras, e naceron os principais teatros de ópera. Os dous compositores máis importantes do cambio de século foron Enric Granados e Isaac Albéniz. Os músicos que formaron a xeración ponte entre a anterior e a dos que pertencen plenamente ao XX son Éduard López, Òscar Esplà, Antoni Massana e Joan Thomàs. A xeración posterior está formada por Frederic Mompou, Manuel Blancafort, Eduard Toldrà e Robert Gerhard. Á xeración da Guerra Civil pertencen Joaquim Nin, Xavier Montsalvatge e Carles Suriñach. Dentro da interpretación musical destacan os directores de orquestra Ros Marbà e Josep Pons, os guitarristas Emili Pujol e Miquel Llobet, os violoncellistas Pau Casals e Gaspar Cassadó, os violinistas Eduard Toldrà e Joan Massià, os pianistas Isaac Albéniz, Enric Granados e Alícia de la Rocha, e os cantantes Concepció Badia, Vitòria dels Àngels, Montserrat Caballé e Josep Carreras, entre outros.