catálogo
(< lat catalǒgu < grκατάλογος ‘lista’)
-
[BIBLIOT]
-
s
m
Conxunto ordenado de todos os asentos bibliográficos que forman os fondos dunha biblioteca, como libros, monografías, publicacións periódicas, mapas, etc. Reflite o contido da biblioteca e transmite a información necesaria para localizar o que se describe. Os catálogos existiron desde a Antigüidade; os máis vellos que se conservan realizáronos os sumerios nunha táboa de arxila arredor do ano 2000 a C. Dos catálogos dos gregos e romanos apenas queda constancia, pero na Idade Media as propias ordes monásticas impoñían a redacción dos catálogos nos diversos mosteiros. O pulo das bibliotecas viuse favorecido polo proceso de secularización da cultura e a fundación das universidades, o que permitiu o desenvolvemento dos catálogos. A invención da imprenta supuxo o aumento da produción bibliográfica e a aparición dos primeiros catálogos impresos. No s XVII Thomas Bodley revolucionou a realización de catálogos ao elaborar un modelo cunha ordenación sistemática e cun índice de autores organizados polos apelidos. A partir do s XIX, debido ao crecemento das publicacións, substituíronse os catálogos en listas ou relacións polos catálogos en fichas, baseados en varias entradas por cada un dos documentos. Paralelamente, produciuse unha evolución na concepción do catálogo, considerado como un instrumento de recuperación da información. A revolución do soporte que se deu no último terzo do s XX veu provocada pola nova concepción do catálogo e pola aplicación da informática, que permitiu a substitución do catálogo en fichas por un automatizado. Esta catalogación automática, con múltiples recursos electrónicos de busca, posibilita unha actualización e acceso rápido aos catálogos de calquera biblioteca do mundo a través de redes informáticas como Internet. As técnicas da catalogación fixáronse na segunda metade do s XIX e en 1961 sentáronse as bases para unhas regras internacionais na Conferencia Internacional sobre Principios de Catalogación organizada en París pola IFLA. Aínda que as posibilidades de clasificación dos catálogos son múltiples, unha das máis comúns divídeos, pola súa extensión, en colectivos, xerais e especiais; polo seu uso, en internos e públicos; polo seu sistema de ordenación, en topográficos, alfabéticos, numéricos ou mixtos e sistemáticos; polo seu formato, en fichas, en listados, en acceso directo ou liña, e en disco óptico; e pola súa función, poden ser de autores e de materias. Os catálogos que aparecen con máis frecuencia nas bibliotecas son os impresos, que presentan os obxectos seguindo unha orde numérica que os individualiza. O catálogo de autores contén as fichas principais de todos os libros ordenadas alfabeticamente de acordo coa mención de responsabilidade (autor) ou pola primeira palabra do título cando a obra é anónima. Outro catálogo fundamental é o de materias, que pode ser alfabético ou sistemático; o alfabético presenta as fichas ordenadas polo encabezamento, que é unha palabra ou frase que expresa o tema do libro; e o sistemático presupón os libros agrupados segundo a materia de que traten. A clasificación máis coñecida e divulgada nos catálogos sistemáticos é a decimal, inventada por Melvil Dewey (1876) e perfeccionada polo Instituto Internacional de Bibliografía de Bruxelas, que lle deu o nome de Clasificación Decimal Universal. Baséase nos números do 0 ao 9, aos que se lles dá un significado por materias. Se a clasificación é decimal, pódese prescindir do catálogo topográfico, que presenta as fichas ordenadas de acordo coa colocación dos libros nos andeis da biblioteca. O catálogo de títulos axuda sobre todo a localizar os libros nas bibliotecas infantís. No caso do catálogo-dicionario, xúntanse baixo un só alfabeto o catálogo de autores, coas súas referencias de tradutor, editor, ilustrador, o de materias e o de títulos. O obxecto do catálogo analítico é destacar algún elemento ou parte dun libro. Pola contra, o catálogo de publicacións periódicas inclúe a descrición bibliográfica, o estado da colección e o lugar onde se pode atopar.
