Catalunya
Comunidade autónoma de España, no extremo NL da Península Ibérica (32.113 km2; 6.090.040 h [1996]). Situada á beira do Mar Mediterráneo, que a baña polo L, esténdese entre a cordilleira dos Pireneos, ao N, e o Sistema Ibérico, ao S. Limita ao O con Aragón, ao S coa Comunitat Valenciana e ao N con Andorra e Francia. Integrada polas provincias de Barcelona, Girona, Lleida e Tarragona, a súa capital é Barcelona.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
Distínguense tres grandes unidades morfoestruturais: dúas montañosas, os Pireneos e as Cadeas Costeiras Catalanas, que enmarcan unha chaira interior, a Depresión Central Catalana. Os Pireneos, ao N, son unha cordilleira alpina orientada de O a L, moi afectada pola erosión glacial. Acada a súa máxima altitude e largura, e cara ao L descende e se estreita ata chegar ao mar. Un conxunto de serras subsidiarias, o Prepireneo, érguense paralelas ao eixo da cordilleira descendendo cara ao S. As Cadeas Costeiras Catalanas están constituídas por dúas aliñacións montañosas cunha orientación NL-SO paralelas á costa, a Cordilleira Prelitoral e a Cordilleira Litoral, separadas por unha banda deprimida, a Depresión Prelitoral. A Depresión Central Catalana é un conxunto bastante complexo de cuncas de erosión, chairas e altiplanos. A liña de costa é xeralmente rectilínea, moi pouco recortada, agás no sector máis setentrional, a Costa Brava, onde as aliñacións pirenaicas penetran no mar. Na súa historia xeolóxica houbo dúas grandes etapas: o ciclo herciniano e o pregamento alpino. O herciniano desenvolveuse na era Primaria, cando Catalunya formaba parte dunha cunca oceánica xeosinclinal. O pregamento herciniano construíu áreas emerxidas de orientación NO-SL. O mar ocupaba entón uns sectores que corresponden aos actuais Pireneos e ao sector meridional das Cadeas Costeiras. Durante a era Secundaria e no inicio da Terciaria foron acumulándose sedimentos nestas dúas fosas. O pregamento alpino elevou estes sedimentos e deu lugar aos Pireneos e ás Cadeas Costeiras, mentres se afundía o macizo do Ebro. A Depresión Central foi un mar interior no que se acumulaban materiais aluviais. A desecación deste sector, a aparición de fenómenos localizados de vulcanismo (rexión de Olot), xunto coa acción erosiva, particularmente o glaciarismo pirenaico, labraron as formas do relevo. Os sectores primarios están constituídos por materiais graníticos e xistosos, os secundarios son predominantemente calcarios e os terciarios e cuaternarios están formados por margas, arxilas e conglomerados.
Clima e hidrografía
Situada na zona temperada do hemisferio setentrional, pódese distinguir un sector de réxime mediterráneo, con veráns secos e chuvias na primavera e no outono, e un sector de clima de alta montaña, con abundantes precipitacións en maio e xuño e tendencia a veráns húmidos. As temperaturas medias anuais oscilan entre os 0°C nos Pireneos e os 17°C na costa meridional. O risco de xeadas, que no interior se estende de novembro a maio, é mínimo no litoral. As temperaturas máximas absolutas acádanse no interior e as mínimas nos Pireneos. A pluviosidade é maior nos Pireneos e na Cordilleira Prelitoral que no resto do territorio. A rede hidrográfica divídese en dous grandes sectores: a vertente occidental, formada polo Segre e polos seus tributarios, que descende dos Pireneos ata confluír co Ebro, e a oriental formada polos ríos que desembocan directamente no Mediterráneo, entre os que destacan o Ter e o Llobregat.
