Catilina, Lucio Sergio
Político romano. Membro dunha familia patricia, seguiu o cursus honorum. Foi cuestor no ano 77 a C, pretor no 68 a C e gobernador de África no ano 67 a C. Acusado de corrupción, foi procesado e non puido participar nas eleccións para cónsul. Organizou, entón, a primeira das súas conspiracións de asasinato contra os cónsules, que non chegaría a producirse. Absolto dos cargos, presentouse ás eleccións do ano 63 a C, apoiado polos demócratas e financiado por Craso e César. Derrotado por Cicerón, que contou co apoio da aristocracia, Catilina presentou novamente a súa candidatura no ano 62 a C, cun programa no que incluía a eliminación das débedas. Con esta medida gañou numerosos apoios entre a plebe urbana, os campesiños e os veteranos de Sila. Planificou, ao mesmo tempo, unha nova sublevación armada, que tivo lugar despois dunha nova derrota electoral, desde Roma, pasando pola Etruria, ata o Piceno e a Apulia. Cicerón foi informado da conspiración, denunciouno e lanzou contra el as famosas Catilinarias. Catilina fuxiu a Etruria, onde se reuniu con Caio Manlio. Cicerón aproveitou a fuxida e conseguiu que, sen que se celebrase un xuízo, o senado condenase a morte os implicados. O movemento en Roma fracasou e Catilina tentou fuxir á Galia, pero, detido polo cónsul Caio Antonio, morreu na Batalla de Pistoia.
Cronología
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Pistoia