Catecismo Solidario
Cartilla bilingüe elaborada por Uxío Carré Aldao que se editou a finais do ano 1907. En outubro dese ano apareceu na revista Galicia Solidaria, voceiro de Solidaridad Gallega, unha convocatoria para elaborar un folleto en galego que difundise no medio rural as ideas da solidariedade social e que sería premiado con cen pesetas. Nese caso, o seu autor cedería todos os dereitos de edición ás sociedades agrícolas de Galicia, que poderían publicalo ilimitadas veces. Non obstante , a falta de orixinais fixo que Uxío Carré Aldao, vinculado á xunta solidaria coruñesa, asumira ese compromiso. O Catecismo solidario tiña, desde un punto de vista formal, moitas similitudes co Catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal, e respecto á composición pódense distinguir dúas partes: unha ideolóxica e outra literaria. O ideario que se expresaba neste Catecismo propuña a afirmación da personalidade galega, a eliminación do caciquismo, a realización de estudios económicos sobre a realidade galega que achegasen solucións para o agro (redencións forais ou mellora das sementes) e a rexeneración da vida política española a partir do esforzo rexional.