Flora e fauna
As tres rexións bioxeográficas que se distinguen en Europa Occidental: boreo-alpina, eurosiberiana e mediterránea, están presentes en Catalunya. A vexetación boreo-alpina limítase practicamente aos Pireneos, e comprende os pisos bioclimáticos nival, alpino e subalpino. No piso nival, co límite inferior cara aos 3.100 m, predominan as criptógamas e as poáceas. O piso alpino, de prados naturais, esténdese entre os 2.300 e 3.000 m. O piso subalpino, de bosques de piñeiro negro, entre 1.600 e 2.300 m, e de abetos entre os 1.200 e 1.600 m. A vexetación eurosiberiana atlántica está representada polos bosques húmidos de faias ou carballos da vertente oriental dos Pireneos, e a submediterránea polas carballeiras secas nas montañas máis meridionais. A vexetación mediterránea ocupa a maior parte do territorio; predominan os aciñeirais, as carrasqueiras e o maquis. A fauna está integrada, fundamentalmente, polos elementos típicos mediterráneos, con excepción da fauna de carácter centroeuropeo nas cordilleiras costeiras, e a tipicamente esteparia presente nas chairas occidentais do val do Ebro. Os humidais costeiros, como o delta do Ebro, son importantes enclaves de paso e de invernada de aves acuáticas. Os espacios que contan cunha protección especial son o Parque Nacional de Aigüestortes i del Estany de Sant Maurici e os parques naturais da Zona Volcànica de la Garrotxa, Cadí-Moixeró, Aiguamolls de l’Empordà, Delta de l’Ebre, Cap de Creus, Montserrat, Montseny e Sant Llorenç del Munt i l’Obac.
Xeografía económica
Sector agropecuario
O sector primario ocupa o 3,6% da poboación activa (1991). A superficie cultivada abrangue o 26% do territorio, reducida drasticamente desde finais do s XIX, debido á reorientación da economía cara ao turismo e á industria. Os cultivos tradicionais foron os mediterráneos, sobre todo os cereais, a vide e a oliveira. Os cereais son o cultivo principal, especialmente a cebada e o arroz, importante sobre todo no delta do Ebro. A viña mantén importancia nalgunhas comarcas como o Alt Penedès. A oliveira, moi afectada polas xeadas de 1956, destina case toda a produción á elaboración de aceite. A amendoeira substituíu en moitos lugares o cultivo da oliveira. A abeleira localízase, no Campo de Tarragona, ao redor de Reus, primeiro centro produtor e exportador do estado. A expansión das árbores froiteiras remóntase a 1950, cando se plantaron as primeiras maceiras e pereiras no campo ilerdense. A gandería estivo tradicionalmente orientada ao autoconsumo, pero mudou cara a unha explotación intensiva e moi tecnificada cunha crecente integración nos circuítos comerciais. Os armentíos maioritarios, ovino e caprino (que proporcionaban á industria la e peles), cedéronlle protagonismo ao porcino (4.643.458 cabezas) e ao avícola (37.043.000 cabezas). As poboacións costeiras dedicáronse tradicionalmente á pesca, pero a industria e o turismo incidiron de maneira negativa no seu desenvolvemento. Os principais portos pesqueiros son Roses, Palamós, Sant Feliu de Guíxols, Blanes, Arenys de Mar, Barcelona, Tarragona, Cambrils, Ametlla de Mar e Sant Carles de la Ràpita. A actividade pesqueira de baixura centra as súas capturas na sardiña, no bocarte, na gamba e na pescada.
Enerxía, minería, industria e construción
A explotación do carbón foi unha actividade tradicional, pero os xacementos deixaron de ser rendibles. O aproveitamento hidroeléctrico localízase basicamente en tres ríos: Noguera Pallaresa, Noguera Rigaborçana e Ebro. A produción eléctrica compleméntase con centrais térmicas e nucleares (Ascó e Vandellós). En 1970 iniciouse a extracción de petróleo no delta do Ebro, aínda que cunha escasa produción. En canto á minería, á parte do carbón, hai xacementos de ferro e de chumbo. A bauxita do Alt Penedès está pouco explotada, pero teñen bastante importancia os sales potásicos. Máis destacables son as salinas marítimas de Els Alfacs, en Sant Carles de la Ràpita e, entre os materiais de construción, as rochas calcarias que se empregan para a fabricación de cemento artificial. A industria ocupa o 36,2% da poboación activa (1991), porcentaxe que en Barcelona e a súa periferia supera o 50%. Núcleo da primeira industrialización española no s XIX, centrada sobre todo no sector téxtil, a partir de 1960 experimentou unha nova etapa de expansión. Coñeceu entón un proceso de diversificación no sector metalúrxico, que se viu truncado pola crise económica de 1973. A recuperación posterior afirmou outros sectores; o metal pasou a ocupar o primeiro lugar en importancia, mentres que o téxtil, moi afectado pola crise, non puido recuperar a súa antiga importancia. A industria metalúrxica concéntrase en Barcelona e na súa área de influencia máis directa (Baix Llobregat e Vallès Occidental). O téxtil permanece en Terrassa, Sabadell, Mataró, Igualada, Mollet del Vallès e Vic. A produción de papel ten as súas orixes na Idade Media e os seus núcleos principais son Capellades, Gelida, El Prat de Llobregat, Sarrià de Ter, Sant Joan les Fonts e Balaguer. Outro subsector importante é o alimentario, que experimentou un proceso de concentración e de penetración de capital estranxeiro. Viño, cervexa e auga, fariñas e pastas, lácteos, cacaos e embutidos converten a Catalunya nun dos primeiros provedores do mercado español. A industria química desenvolveuse ao servizo da agricultura e da industria téxtil; Tarragona e a área barcelonesa son os seus principais centros. A construción, centrada nas grandes áreas urbanas e turísticas, ocupaba ao 8,2% dos traballadores en 1991.
