CD
-
[TECNOL]
Acrónimo de Disco Compacto. Formato de almacenamento de información lexible de forma óptica lanzado por Philips e Sony na década dos oitenta do s XX. Empregouse orixinariamente para almacenar gravacións de música dixitalizada; posteriormente, estendeuse o seu uso para almacenar arquivos de ordenador (CD-ROM) e de vídeo interactivo (CD-I). Os datos que contén están codificados en sucos microscópicos e lense mediante unha exploración do disco por medio dun láser infravermello. A diferenza dun disco de ordenador, contén os datos nunha longa pista en espiral, igual que o suco dun disco fonográfico; isto simplifica o deseño dos aparatos reprodutores. Cada unidade pode conter 74 minutos de audio (suficientes para a Novena Sinfonía de Beethoven, que foi a meta do deseño) ou de 680 MB de datos de ordenador, aínda que posteriormente apareceu outro formato cunha duración de 80 minutos ou cunha capacidade de 700 MB.
-
CD multisesión
[INFORM]
Disco compacto (CD-ROM) que non foi gravado dunha vez, senón que algúns arquivos se gravaron nun determinado momento e logo engadíronse máis. O seu directorio ocupa máis dun bloque do espazo do disco, mentres que o software inicial do CD-ROM non le necesariamente os CD multisesión.
-
CD-I
[TECNOL]
Disco interactivo compacto, semellante a un disco compacto de audio, que almacena información multimedia (imaxes fixas ou en movemento, son, etc). Os lectores de CD-I comercialízanse como accesorios dos equipos de televisión.
-
CD-PHOTO
[IMAX]
Formato creado especificamente pola compañía Kodak para gardar fotografías nun CD lexible por ordenador.
-
CD-PLUS
[TECNOL]
Formato de gravación mediante o que un CD pode conter unha parte de son reproducible nunha cadea musical e outra parte de datos lexible nun ordenador.
-
CD-ROM
[INFORM]
Disco compacto empregado só para ler. Fisicamente semellante a un disco compacto de audio, contén datos utilizables por un ordenador, incluso música e vídeo, sempre que estean gravados nun formato interpretable por este. A maioría dos ordenadores van equipados con unidades lectoras aos que tamén se lles poden instalar gravadoras para copiar CD-ROM, para o que empregan CD gravables (CD-R) ou regravables (CD-RW). A capacidade de almacenamento dun CD-ROM é duns 680 megabytes (aproximadamente 470 veces a dun disquete de 3,5 pulgadas) ou 700 megabytes, segundo o formato. A diferenza dos disquetes, os CD-ROM non están ligados co sistema operativo dun ordenador específico (aínda que o software que ten no seu interior pode estalo). Non obstante , para que un ordenador cun sistema operativo A poida interpretar datos gravados para outro, cun sistema operativo B, probablemente se necesitan aplicacións adicionais. Os CD-ROM proporcionan son dixitalizado, imaxes e presentacións multimedia que resultarían moi voluminosas para gravar en disquetes normais (por exemplo, un CD-ROM pode conter unha enciclopedia completa ou unha colección de centos de imaxes). O uso dos CD-ROM e dos aparatos lectores espalláronse a partir de 1993; aínda así os producidos ou editados en lingua galega son escasos. Entre eles, cómpre destacar: un traballo sobre Ánxel Fole (1997); Lingua +, Galego, lingua propia de Galicia, Palabra herdada, Galingua; Base bibliográfica da emigración galega; Repertorio da prensa galega da emigración; O príncipe feliz, O traxe novo do emperador; Androcles e o león; Os nosos seres vivos; A arte barroca; A arte galega; El arte en el Camino de Santiago, Eugenio Fernández Granell; a colección de arte de Caixa Galicia; A pedra de Galicia; Terra terremota, Bicho e Los secretos del Camino. Ademais, as universidades galegas publican información sobre os seus proxectos ou sobre as teses lidas nun determinado período.
-
CD-ROM XA
[INFORM]
Arquitectura estendida de CD-ROM. Conxunto de extensións de formato ISO 9660 para os datos do disco compacto que permite que o son e o vídeo se intercalen cos datos de ordenador (o formato anterior requiría que o son, o vídeo e os arquivos de ordenador estivesen en pistas separadas).