catedrático -ca

catedrático -ca

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente á cátedra.

  2. s [EDUC]

    Persoa que ocupa unha cátedra como titular. A condición de catedrático recoñécelles unha especial cualificación e méritos aos docentes que a posúen. Unha vez acadada esa condición, mantense a título persoal con independencia do destino que se desenvolva e, ademais, valórase a todos os efectos como mérito docente específico que pode variar segundo as determinacións dos órganos competentes da administración do Estado ou das Comunidades Autónomas. Existen diversos tipos de catedráticos que, aínda que gardan semellanzas, teñen, sen embargo, funcións diferentes, como diferentes son en cada caso os méritos e consursos de acceso que deben superar. O termo catedrático e as funcións que desempeña, ligado dende o seu nacemento ao mundo universitario, estendeuse a outros ámbitos educativos. Non obstante , como o grao de catedrático esixe necesariamente a condición de doutor, arquitecto, enxeñeiro ou licenciado, non existe no Ensino Primario. Deste modo, existen catedráticos tanto no Ensino Secundario -o grupo máis numeroso- coma no mundo universitario, no que se establecen dúas categorías: Catedrático Numerario de Universidade e Catedrático Numerario de Escola Universitaria. Nos dous procesos selectivos están perfectamente diferenciados e regulamentados. Os catedráticos numerarios de Universidade acceden a tal condición por concurso-oposición; antigamente podían ser nomeados mediante un concurso de méritos entre profesores agregados de Universidade. En calquera caso, os aspirantes deben ser doutores e mesmo profesores titulares de Universidade, e, polo tanto, teñen que ter demostrado un nivel de competencia docente ademais dunha contrastada experiencia investigadora. Os catedráticos de Escola Universitaria, pola súa parte, adquiren esa condición tamén a través dun concurso-oposición entre profesores titulares e doutores de Escola Universitaria. En ambos os casos determínanse legalmente as condicións e méritos que deben posuír os aspirantes e tamén o proceso de nomeamento e constitución dos tribunais examinadores constituídos por profesores catedráticos. No Ensino Secundario, dende a entrada en vigor da reforma educativa (LOXSE), diferéncianse tres tipos distintos de catedráticos: de Ensino Secundario, propiamente, de Artes Plásticas e Deseño e de Escolas Oficiais de Idiomas. Esta distinta denominación remite ás especiais características que en cada caso deben posuír os aspirantes, aínda que na práctica o modelo de selección non presenta moitas diferencias. Para os catedráticos de Ensino Secundario, calquera que sexa a especialidade pola que opten, a lei prescribe que deben ter unha antigüidade mínima de oito anos no correspondente corpo e especialidade. O sistema de selección consta dun concurso de méritos e dunha proba polo que se seleccionan aqueles aspirantes que obtiveran como mínimo o 35% da puntuación máxima total. Estes candidatos deben ordenarse segundo a suma das puntuacións acadadas no concurso e na proba, para logo, unha vez determinada a orde, adxudicar as prazas motivo de concurso en función do número conseguido e do número de prazas convocadas. No caso de se produciren empates, estes resolveranse atendendo a unha serie ben definida de criterios que remiten sucesivamente á maior puntuación acadada na proba e logo en cada un dos apartados e subapartados que figuran no baremo determinado na convocatoria correspondente. Na fase de concurso valóranse os méritos dos aspirantes entre os que se terán en conta o traballo desenvolvido e os concursos de formación e perfeccionamento superados, xunto cos méritos académicos demostrados. A valoración realizarase de acordo co baremo que establezan en cada caso as convocatorias. A proba consiste na exposición, seguida dun debate, ambos os dous orais, dun tema relacionado co currículo da especialidade escollida polo candidato. Esta proba puntuarase de 0 a 10. É competencia das administracións educativas convocantes dos distintos concursos o recoñecemento da condición de catedrático a aqueles que superen o proceso selectivo establecido a tal efecto e mesmo a expedición das credenciais que procedan de acordo coa normativa da Función Pública que sexan de aplicación no seu caso. Dende a posta en marcha da LOXSE, os funcionarios pertencentes ao extinto Corpo de Catedráticos Numerarios de Bacharelato, que acadaron tal condición nos concursos establecidos no seu momento, recoñéceselles a condición de Catedrático de Ensino Secundario e respéctanselles os dereitos económicos e a súa antigüidade. Na lei tamén se determina que unicamente se recoñecerá a condición de catedrático ao 30% dos funcionarios correspondentes a cada Corpo. Excepcionalmente, na primeira convocatoria que se celebrou no ano 1991, a condición de catedrático adquiriuse a través dun concurso de méritos que só esixía pertencer ao Corpo de funcionarios docentes. Para tal fin as administracións educativas convocantes estableceron un baremo e unha única condición segundo a que en ningún caso poderían superar o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao que se determinaban na convocatoria.

  3. s m [RELIX]

    Tributo e beneficios que as igrexas teñen que pagar cada ano ao bispo como signo de submisión.

Palabras veciñas

catedral | catedralicio -cia | catedralidade | catedrático -ca | categorema | categoremático -ca | categoría