Servicios
O sector terciario dá traballo ao 52% da poboación activa. Agás os dedicados ao turismo, a maior parte dos servicios localízanse nos principais núcleos urbanos, especialmente en Barcelona. Esta cidade tamén é un polo turístico destacado, debido á súa oferta cultural e lúdica. A abundancia de espacios naturais de interese propiciou o desenvolvemento do turismo ecolóxico. No verán, aínda que a oferta é bastante diversificada, o turismo céntrase nas praias, especialmente na Costa Brava e na Costa Daurada. No inverno os principais centros turísticos son as estacións de esquí, como a de Baqueira Beret. A media anual de visitantes supera os 5.000.000.
Transportes e comunicacións
O trazado dos ferrocarrís está fortemente centralizado en Barcelona. Os ferrocarrís de vía estreita son competencia da Generalitat (Ferrocarrils de Catalunya), mentres que os de vía ancha son de competencia estatal (RENFE). Hai unha boa rede de autoestradas e autovías: unhas vertebran a área urbana de Barcelona, outras potencian o litoral e outras se adentran cara ao occidente, especialmente Lleida e Zaragoza. En canto ao transporte marítimo, destacan os portos de Barcelona e Tarragona. O aeroporto de El Prat de Llobregat, en Barcelona, concentra o 99% do tráfico de mercadorías e o 96% dos viaxeiros. Os aeroportos de Girona-Costa Brava, Reus e Sabadell teñen un tránsito moi reducido.
Xeografía humana
Poboamento
A distribución da poboación reflicte un acusado desequilibrio entre o litoral, moi poboado, e o interior. Este trazo acentuouse no transcurso do tempo e, sobre todo, co crecemento de Barcelona desde os inicios da industrialización. Barcelona foi sempre o núcleo de maior concentración de poboación e precede a L’Hospitalet de Llobregat, Badalona, Sabadell, Terrassa, Santa Coloma de Gramenet, Lleida, Tarragona, Mataró e Reus, na xerarquía de asentamentos. As cidades catalanas son tipicamente mediterráneas. As colonizacións das épocas antiga e medieval formaron a maior parte dos núcleos urbanos, que aínda manteñen nos seus centros históricos as súas pegadas. O impacto da industria orixinou unha gran expansión nos ss XIX e XX; nas inmediacións dos núcleos históricos construíuse segundo o modelo do ensanche barcelonés (trama ortogonal), para servir de residencia das clases burguesas. As áreas máis periféricas aproveitáronse para construír as vivendas obreiras, en grandes bloques de pisos. Barcelona exerceu sempre un papel de centralización económica, administrativa e de servicios que é a base de toda unha rede de dependencias urbanas. Nunha escala máis limitada, Tarragona, Reus, Tortosa, Lleida, Seu d’Urgell, Girona, Vic e Manresa, constitúen outros centros rectores de áreas supracomarcais.
Demografía
No s XIII e na primeira metade do XIV produciuse un gran crecemento demográfico. O primeiro censo coñecido (1365), rexistra pouco máis de 100.000 fogares cuns 500.000 h. Con posterioridade a poboación diminuíu en pouco máis dun século ata a metade por mor de epidemias, guerras e fames. Durante os ss XVI e XVII, rexistrouse unha recuperación, en parte a causa dunha intensa imigración occitana, inducida pola chegada do ouro americano á Península Ibérica, de maneira que se volveu ao nivel de partida. No s XVIII, o progreso material, o da medicina preventiva e o da hixiene permitiron que a poboación se duplicase entre 1719 e 1787. O s XIX, malia iniciarse cunha grave mortaldade provocada polas campañas napoleónicas, rexistrou un incremento moi importante pois se continuaron experimentando progresos nos campos anteriormente descritos. No ano 1857 fíxose o primeiro censo moderno, que contabilizou 1.613.694 h. Na segunda metade do s XIX comezou a presentar os trazos propios da denominada “transición demográfica”: diminución da fecundidade, redución da mortalidade, sobre todo a infantil, e o conseguinte avellentamento da poboación. A inmigración, maioritariamente procedente doutras zonas de España, iniciouse no derradeiro cuarto do s XIX e experimentou unha aceleración espectacular durante os anos cincuenta e sesenta do s XX. En 1900 Catalunya tiña 1.996.428 h. O movemento natural foi, aínda que feble, positivo ata os anos corenta porque a taxa de mortalidade se reduciu máis rápido ca a de natalidade, agás durante a Guerra Civil (1936-1939). A partir dos anos cincuenta (3.240.352 h en 1950) o crecemento vexetativo incrementouse grazas ao descenso progresivo da mortalidade e a unha certa recuperación da natalidade (3.888.485 h en 1960). A inmigración formou a base do incremento demográfico, sobre todo dos municipios de Barcelona e da súa bisbarra. Este proceso truncouse coa crise económica de 1973 e, ao longo dos anos oitenta, rexistrou un signo negativo en moitos municipios industriais.