-
catálogo colectivo
Modelo que rexistra os contidos e os fondos de polo menos dúas bibliotecas, dunha maneira total ou parcial, seguindo un orde de sucesión e que transmite a información necesaria para localizar o que se describe. A idea dun catálogo colectivo aparece por vez primeira coa publicación no 1410 do Catalogus scriptorum ecclesiae (Catálogo dos autores cristiáns) do monxe agostiño John Boston de Bury, realizado en formato de libro; pero foi a finais do s XIX cando se deron as condicións para a súa realización, resultado do proxecto dunha Biblioteca Internacional Mundial dirixida por Paul Otlet e Henri La Fontaine, á fronte do Instituto Internacional de Bibliografía. O paso previo foi a creación dun sistema normalizado, cos mesmos criterios para todas as bibliotecas participantes, o que posibilitou a coordinación na xestión bibliotecaria. Nos catálogos colectivos, cada entrada catalográfica consta de dúas partes; nunha inclúese a descrición bibliográfica da edición e noutra aparecen os datos necesarios para identificar os exemplares que ten cada biblioteca que participa no catálogo. Diferéncianse dous tipos: o catálogo colectivo xeral, onde estarían todas as publicacións existentes na biblioteca do país, e o catálogo colectivo especial, selectivo porque se limita a unha clase de publicacións. Se se ten en conta a localización das bibliotecas participantes no catálogo colectivo, este pode ser: local, rexional, nacional, continental e mundial. O primeiro catálogo nacional centralizado elaborouno a Library of Congress entre os anos 1898 e 1901, e publicouno dende o ano 1942, organizado segundo unha orde alfabética de autores. Desde o 1953 adoptou a forma de catálogo colectivo ao recibir entradas catalográficas de varios centos de bibliotecas norteamericanas e imprimiuse co nome de National Union Catalog (NUC). No 1967 comezou a publicación do catálogo colectivo retrospectivo National Union Catalog: pre-1956 imprints. En España apareceu xa no Reglamento del Cuerpo de 1881 e no Real Decreto y Reglamento de 1884, e levouse á práctica un Índice General dos libros, documentos e obxetos que se conservaban nos arquivos, bibliotecas e museos arqueolóxicos. Este proxecto dun catálogo colectivo nacional suspendeuse no 1887 e limitouse a obras impresas en España. Despois de varios intentos, pola lei 16/1985 de 25 de xuño do Patrimonio Histórico Español, estableceuse a obrigatoriedade de realizar un Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico. Encargouse deste cometido a Dirección General del Libro Archivos y Bibliotecas do Ministerio de Cultura, en colaboración coas comunidades autónomas. Cada unha delas reúne e describe os documentos que despois envía á Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria, de xeito que pasan a formar parte da base de datos do Patrimonio Bibliográfico (PABI), con máis de 560.000 rexistros. As comunidades autónomas empregan os datos, ademais, para elaborar uns propios baixo a dirección da súa respectiva biblioteca. Desta colaboración xurdiron diversos catálogos colectivos do patrimonio que se ocupan, entre outras, das obras impresas entre os ss XVII e XIX, e tamén catálogos de incunables, manuscritos, debuxos e gravados, publicacións periódicas ou de música. Trala informatización da Biblioteca Nacional creouse a base de datos ARIADNA.
-
s
m
-
s
m
[COMUN]
Folleto publicitario que contén información ilustrada sobre produtos e servicios para promocionar a súa comercialización.
Ex: No catálogo dos supermercados adoitan aparecer os produtos en promoción.
-
s
m
[LIT]
Poema no que se enumeran persoas, obxectos, lugares ou algún outro concepto cunha característica común. É habitual nas literaturas populares e na épica, onde destaca “O catálogo das naves”, canto segundo da Ilíada. Uxío Novoneyra presenta un catálogo de topónimos e hidrónimos na súa obra Os eidos. Libro do Courel (1955).
-
catálogo astronómico
[ASTRON]
Relación de corpos celestes acompañada de diversas informacións relativas a cada un deles. Pódense distinguir dúas grandes clases: os catálogos patróns, que ofrecen os datos relativos a un número reducido de corpos celestes cunha gran precisión, e os catálogos derivados, no que aparece un gran número de corpos celestes pero con datos moito máis incertos. Os catálogos de estrelas son os primeiros en importancia e número; indican sempre a situación e a magnitude e, eventualmente, algún outro dato. Os catálogos de magnitudes visuais foron os primeiros en establecerse e, dende o de Hiparco, perfeccionáronse continuamente. Os máis importantes foron a Uranometria Nova (1843), de 3.256 estrelas; o Bonner Durchmusterung (1862), de 324.188 estrelas; e o Revised Harvard Photometry (1910), de 45.792 estrelas. Entre os catálogos de magnitudes fotográficas está o Göttinger Aktinometrie (1910), de 3.522 estrelas; e o Cape Photographic Catalogue (1927), de 455.000 estrelas. Os catálogos de tipos espectrais culminaron co de Henry Draper (1918-1924). Entre os catálogos de movementos propios está o General Catalogue of proper Motions (1937) e o Dritter Fundamentalkatalog der Berliner astronomischen Jahrbuchs (1938). Os catálogos de velocidades radiais dan as velocidades en referencia á da Terra; o establecido por R. E. Wilson en 1952 dá a velocidade radial de 15.100 estrelas. Os catálogos de paralaxes trigonométricas progresaron moi lentamente; o de Yale (1954) contén a paralaxe de 10.520 estrelas. Hai tamén numerosos catálogos de estrelas dobres e de estrelas variables.
-
catálogo razonado
[ARTE]
Catálogo de obras de arte que, ademais de conter os datos esenciais, describe as pezas e inclúe comentarios ou críticas, así como información sobre os autores.