Catón Compostelano, El

Catón Compostelano, El
[PUBLIC]

Primeiro xornal editado en Galicia que saíu do prelo o 1 de maio de 1800 na cidade de Santiago de Compostela. Comparando a data de publicación de El Catón Compostelano coa dos primeiros periódicos españois, obsérvase o enorme baleiro no que estivo sumida a prensa galega durante unha boa parte do s XVIII. Este xornal, fundado por Francisco de Valle Inclán, nace nunha época na que era difícil sacar á luz “papeis públicos”, debido á censura previa que existía. De feito, os “autores de papeles periódicos” tiñan a obriga de presentalos asinados por si mesmos ao xuíz de imprenta, e este era o encargado de outorgar ou rexeitar a licenza de impresión se, previamente, o ditame do censor fora favorable. A aparición deste decano dos xornais galegos foi o decisivo punto de arranque para novas publicacións periódicas, pero non dunha maneira inmediata, xa que non volvería aparecer ningún outro no período que vai de 1800 a 1808. O tipo de periodismo que se fixo coa entrada das tropas napoleónicas pouco ten que ver co fondo e coa forma de El Catón Compostelano. As loitas ideolóxicas serán a temática común de boa parte da prensa en Galicia a partir dese momento. El Catón Compostelano saíu cunha periodicidade semanal, con dezaseis páxinas correlativas e un formato de 8º español (0,10 x 0,075 de caixa) e imprimíase na casa da Heredera de Frayz. Levaba como lema: Recti apud nos locum tenet error, ubi publicus factus est. Senec. Ep. 123. Cada exemplar saía baixo a denominación de Discurso, seguido dun número. O semanario tratou temas políticos e literarios, e converteuse, ao mesmo tempo, nun apoloxista da Igrexa, á que curiosamente criticou tamén duramente. Por todo isto, saíulle ao paso un folleto anónimo, en sinal de contrarréplica, titulado: Desagravios del clero latino, insultado en sus propias barbas, por El Catón Compostelano. A recuperación dunha colección completa deste periódico compostelán foi, durante case dous séculos, tarefa complicada. O arqueólogo Eladio Oviedo Arce atopou dous exemplares que doou á biblioteca da Real Academia Galega. O xornalista coruñés Eugenio Carré Aldao comentaba que eran escasos os exemplares que saíran e poucas as persoas que viran algún número desta publicación que camiñaba entre o liberalismo e o poder eclesiástico. En 1915 Carré tiña o convencemento de que o Discurso XII fora o derradeiro que se editara; non obstante, en 1949 apareceu en Ourense unha colección completa. A devandita colección está formada por vinte números, con paxinación correlativa ata a 336. Cada número consiste nun discurso. Os catro primeiros refírense á orixe das linguas románicas; o quinto, a unha política sobre o uso de raer a barba; o sexto trata da posibilidade de construír unha máquina voadora; o sétimo, sobre a utilidade da arte de escribir; o oitavo e o noveno, sobre os vicios da época; o décimo, sobre a paz; o undécimo, sobre a utilidade do luxo; o duodécimo, sobre os costumes; o décimo terceiro, sobre a liberdade; o décimo cuarto, sobre algunhas plantas de España; o décimo quinto, sobre o tempo; o décimo sexto, sobre o recíproco desprezo das nacións; o décimo sétimo, sobre materias relixiosas; o décimo oitavo, sobre temas varios; o décimo noveno titúlase: continuación do discurso do incógnito; e o vixésimo está dedicado a contestar a outros anteriores.

Palabras veciñas

catolicosado | 1 catón | 2 catón | Catón Compostelano, El | Catón, Marco Porcio | Catón, Marco Porcio | catóptrica