Historia
Prehistoria e Antigüidade
A presenza humana no actual territorio de Catalunya detéctase a partir do Paleolítico medio, e durante o Neolítico final comezou a colonización agrícola das chairas e das terras baixas. Os fenómenos megalítico e campaniforme xurdiron, xunto coa metalurxia do cobre, cara ao 2000 a C. No s IX a C a cultura centroeuropea dos campos de urnas introduciu a utilización do ferro. A cultura ibérica recibiu a influencia dos gregos, que fundaran Emporiom (Empúries) e Rhode (Roses) cara ao 500 a C. A contraofensiva romana fronte ao ataque de Aníbal (218 a C) levou á conquista do territorio no 195 a C, e a finais do s I a C xa estaba totalmente romanizado. A crise do s III supuxo unha forte ruralización da economía e da sociedade e no 476, trala caída do Imperio Romano, a Tarraconense integrouse no reino visigodo de Toulouse. Tralo intermedio ostrogodo (531-567) comezou a uniformización toledana, que levou á sublevación das provincias Narbonense e Tarraconense no ano 673.
A configuración histórica de Catalunya
A integración de Catalunya no mundo árabe (725) levou ás comunidades cristiás a un achegamento ao reino franco que propiciou a sinatura dun acordo de paz (810) polo que se establecía a creación da Marca Hispánica, intacta ao longo de tres séculos. A autoridade sobre a Marca Hispánica exerceuna un membro da casa real franca ata o 865, cando se estableceron as primeiras dinastías condais de carácter autóctono. Durante o s X, a nobreza catalá estableceu contactos con Córdoba e Roma, e separouse do goberno dos francos. Ao redor do ano 1000 a desintegración da unidade lograda polos primeiros condes reforzou o papel dominante de Barcelona, que se consolidou durante o s XI. O conflito catalano-aragonés resolveuse no 1137 cando Ramón Berenguer IV conseguiu que Ramiro II de Aragón lle concedese a soberanía dos seus estados e a man da súa filla. Así mesmo, en 1151 logrou de Castela o recoñecemento do dereito de conquista de València e Murcia.
A consolidación da monarquía catalano-aragonesa
En 1162 Afonso II unificou o Reino de Aragón, o condado de Barcelona e Provenza e, polo Tratado de Cazola (1179), obtivo a plena soberanía sobre o Reino de València. A partir dese momento iniciouse unha expansión territorial que levou os cataláns a diferentes puntos do Mediterráneo (Mallorca, norte de África, Sicilia, Calabria, etc) ao longo de todo o s XIII. O dereito público catalán saíu reforzado das cortes de Barcelona (1283-1284), nas que se estableceron as primeiras constitucións posteriores aos Usatges, e de Monzón (1289), nas que se acordou que as leis catalanas eran superiores á vontade real e se creou un organismo que constituíu o xermolo da futura Generalitat. Pedro IV o Cerimonioso logrou, na primeira metade do s XIV, a unidade e lealdade de toda a Coroa de Aragón. A segunda metade do s XIV estivo marcada pola fame e as pandemias, que se prolongaron dende 1358 durante máis de trinta anos a causa da guerra dos dous Pedros (1356-1369). O profundo malestar social producido por esta situación agudizou o problema dos pagesos de remença. A crise económica derivada da guerra levou á fundación da mesa de cambios de Barcelona (1401). Polo Compromiso de Caspe, alcanzado para solucionar o problema aberto trala morte sen descendencia masculina lexítima de Martiño I en 1410, Fernando de Antequera foi elixido rei en xuño de 1412 e a Generalitat reforzouse como institución de goberno. No 1425 agromou o conflito que enfrontaba a Busca coa Biga nas cidades catalanas, e que se resolveu a partir de 1445 dun xeito favorable para os membros máis moderados da Busca.
