Catarina
Prenome feminino procedente do grego Ekaterine, quizais derivado de Ekatos, atributo de Apolo, ou de Hécate ( ἑ κάτη), deusa nutricia da xuventude e da maxia. No mundo cristián occidental, este nome relacionouse co adxectivo grego καταρός ‘limpo, puro’; por esta razón, a forma Catharina espallouse por todas as linguas occidentais mentres que en Oriente perviviu a grafía tradicional: Aikaterine (grego moderno) ou Ekaterine (ruso). Como antropónimo presenta as variantes gráficas Cateliña, Cataliña, Catalina e os hipocorísticos Catuxa e Catia. Santa Catarina de Alexandría, patroa dos teólogos e filósofos, celébrase o 25 de novembro; Santa Catarina de Siena, patroa de Italia e das mulleres solteiras, o 29 de abril; e Catarina Labouré, quen tivera unha visión da Virxe en París en 1830 da que naceu a advocación da Milagrosa, o 28 de novembro. Na tradición oral son abondosas as mostras que dan fe da devoción cara a esta santa: “Santa Catarina, gárdanos da morte repentina”, “Santa Catarina, filla do rei mouro, matouna o seu pai cunha espada de ouro”, “En Galicia hai unha santa, / que Catarina se chama, / morreu atada a unha roda / de coitelas amoladas”, “Por santa Catarina da Roda, cata a neve na túa horta”, “De santa Catarina a Nadal vai un mes xusto e cabal”, “Por santa Catarina, filloas de porco e fariña”, “Por santa Catarina a verza val galiña; pola Conceizón val capón e por xaneiro val carneiro”.