cazador -ra

cazador -ra

(< cazar)

  1. adx e s

    Que ou quen caza porque é a súa profesión ou como deporte. Na tradición oral recóllense ditos como: “A cazador novo, can vello. Cazador e troiteiro, nin ten boa meda nin bo palleiro. Cazador sen morral, caza pouco e caza mal”.

    Ex: O domingo os cazadores non puideron saír a causa da néboa.

  2. adx

    Aplícase aos animais que capturan a outros animais por instinto natural.

    Ex: O gato é un bo cazador de ratos.

  3. s [BÉL]

    Soldado de infantería ou de cabalería pertencente a batallóns ou rexementos lixeiros. As primeiras unidades foron creadas por Federico II de Prusia en 1740.

  4. cazador recadador [ETN]

    Sociedade que vive dun conxunto de actividades de explotación dos recursos inmediatamente subministrados pola natureza, sen que esta sexa transformada (caza, pesca e recolleita de froitas, vexetais e outros recursos naturais como o mel ou o marisco), con fins alimentarios. Esta denominación xorde a partir das investigacións dos prehistoriadores, que demostraron a amplitude desta estratexia de subsistencia durante a Prehistoria, e aplícase aos grupos que subsistiron ao longo da historia. Os últimos localizáronse en América do Norte (costa NO de California, Alasca e N de Canadá), as terras baixas de América do Sur, Australia e certas zonas de Siberia e África austral. Tradicionalmente atribuíase a este tipo de sociedades un modelo social baseado na banda (segundo a denominación de Steward) ou horda (segundo Radcliffe-Brown), onde predominaban as relacións sociais igualitarias. Non obstante , a existencia de estratificación social nalgunha das sociedades, levou a antropólogos como Testart a identificar o almacenamento como base material do desenvolvemento das desigualdades, polo que non se poden integrar nunha mesma categoría antropolóxica todos estes grupos.

Palabras veciñas

cazable | cazabombardeiro | cazacú | cazador -ra | cazadora | cazaescota | Cazalla de la Sierra