O cambio dinástico na Catalunya baixomedieval
O descontento producido pola coroación de Xoán II resolveuse mediante a Concordia de Vilafranca (1461), que favorecía a Carlos de Viana; sen embargo, a morte prematura de Carlos provocou unha guerra civil que rematou nos Acordos de Pedralbes (1472), polos que Xoán II outorgaba o perdón xeral e xuraba as constitucións de Catalunya. Nas Cortes de Barcelona (1480-1481), os Reis Católicos restituían os bens aos seus propietarios anteriores a 1462 e restauraban a percepción dos dereitos señoriais a quen os tiña antes de 1455. Isto provocou a segunda guerra dos pagesos de remença, que rematou coa Sentencia de Guadalupe (1486). A fuxida de conversos provocada pola chegada da Inquisición (1487) e a expulsión dos xudeus (1492) afectou negativamente á situación económica, que non mellorou ata o s XVI, época na que se estabilizaron os prezos e se recuperou o comercio mediterráneo e a actividade industrial.
Catalunya na época dos Habsburgo
Durante o reinado de Carlos I, que xurou as constitucións catalanas nas Cortes de Barcelona de 1519, apareceu a piratería e aumentou o descontento popular, que desembocou en alzamentos antiseñorais (Cambrils) e urbanos (Barcelona, Lleida e Girona). Despois da Batalla de Lepanto (1571), que abriu o Mediterráneo ao tráfico marítimo, dinamizouse a actividade económica catalá e aumentou a oposición ás inxerencias do poder central. Baixo o reinado de Filipe III creceron as tensións entre os cataláns e a Corte debido á dura política impositiva e á actuación fronte ao bandolerismo, que a miúdo transgredía as constitucións catalanas. Esas tensións levaron á Guerra dels Segadors (1640-1652), un levantamento popular que rematou coa caída de Barcelona e co sometemento das autoridades catalanas á obediencia de Filipe IV. Polo Tratado dos Pireneos (1660) cederon os territorios setentrionais de Catalunya, ocupados durante a guerra, a Francia. A situación económica de Catalunya, en pleno proceso de recuperación durante o reinado de Carlos II, determinou que os cataláns defendesen a monarquía plural dos Habsburgo fronte á dinastía borbónica, de tradición absolutista e, en principio, oposta aos intereses políticos e comerciais cataláns, no conflito sucesorio que se abriu en Madrid trala morte sen descendencia de Carlos II en 1700.
Da Guerra de Sucesión á Guerra da Independencia
Durante a Guerra de Sucesión (1700-1714) as cortes catalanas apoiaron o arquiduque Carlos de Austria, proclamado rei en Barcelona (1705) fronte a Filipe V, quen, unha vez recoñecida a súa soberanía, aboliu a Generalitat e promulgou o Decreto de Nova Planta (1716) que regulaba a nova situación de Catalunya no marco hispánico. A mellora económica, favorecida pola política proteccionista e pola penetración dos produtos cataláns no mercado castelán e americano, levou aos deputados de Barcelona a reclamar as “liberdades” perdidas. O desenvolvemento en terras catalanas da guerra entre a Convención francesa e España (1792-1795), coñecida na historiografía catalá como Guerra Grande, provocou unha forte depresión económica agravada por posteriores conflitos con Inglaterra. A política imperial de Napoleón, que levou á ocupación de Catalunya en 1809 e á súa anexión posterior, facilitou a formación dunha conciencia colectiva incipiente.
Presencia da burguesía catalá en Galicia
Entre 1750 e 1800 chegaron a Galicia máis de 1.500 cataláns (“fomentadores”) que propiciaron o florecemento dunha actividade pesqueira que introduciu importantes novidades con respecto á arte tradicional, como a xávega (pesca de arrastre), o sistema de prensado na salga da sardiña ou o traballo asalariado, tanto na pesca (10% dos pescadores) como na industria conserveira. Este feito provocou que o empresario galego non puidese competir co catalán e acabase traballando para el, de xeito que comezou así un proceso de colonización interior que só remitiu cando a burguesía catalá se integrou na sociedade galega. Das 400 factorías que estaban funcionando en 1808, un 80% estaban en mans dos cataláns, que, malia espallárense por todo o litoral galego, agrupáronse maioritariamente nas comarcas atlánticas. Nas rías de Vigo e Pontevedra en 1804 estaban instaladas o 22% das familias catalanas (Barreras, Curvera, Escofet, Fábregas, Marco del Pont, etc) que se dedicaron á salga en Galicia; Arousa, onde se asentaron os Crussat, Norat, Pou ou Tapias; e Muros, a onde chegaron os Portals ou Romaní. Os cataláns apenas deixaron pegadas na historia cultural e política de Galicia, debido a que se mantiveron afastados da vida cultural galega, ata que chegou a crise ao sector.
