Catastro do Marqués de la Ensenada
Censo demográfico e fiscal elaborado entre 1750 e 1754 nos reinos peninsulares da coroa de Castela, entre eles o de Galicia, por un decreto do Rei Fernando VI a instancias de Zenón de Somodevilla y Bengoechea, Marqués de la Ensenada, secretario de Facenda, Guerra, Mariña, Indias e Estado, e gobernador do Consello de Castela. O catastro tiña como base unha enquisa constituída por 40 preguntas relativas á poboación, ás propiedades e ás actividades económicas de cada unha das parroquias. Este cuestionario (interrogatorio) debía ser respondido en primeira instancia polo párroco, o alcalde, os rexedores da xurisdición e dous veciños elixidos por eles. Os responsables da recolección dos datos eran funcionarios (xustizas e intendentes) nomeados para a ocasión, acompañados de escribáns, agrimensores, taxadores e os peritos que fosen precisos. Ademais, cada veciño debía declarar os seus datos particulares: nome e apelidos, profesión, condición social, familia, fontes de ingresos e propiedades. Constitúe unha das principais fontes para a investigación da economía e da sociedade do Antigo Réxime.