catastro
(< fr antigo catastre?)
Censo oficial das parcelas rústicas e urbanas dun territorio, realizado con finalidade xurídico-fiscal, no que se consigna unha estimación do valor de cada unha delas. Distínguese o catastro estatístico, que só describe as propiedades sen mención do seu propietario, e o catastro xurídico, que ademais determina a relación xurídica coas persoas titulares. En España, a súa elaboración, conservación e revisión é responsabilidade do Centro de Gestión Catastral, organismo dependente do Ministerio de Facenda. Os catastros teñen a súa expresión cartográfica no levantamento dun plano de cada termo municipal; á súa vez, este plano divídese en polígonos topográficos, delimitados polas liñas máis notables e por particularidades permanentes do terreo, como ríos, canles, vías de comunicación, etc. Dentro de cada polígono localízanse as parcelas que comprende, feito que dá lugar aos planos parcelarios. En Galicia, como no resto de España, fixéronse numerosos catastros que resultaban útiles para coñecer a riqueza do reino. Durante o Antigo Réxime convertéronse nunha inestimable fonte de información, como acontece co catastro do Marqués de la Ensenada (1750-1754), que conta cunha detallada información sobre os residentes nas diferentes entidades de poboación, os seus bens e a distribución da propiedade entre os estamentos sociais, datos imprescindibles para coñecer o estado da poboación, os distintos sectores económicos e as relacións socioxurídicas baseadas na propiedade da terra. Os catastros actuais clasifican a riqueza entre bens de natureza rústica e urbana; no tocante aos bens rústicos, sinalan o número de titulares, superficie catastrada, parcelas e valoración, e distinguen entre contribuíntes e titulares exentos; en relación aos bens urbanos, a información refírese tanto aos terreos edificables como aos edificados, cunha clasificación en función do réxime de propiedade (propiedade única, copropiedade ou outras modalidades). En 1997 o catastro de bens rústicos na Comunidade Autónoma de Galicia abranguía 1.575.871 titulares, dos que tan só 157.236 tiñan o carácter de contribuíntes, o que mostra a excesiva atomización da propiedade rural; os titulares representan o 19,53% dos propietarios de todo o estado, mentres os contribuíntes son tan só o 7,16%. A superficie catastrada é de 2.639.197 Ha (o 5,6% da estatal), cun promedio de 1,67 Ha por titular, contra as 5,84 Ha de media española. A superficie correspondente a contribuíntes representa 1.307.922 Ha, practicamente a metade do total, moito menor ca no conxunto do estado onde chega ao 74,44%. Outro feito diferencial é a forte parcelación da propiedade rural: en Galicia as parcelas suman 13.151.285 (aproximadamente o 13% das existentes en España), cun fraccionamento medio de 8,35 parcelas por titular. A valoración catastral é de 127.187 millóns de pesetas, o que constitúe un 11,57% do conxunto do territorio español. En relación ao catastro de bens urbanos as parcelas edificadas suman 841.094, o 9,15% das españolas; o 92,22%, está en mans de propietarios únicos, tanto do solo como das edificacións, fronte ao 88,74% de media española. Pola contra, a copropiedade posúe menos peso e non pasa do 7,24%, fronte ao 10,20% de todo o Estado. O tamaño medio das parcelas edificadas é tamén inferior ás do conxunto de España; así as menores de 100 m2 acadan o 45,57%, as comprendidas entre 100 e 500 m2 representan o 42,26%, e só o 12,17% para superficies maiores, fronte ao conxunto do estado, no que o 33,49% é de parcelas inferiores a 100 m2, o 50,62% das comprendidas entre 100 e 500 m2 e o 15,89% das de maior tamaño. O total de terreos edificables ascende a 209.339, o 10% dos españois, con tamaños tamén menores aos do conxunto estatal. Así, os inferiores a 100 m2 constitúen o 17,52% en Galicia e o 12,98% en España, os comprendidos entre 100 e 500 m2 suman o 45,06% contra o 40,08% estatal, e os superiores o 37,42% e o 46,94%, respectivamente. A valoración catastral dos bens urbanos é de 5.594.832 millóns de pesetas, un 5,69% da estatal, distribuída entre 1.687.017 unidades urbanas (un 6,83% das estatais) cunha valoración aproximada por unidade de 3,3 millóns de pesetas, fronte aos preto de catro millóns no conxunto do estado.