A consolidación da burguesía catalá como clase hexemónica no s XIX
O liberalismo, que dominou a política española dende as Cortes de Cádiz (1812) ata a chegada de Fernando VII (1814), reapareceu durante o Trienio Liberal (1820-1823), cando foi combatido polas tropas dos Cen mil fillos de san Luís, que entraron en Barcelona en novembro de 1823. O retorno do absolutismo reduciu o liberalismo, que arraigara entre a burguesía e nalgúns sectores do exército, á clandestinidade, sobre todo trala dura represión exercida polo capitán xeneral de Catalunya entre 1827 e 1832. Trala morte de Fernando VII, os absolutistas realistas promoveron un alzamento carlista que foi secundado por amplos sectores do campesiñado catalán. O avance carlista levou ao proletariado urbano, á burguesía e á milicia nacional á revolución de xullo de 1835, trala que se formaron unhas efémeras xuntas que actuaron decisivamente contra os carlistas. A rexencia de Espartero coincidiu coa época das bullangues (‘algazaras’), de gran conflitividade político-social debido á aparición das primeiras fábricas e do asociacionismo obreiro, que configuraron unha nova estrutura social na que a burguesía industrial se convertía en clase dominante. A centralización e a política librecambista propugnada por Espartero conduciu a burguesía industrial, que contou cun forte apoio popular, ao alzamento do 13 de novembro de 1842, que persistiu, malia a represión militar, ata novembro de 1843, e á creación de numerosas xuntas revolucionarias que reclamaban un goberno democrático. Os gobernos moderados desenvolveron dende 1843 unha rede administrativa centralista que marxinou o catalán, o que aumentou o descontento popular manifestado na insurrección de 1846-1848, coñecida como a Guerra dels Matiners. As tensións sociais agromaron de novo durante o Bieno Progresista e puxéronse de manifesto no conflito das selfactinas e na folga xeral de 1855. Despois do triunfo da Revolución de setembro de 1868 formáronse xuntas revolucionarias e, trala celebración do Congreso Obreiro de Barcelona de 1870, creouse a Federación Regional Española da Asociación Internacional de los Trabajadores. Coa instauración da República en 1873, a burguesía catalá federalista solicitou en diversas ocasións a proclamación o Estado Catalán dentro do estado federal español.
A irrupción do rexionalismo catalán
A Restauración borbónica supuxo a volta á clandestinidade do obreirismo e un retroceso do federalismo, que foi pouco a pouco substituído polo catalanismo: en 1882 creouse o Centre Català, en 1887 a Lliga de Catalunya, en 1892 a Unió Catalanista, que no seu primeiro congreso en Manresa aprobou as bases dun proxecto de constitución para Catalunya (1893), e en 1901 a Lliga Regionalista, liderada por Prat de la Riba. Esta agrupación dominou a política catalá ata a ditadura de Primo de Rivera trala creación de Solidaritat Catalana (1905). A partir de 1890 a actitude dos patróns, que se negaban a recoñeceren calquera dereito aos obreiros, levou os anarcosindicalistas ao terrorismo. Fronte ao catalanismo e ao anarcosindicalismo, os monárquicos cataláns organizaron ao redor de Alejandro Lerroux un movemento cidadán de certa importancia.
Da Semana Tráxica á Ditadura de Primo de Rivera
Barcelona foi o escenario en 1909 dos sucesos da Semana Tráxica, nos que o pobo se manifestou contra a Guerra de Marrocos e que foron duramente reprimidos polo goberno. En 1911 a Lliga presentou un proxecto para reformar a administración de Catalunya do que xurdiu a Mancomunitat de Catalunya, constituída en 1914 coa presidencia por Prat de la Riba. A neutralidade española durante a Primeira Guerra Mundial reportou grandes beneficios á burguesía catalana; sen embargo, a inexistencia dun diálogo social que recoñecese certos dereitos aos traballadores provocou un período de gran conflitividade social que rematou na folga xeral revolucionaria de agosto de 1917. A raíz deses feitos, o exército fíxose dono da situación política de España e a Lliga virou cara a posicións máis conservadoras e próximas á oligarquía española, feito que provocou en 1922 a escisión de Acció Catalana e o nacemento do Estat Català de Francesc Macià. O aumento da tensión social levou o xeneral Primo de Rivera ao golpe de estado de 1923, que foi apoiado por amplos sectores da burguesía catalá na confianza de que a Ditadura acabaría coa axitación social e recoñecería o dereito á autonomía de Catalunya. A supresión da Mancomunitat en 1925 e o achegamento do sector máis progresista do catalanismo á oposición obreira motivaron a creación en 1926 de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), dirixida por Francesc Macià e Lluis Companys.
