Cea, Santa

Cea, Santa

ou Derradeira Cea Xuntanza que, segundo os Evanxeos, realizou Xesús cos seus doce apóstolos para celebrar a Pascua, tal e como preceptuaba a Lei de Moisés, e na que se instituíu a eucaristía. Despois de cear e cantar os salmos de celebración da Pascua, saíron cara ao monte de Xetsemaní onde prenderon a Xesús. A Santa Cea foi un tema moi representado na iconografía cristiá, dende a que pasou a toda a arte occidental. Hai mostras xa na arte paleocristiá e nos mosaicos bizantinos de San Apolinar il Nuovo en Ravenna (s VI). A composición máis habitual é a de dispoñer os apóstolos, con Xesús no centro, ao redor dunha longa mesa e de cara ao espectador. No románico introduciuse a figura de Xudas e o anuncio da traizón; desta época destacan a representación pictórica de san Isidoro de León, os capiteis da catedral de Pamplona e da igrexa de San Juan de la Peña. O gótico representouna dun xeito máis detallista e realista, como no retablo da catedral de Toledo. Durante o Renacemento foi unha iconografía moi representada; entre algunhas destas mostras destacan a de Leonardo da Vinci no refectorio de Santa Maria delle Grazie de Milán (1495-1498), a de Andrea del Sarto, Veronese ou Tintoretto na igrexa de Santa Marcuola de Venecia (1547). Cultivaron tamén este tema Juan de Juanes, Bartolommeo Carduci, Murillo, Ribera, Goya, Dalí e mesmo artistas pop, como Andy Warhol ou David Salle.