catecismo

catecismo

(

    1. s m [RELIX]

      Libro que contén un sumario dos principios da doutrina cristiá, xeralmente en forma de preguntas e respostas. A Igrexa Católica publica unha edición oficial na que vai recollendo os cambios que se introducen no seu corpo doutrinal. Este catecismo oficial ten un carácter universal; outras compilacións doutrinais empréganse para a aprendizaxe dos catecúmenos. Xa dende a Alta Idade Media apareceron textos en forma de cuestionario. En Francia tivo unha gran difusión o ABC des simples gens de Gerson, de finais do s XV, e en Inglaterra o catecismo de Colet. A Reforma supuxo unha grande expansión dos catecismos: Lutero publicou o Kleiner Katechismus (1529), para nenos, e máis tarde Calvino e Butzer seguiron o seu exemplo. Entre os católicos os máis destacados foron: Summa Doctrinae Christianae (1554), de Petrus Canisius, e o Catecismo romano (1566), que recollía as conclusións do Concilio de Trento (simplificado no ano 1581). Un dos que maior difusión acadou foi o escrito polo sacerdote xesuíta Gaspar Astete en 1597, titulado Doctrina Cristiana, que constituíu ata finais do s XX o principal elemento de divulgación da fe católica nos países do ámbito hispánico. Dende finais do s XIX tendeuse a realizar unha unificación dos catecismos con criterios lingüísticos ou estatais.

    2. s m

      Obra que explica algnha ciencia ou arte baixo a forma de preguntas e respostas.

      Ex: Publicou un libro coas súas teorías en forma de catecismo.

    3. s m

      Libro que contén un resumo dos principios dunha doutrina.

    4. catecismo político [POLÍT]

      Compendio doutrinal dirixido ás clases populares e empregado, especialmente no s XIX, para divulgar teorías políticas e sociais a través de preguntas e respostas, dun xeito semellante aos catecismos tradicionais da doutrina cristiá. Algúns exemplos, fóra do ámbito galego, foron o Catecismo político para instrución del pueblo español (Cádiz, 1810), o Catéchisme des industriels (1823-1824), de Saint-Simon, ou o Catecismo político (1865), de Rodríguez Valhondo, dedicado aos escolares. Os galeguistas, así mesmo, empregaron os catecismos para difundir as súas doutrinas entre a poboación en diferentes ocasións. La primera luz (1860), de Manuel Martínez Murguía, é un catecismo destinado á alfabetización patriótica no que se resolven cuestións relacionadas coa xeografía, a historia, a relixión e a literatura de Galicia ao longo de vinte temas. Outro destes compendios doutrinais é o Catecismo do labrego (1889), de Valentín Lamas Carvajal, quen expón en clave satírica a mísera situación do labrego galego do s XIX sometido ao poder das autoridades administrativas que atentaban contra a súa dignidade e se aproveitaban dos froitos do seu traballo. O último deles é o Catecismo solidario (1907), de Uxío Carré Aldao, no que se expresa o ideario de Solidaridad Gallega e que propón a afirmación da personalidade galega.

  1. s m [RELIX]

    Ensino elemental da doutrina cristiá, especialmente dirixida aos nenos.

    Sinónimos: catequese, catequismo.
  2. s m

    Conxunto de principios e puntos básicos dunha doutrina.