A Generalitat republicana e a Guerra Civil
A República catalana, proclamada en Barcelona por Macià, transformouse axiña na Generalitat, un goberno autonómico dentro da República española, que recibiu plenas competencias en infraestruturas, xustiza e educación a partir de 1932. A crise económica e o triunfo da dereita española no goberno de Madrid en 1933, que paralizou as reformas sociais e freou o proceso de autogoberno catalán, impulsaron unha alianza entre o movemento obreiro e o catalanista que desembocou na folga xeral de outubro de 1934 e na proclamación dunha república federal. A revolta foi facilmente reprimida e, ata febreiro de 1936, derrogouse o Estatut catalán. Trala sublevación militar do 18 de xullo de 1936 creouse o Comitè Central de Milicies Antifeixistes en tanto non se restablecía a Generalitat, que dende outubro de 1936 instaurou un sistema socialista descentralizado. As profundas tensións políticas que xurdiron no seo dese goberno remataron nun enfrontamento sanguento en maio de 1937. A crise económica provocada pola guerra e as continuas derrotas republicanas fixeron fracasar a revolución catalana, que finalizou cando as tropas franquistas entraron en Barcelona en 1939 sen atopar apenas resistencia.
Catalunya baixo o franquismo
As autoridades franquistas, coa colaboración dun sector da burguesía catalana, eliminaron toda a oposición interior, suprimiron por decreto as institucións políticas e culturais catalanas e promoveron a absorción das empresas catalanas dentro doutras de ámbito estatal. O “desarrollismo” dos anos sesenta facilitou a reconstrución da oposición interior, tanto a nacionalista como a obreira. A oposición obreira, que se manifestara por primeira vez na folga dos tranviarios de Barcelona en 1951, estruturouse no tardofranquismo ao redor das Comissions Obreres de Catalunya. O nacionalismo difundiuse entre as clases medias grazas á recuperación de diversas institucións (Òmnium Cultural), á actividade editorial e ao fenómeno da Nova Cançó. Na década dos sesenta as forzas políticas catalanas converxeron na Assemblea de Catalunya, que en 1976 se integrou na Platajunta española.
Catalunya trala recuperación da democracia
A instauración da democracia, a partir de 1977, facilitou a recuperación do autogoberno catalán. Constituída a Assemblea de Parlamentaris e recoñecida a lexitimidade do presidente Tarradellas, o goberno central decretou en setembro o restablecemento da Generalitat de Catalunya baixo a presidencia de Josep Tarradellas. O novo Estatut entrou en vigor en decembro de 1979 e, tralas primeiras eleccións autonómicas de marzo de 1980, gobernaron os nacionalistas de Convergència i Unió (CiU). As eleccións autonómicas posteriores renovaron o goberno nacionalista de CiU e mantiveron na presidencia da Generalitat a Jordi Pujol.
Arte
As mostras do patrimonio cultural de Catalunya remóntanse aos períodos solutrense e madalenense, dos que se conservan pedras decoradas e as pinturas rupestres de Cogul. Da época da colonización grega hai numerosos restos, como as cidades de Empúries e Roses, onde se atoparon esculturas como as de Asclepio e Afrodita. A civilización romana deixou unha fonda pegada en Tarragona, Barcelona, Girona e Empúries. Destacan o palacio de Augusto en Tarragona, vestixios de circos, teatros e anfiteatros, os arcos de Berà e Martorell, a torre funeraria dos Escipións e os restos dos grandes templos de Tarragona e Barcelona. Entre as obras de enxeñería sobresae o acueduto de Tarragona. As primeiras mostras arquitectónicas cristiás son de carácter sepulcral, como o mausoleo de Centcelles (s IV), en Constantí; as basílicas de Barcelona (s VI?) e Santa Maria de Terrasa e os restos dun templo na necrópole de Tarragona. No anfiteatro de Tarragona consérvase un templo con ábsidas de arco de ferradura da época visigoda. A arte musulmá amósase na denominada fiestra moura atopada nunha parede do claustro da catedral de Tarragona e nos restos dos castelos árabes de Lleida e de Tortosa. O prerrománico catalán comezou coa reconstrución de edificios de épocas anteriores e coa construción de basílicas de pedra con cubertas de madeira e cabeceiras formadas por santuarios rectangulares ou poligonais. No s X comezou a empregarse o arco de ferradura mozárabe e a bóveda como cuberta nas pequenas construcións. Neste século comezaron a construírse os conxuntos de Sant Miquel de Cuixá, Santa Maria de Ripoll e Sant Pere de Rodes, destacan tamén as igrexas de Santa María de Tossa de Montbui e Sant Quirze de Pedret. O Románico é un dos estilos máis representativos de Catalunya polo número de construcións conservadas. No s XI sobresaen, por unha banda, Sant Vicenç de Cardona, Ripoll, Cuixá, Sant Salvador de Breda e o castelo de Llordá (Lleida), relacionados coa arte lombarda, e por outra banda, as manifestacións do Roselló e do Empordá, como San Pere de Rodas e Sant Andreu de Sureda. No eido da pintura destacan as pinturas murais de Sant Climent de Tahull. As catedrais de Lleida e Tarragona representan a transición do románico ao gótico. A arte cisterciense atópase nos mosteiros de Poblet e Santes Creus. Propiamente góticas son as catedrais de Barcelona e Girona, e a igrexa de Santa Maria del Mar, en Barcelona. No eido da arquitectura civil destacan as cámaras reais dalgúns mosteiros, palacios municipais, así como o da Generalitat. Como mostra da arte renacentista, destacan a torre Pallaresa de Barcelona, o colexio de Sant Macià en Tortosa e o palacio do embaixador en Vic. No s XVIII conviviron os elementos derivados do Rococó, como o palacio da Virreina en Barcelona, e a renovación arquitectónica, visible na Ciutadella de Barcelona e na Universitat de Cervera. Xa no s XIX destaca a planificación urbanística de Barcelona, de Ildefons Cerdá, e as numerosas construcións modernistas, entre as que destacan o Castell dels Tres Dragons, de Domènech i Montaner, a casa Batlló, de Vilaseca, e as obras de Gaudí como o parque Güell, La Pedrera e a inacabada Sagrada Familia. O noucentisme, corrente dominante na arte catalá entre 1911 e 1931, correspondeu á institucionalización da cultura catalá ao redor da mancomunitat. Significou unha reacción ao modernismo a través do culto á norma, á medida, á linguaxe común e á racionalidade. Entre as súas manifestacións destacan os grupos escolares de Josep Goday. A combinación do neopopularismo coas formas da arquitectura continental maniféstase nas obras de Francesc Folguera, como o Casal de Sant Jordi (1928-1932). As vangardas introducíronse en Catalunya na época do Estatut. Mentres Joan Miró e Salvador Dalí foron os seus máximos representantes na pintura, a arquitectura vangardista foi racionalista e tivo a súa máxima expresión cos arquitectos do GATPAC e con obras como a Casa Bloc de Josep Lluís Sert ou a Escola de Arquitectura de Torres i Clavé. Xa nos anos cincuenta destacan o Colexio de Arquitectos, de Busquets, e a facultade de dereito, de Subias, Giráldez e López Íñigo en Barcelona. Entre as obras dos últimos anos destacan a casa Olérdola (1975-1981), de J. Bach; o Museu de Granollers, de A. Bosch, J. M. Botey e L. Cuspinera; o Teatro Nacional de Catalunya e o novo aeroporto de Barcelona, de Ricardo Bofill; o Palau d’Esports de la Vall d’Hebron (1992), de J. Garcés; o Museu de la Caixa de Pensions (1979) de E. Soria; o Hotel Hilton (1986-1990) de H. Piñón; o Velódromo de Barcelona (1983), de E. Bonell e F. Rius, e a construción da Vila Olímpica no Poble Nou, obra de J. Martorell e O. Bohigas entre outros. En canto ás institucións museísticas da Comunidade Autónoma cómpre destacar o Museu d’Arqueologia de Catalunya, o Museu Nacional Arqueológic de Tarragona, o Museu d’Historia de Catalunya, o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), o Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA), o Museu d’Art Modern de Tarragona, o Museu d’Art de Girona, o Museu Picasso e o Teatre-Museu de Dalí en Figueres.